"A EPA do segundo trimestre acredita o incremento interanual do paro do 11%" e, ante esta situación, á poboación galega só lle restaba botar man do seu "plus de paciencia ante a crise económica". En setembro de 2008 o daquela líder da oposición e aspirante á Presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, escribía estas verbas no seu blog. Daba así por bos os datos da Enquisa de Poboación Activa e, de paso, responsabilizaba o Goberno de coalición de PSdeG e BNG de non mudar o rumbo da situación. Máis de cinco anos despois daquela reflexión a propia EPA vén de impactar de cheo no argumentario da recuperación económica proclamado pola Xunta. En Galicia hai 16.100 persoas máis no paro que hai tres meses e 9.100 máis que hai un ano, din uns datos que agora Feijóo desdeña abertamente dende a xefatura do Goberno galego.
Tras a reunión semanal do Consello da Xunta Feijóo foi cuestionado a respecto das malas novas que trouxo consigo a EPA, unha enquisa que "reflicte unha serie de contidos que supoñen preocupación para calquera persoa responsable" pero cuxa veracidade cuestiona. O que antes era válido como ariete contra o bipartito agora xa non o é tanto. "O conxunto destes datos necesita un estudo", di, partindo de que "o que é evidente é que as persoas demandantes de emprego non se obteñen dunha enquisa", senón "dos rexistros do paro", isto é, do número de cidadáns e cidadáns que están anotadas nas oficinas de emprego como demandantes dun posto de traballo.
Cales son as diferenzas?
Neste punto e alén do argumentario presidencial cabe preguntarse cales son as diferenzas entre ambos datos do paro. O número de persoas desempregadas da EPA, dato de referencia a nivel internacional, obtense a través dun inquérito que mide a poboación que, ademais de estar desempregada, está a buscar emprego e dispoñible para incorporarse a el de inmediato. Mentres, o paro rexistrado non só se limita ás inscricións nas oficinas de emprego, senón que ademais exclúe, por exemplo, a estudantes á procura de traballo ou a quen está a cursar un curso de formación do propio Servizo Público de Emprego. Obviamente, tampouco mide a cidadanía que decidiu non renovar a súa inscrición nestas oficinas, que só é obrigatoria para quen percibe algunha prestación.
"É difícil atopar un traballo se non amosas interese en conseguilo", di Feijóo sobre quen non se anota no Servizo de Emprego
A ligazón entre a inscrición nas listas oficiais do paro e a posibilidade de atopar emprego foi tamén merecente de análise por parte do presidente, quen chega a cuestionar que parte da poboación sen traballo queira atopalo. Preguntado a respecto do efecto desánimo, o que leva a desistir de atopar un traballo a través do antigo Inem, Feijóo ofrece unha rechamante teoría coa súa correspondente metáfora: "É difícil atopar un traballo se non amosas interese en conseguilo", isto é se a persoa non está anotada na oficina de emprego, igual que é "imposible conseguir unha operación cirúrxica se alguén non está anotado na lista de espera dun hospital". "Non sei se hai moitas persoas que necesitan operacións cirúrxicas e non están na lista de espera", reflexiona.
Nos últimos cinco anos só o 2,27% das baixas de demandantes se produciron por unha oferta da oficina de emprego
Paralelismos sanitarios á marxe, os datos oficiais do paro rexistrado ao que apelan non semellan darlle a razón a respecto da efectividade dos Servizos Públicos de Emprego para colocar as persoas rexistradas como demandantes. Así, por exemplo, os rexistros do Instituto Galego de Estatística din que dos 2,3 millóns de baixas de demandantes de emprego que se produciron en Galicia entre 2009 e 2013 apenas o 2,27% tiveron como motivo unha "colocación con oferta" de emprego previa. Mentres, un 40% das baixas producíronse porque as persoas afectadas non acudiron a renovar a súa demanda e case un 50% porque as persoas desempregadas atoparon traballo pola súa conta. No que vai de ano houbo xa algo máis de 114.000 baixas e destas só 676, o 0,59%, producíronse por unha oferta laboral chegada dende a oficina de emprego.
"O que é verdade é que os que están no paro non teñen traballo", di Feijóo
Xunto a estas sospeitas non especialmente sustentadas na realidade Feijóo alega outro motivo para a desconfianza na EPA, o "sorprendente" dato de que "hai 77.000 persoas que din que están ocupadas e non afiliadas á Seguridade Social", isto é, traballando sen cotizar. Suxire que existe neste ámbito unha bolsa de economía mergullada?, cuestionou a prensa. "Pregúntelle aos que fixeron a EPA", suxeriu o presidente, a quen, en última instancia, lle "preocuparía máis que a enquisa nos diga que o paro vai ben e os datos do paro rexistrado digan que está subindo o paro". Ao cabo, resolve, "o que é verdade é que os que están no paro non teñen traballo".