Os datos do paro feitos públicos esta semana amosaron un mercado laboral galego -e estatal- en mellora, con menos desemprego rexistrado que antes da crise de 2008 e máis emprego que antes da COVID, ademais dun asentamento do incremento na contratación indefinida tras a entrada en vigor da reforma laboral.
Malia alegrarse, segundo dixo, polas boas cifras, o presidente do PP e líder da oposición en España, Alberto Núñez Feijóo, acusou o Goberno central de "maquillar" os datos pola situación dos fixos discontinuos. Este venres, o seu sucesor á fronte da Xunta, Alfonso Rueda, secundouno nas súas críticas e foi máis aló: insiste na maquillaxe pero atribúe os números positivos ás políticas da Xunta e en ningún caso ás do Executivo de coalición.
Feijóo acusa o Goberno central de "maquillar" o paro ao non contar os fixos discontinuos como parados, algo que sempre se fixo así
Nunha entrevista en Onda Cero, Feijóo acusou o Goberno central de "maquillar os datos do paro" porque "aquilo que era temporal é agora fixo discontinuo", polo que "unha persoa que non está traballando porque ten un contrato temporal que se chama fixo discontinuo non aparece no paro".
Feijóo teima no argumentario do PP que pretende desmerecer os bos datos do desemprego aludindo a unha suposta "maquillaxe" que non é tal. As estatísticas do Ministerio de Traballo e da Seguridade Social non mudaron. Os fixos discontinuos que están inactivos non figuran como parados no SEPE -aínda que si poden facelo nalgúns casos na EPA do INE- ao igual que ocorría cando gobernaba o PP.
Ademais, e tal e como lembraba o ministro de Seguridade Social, José Luis Escrivá, estes fixos discontinuos "computan como afiliados en alta mentres están activos e deixan de computarse durante a súa actividade", polo que os datos de emprego reflicten con exactitude a súa situación no momento da estatística. "Estou perplexo ante as dúbidas sementadas sementadas sobre os positivos datos de emprego", insistía.
Alfonso Rueda, lonxe de desmarcarse, repetiu o argumentario de Feijóo e mesmo foi máis aló. Neste venres, nunha mesa sobre turismo, asegurou que "moitos dos traballadores fixos discontinuos traballan uns meses ao ano e o resto de meses non traballan pero tampouco están apuntados ao paro". Polo tanto, insistiu, considera que aí "hai un traballo de contabilidade" e que "o que dicía o presidente Feijóo ten unha base aí para vela".
Rueda comparte a crítica de Feijóo, advirte dun "traballo de contabilidade" por parte do Goberno central pero atribué os bos datos ás políticas da Xunta
Con todo, Rueda atribuíu os bos datos do paro en Galicila ás "políticas" postas en marcha pola Xunta. "A tendencia é boa pero proque as políticas que se desenvolven están funcionando, máis aló dun cambio normativo", insistiu, para destacar logo que "en Galicia o que funciona son as políticas para crear emprego".
Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, dixo estar "sorprendido" polo "descoñecemento" de Feijóo "ao falar de maquillaxe nos datos dos fixos discontinuos". "Son persoas cun contrato laboral en vigor e non contan como desempregados, algo que se fai así desde 1985, tal e como establece a lexislación e tal e como se aplicou durante todos os gobernos, tamén cos do PP", rematou.