Galicia chega ao verán con menos paro que antes da crise de 2008 e máis emprego que antes da COVID

Traballadoras nunha planta de procesado de conxelados en Galicia CC-BY-SA Xunta

Galicia ten 20.000 persoas paradas menos que antes da chegada da COVID e case 30.000 empregos máis

O paro rexistrado en Galicia sitúase xa en niveis previos ao inicio da grave crise económica de 2008. O número de persoas inscritas nas oficinas de emprego no país caeu en 4.482 durante o mes de maio. Alcanza así as 146.120, por baixo da barreira das 150.000 por primeira vez desde o verán da quebra de Lehman Brothers, que marcou o inicio da recesión que disparou a cifra de desemprego ata case as 300.000 persoas en 2013. 

Algo máis de dous anos despois da chegada da COVID, Galicia ten 20.000 persoas paradas menos que antes da pandemia e case 30.000 empregos máis. A afiliación media á Seguridade Social no pasado mes de maio alcanzou as 1.040.748 persoas fronte ás 1.012.354 do febreiro previo á declaración do estado de alarma en 2020. 

Nin os efectos que aínda se notan do coronavirus nin o impacto da guerra da Ucraína semellan poder frear a dinámica en positivo do mercado de traballo, influído polas medidas que aminoraron o impacto económico da COVID. 

De feito, o cifra de afiliación media en Galicia é a maior desde agosto de 2009, cando superara tamén as 1.040.000 persoas. Con todo, a crise demográfica en Galicia é a que impide que o país poida tan sequera achegarse aos picos previos á quebra de Lehman Brothers, como si ocorre no conxunto do Estado. 

A cifra de afiliados é, malia todo, de case 70.000 menos que os que se alcanzaron en xullo de 2008, récord histórico, e nas datas previas ao inicio da grave crise financeira que faría caer en seis anos a cifra ata roldar as 900.000. Xa que logo, nin os niveis máis baixos de paro rexistrado chegan para recuperar o emprego perdido pola caída cotinua de poboación activa, que suma unhas 95.000 persoas menos que antes do estoupido daquela crise. 

Por outra banda, os efectos da nova reforma laboral si que parecen asentar. Cinco meses despois da súa entrada en vigor e dous despois da aplicación das principais novidades, a contratación indefinida continúa a gañar peso. 

O 38% dos contratos asinados en maio foron indefinidos; no mesmo mes, hai un ano, supoñían menos do 10%

No pasado maio, o 38% dos contratos asinados en Galicia foron indefinidos (máis de 26.000 dun total que rolda os 70.000). Hai un ano, no mesmo mes, a porcentaxe de contratos fixo non chegaba ao 10%, unha cifra que era a habitual ata hai pouco. Unha proporción catro veces menor. 

Malia todo, e segundo destacan algúns sindicatos, ata o 60% dos contratos indefinidos que se asinan son fixos descontinuos ou a tempo parcial.

Así, o paro rexistrado reduciuse en maio case un 3% en Galicia e eses 146.120 desermpegados son 19.186 menos que hai un ano, unha caída do 11,6%. O descenso no país está por baixo da media estatal, tanto con respecto a abril (-3,3%) como a hai doce meses (-22,7%). 

Tamén, como adoita, o paro rexistrado baixa en Galicia esencialmente no sector servizos, onde cae en 3.293 persoas fronte aos descensos máis febles na industria (-549), na construción (-307) ou no sector primario (-75). 

Desde a Xunta destácase que, con respecto ao inicio da pandemia (febreiro 2020), o desemprego reduciuse en Galicia nun 12,10% fronte ao 9,95% do Estado. 

No conxunto do Estado, o paro rexistrado baixou por primeira vez dos 3 millóns de persoas desde 2008. Os 2.922.911 de inscritos nas oficinas de emprego supoñen a cifra máis baixa desde novembro daquel ano de inicio da grave crise. 

Respecto da afiliación media á Seguridade Social, en Galicia aumentou en 6.751 persoas (+0,65%, un 1,07% no total estatal) e queda neses máis de 1,04 millóns, isto é, un 3% por riba do dato de doce meses antes (+5% na media). Son unhas 30.000 máis que hai un ano. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.