O Goberno de España pacta a reforma laboral con CC.OO, UGT e a patronal CEOE

Yolanda Díaz, con representantes de CC.OO., UGT, CEOE e CEPYME, cos que o Goberno de España acordou a reforma laboral © Ministerio de Traballo

En vésperas de que a reforma laboral aprobada en solitario polo Goberno do PP de Mariano Rajoy durante a anterior crise económica chegue á súa primeira década, o Executivo do PSOE e Unidas Podemos vén de pechar o pacto da que se presentaba como medida estrela da vicepresidenta Yolanda Díaz na súa condición de ministra de Traballo. A nova reforma laboral chegará ao Consello de Ministros -previsiblemente, o día 28- avalada por un pacto do Goberno de España cos sindicatos CC.OO. e UGT e mais coas patronais CEOE e CEPYME.

O texto reverte parte da reforma de Rajoy en aspectos como a primacía dos convenios sectoriais para os salarios ou a non caducidade dos convenios ata que se pacte un novo

Á espera do texto que chegue definitivamente ao Boletín Oficial do Estado, os aspectos que xa transcenderon do texto pacto implica que o aprobado non será unha mera reversión do texto de Rajoy -o que durante anos fora reclamado e prometido como "derrogación da reforma laboral"-, senón unha reforma nova na que desaparecen algúns aspectos das normas do PP mentres que outros permanecen e son introducidos algúns novos. Así, por exemplo, o convenio sectorial non recupera a súa primacía sobre o de cada empresa por completo, pero si o fará no referido aos salarios.

Manifestación contra a reforma laboral de Rajoy en 2012 CC-BY-SA Merixo

Si sae adiante, por exemplo, a fin do límite dun ano á coñecida como ultraactividade dos convenios colectivos. A reforma de Rajoy impuxera esta limitación e de agora en diante, o convenio preexistente continuarán en vigor ata que sexa pactado un novo.

O novo texto considera o contrato indefinido por defecto e limita as condicións dos temporais e a súa duración

Segundo avanzaron medios como eldiario.es ou Infolibre, outro dos principais aspectos da reforma é o da contratación. A lei considerará os contratos indefinidos por defecto e os temporais estarán máis limitados: poderán empregarse para substitucións ou para circunstancias da produción das empresas, que poderán ser previsibles (campañas comerciais duns días concretos do ano, por exemplo) ou imprevisibles. 

Os que respondan a causas imprevisibles poderán durar ata 6 meses (ou un ano, se así se fixa na negociación colectiva) e os de causas previsibles non poderán sumar máis de 3 meses ao longo do ano. Ademais, segundo o pactado, unha persoa contratada en réxime temporal pasará a ser indefinida se estivo contratada temporalmente 18 ou máis meses "nun período de 24 meses". Ata agora, eran ata 24 meses nun total de 30. Entre as novidades tamén figura a desmontaxe íntegra dun dos aspectos máis controvertidos da reforma de Rajoy, a posibilidade de executar despedimentos colectivos en parte do sector público por causas económicas.

O sector servizos é o que ten máis peso no mercado laboral galego CC-BY-NC-SA CIG

Traballo resalta a consolidación de macanismos como os ERTE

O Ministerio de Traballo destaca tamén que a nova lexislación laboral consolida "instrumentos eficaces para protexer ás persoas traballadoras e dotar o tecido produtivo de ferramentas para manter o emprego" mediante mecanismos coma os ERTE. Así, os expedientes de regulación temporal de emprego que xa existían son modificados para, por exemplo, dar prioridade á redución de xornada sobre a suspensión do contrato. Ademais, incorpórase o denominado Mecanismo Red para, explica Traballo, "facer fronte a crises cíclicas ou sectoriais con flexibiilidade interna negociada, formación e recualificación" do persoal, "evitando despedimentos".

Yolanda Díaz defende o pacto como "histórico": "É a primeira reforma na que traballadoras e traballadores gañan dereitos", asegura

Unha vez confirmado o visto e prace dos sindicatos CC.OO. e UGT e mais da patronal CEOE ao acordo, a vicepresidenta Yolanda Díaz, amosou "moita satisfacción" no que considera "un día histórico para os traballadores e traballadoras". "É a primeira reforma na que recuperan e gañan dereitos", mantén Díaz, quen augura que "veremos melloradas as relacións laborais" dende a entrada en vigor dun pacto que, resalta, se fraguou durante nove meses de negociacións. 

Nunha primeira valoración, o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, considerou que "avanzamos cara a un modelo de relacións laborais do século XXI" baixo a "bandeira do acordo". "Queremos traballos e soldos dignos que garantan os dereitos", agregou.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.