O pasado 2020, o Primeiro de Maio cadrou na recta final do confinamento por mor da pandemia e, por primeira vez dende a fin da ditadura, os sindicatos non puideron levar ás rúas as reivindicacións polo Día da Clase Traballadora. Neste 2021, o Primeiro de Maio volve ás rúas. Aínda condicionado pola pandemia e con mobilizacións limitadas polas medidas para limitar os contaxios, pero cunha axenda clara que as diferentes centrais sindicais veñen defendendo dende hai meses. Dende cadansúas ópticas, unha liña atravesa as reivindicacións: cómpre frear as consecuencias da pandemia na clase traballadora, mais tamén afrontar as secuelas que aínda permanecen nela dende a anterior crise.
CIG: "Por unha saída galega xusta fronte á crise"
A CIG reclama a derrogación das anteriores reformas laborais e das pensións e alertas de potenciais recortes ligados á chegada dos fondos europeos
A Confederación Intersindical Galega (CIG) ten convocadas para este 1 de maio un total de 16 mobilizacións e sitúa a central na cidade de Vigo (12:00, A Dobrada). Sinala o secretario xeral da central sindical nacionalista que este lema pretende "resumir as principais demandas" que os levan ás rúas nesta xornada e que comezan, di, por "derrogar" as últimas dúas reformas laborais, mais tamén "as das pensións, das prestacións por desemprego" e "todas aquelas que supuxeron desmantelar servizos públicos e seguen tendo graves consecuencias".
Neste sentido, avanza, a CIG proponse tamén advertir de que "se pretende facer fronte a esta situación acudindo aos fondos europeos" mediante "unha nova e dura secuencia de reformas". Por iso, asegura Carril, a CIG coida que "haberá que intensificar a mobilización" para que o que se aplique sexa "un auténtico plan de recuperación económica, social e industrial".
Estas reivindicacións da CIG diríxense tanto ao Goberno galego como ao Goberno de España. No que atinxe ao Executivo central, a CIG repróchalle o que denomina "ERTEs á carta" e o "abandono dunha parte da clase traballadora, a que tiña contratos temporais" e xa estaba "máis desprotexida". Cara á Xunta, Carril resalta que este 1º de Maio servirá para poñer o foco sobre o que considera "políticas suicidas do Goberno Feijóo" e o "auténtico festín para os fondos de investimento" que, coida, está a promover mediante os proxectos que avala para os fondos Next Generation.
CC.OO. e UGT: "Agora toca cumprir"
"As patronais queren saír desta crise igual que da anterior, recortando dereitos", advirten CC.OO. e UGT
Comisións Obreiras e UGT volveranse mobilizar conxuntamente este Primeiro de Maio cunha manifestación central na Coruña (12:00, praza da Palloza) e outras oito outras tantas vilas e cidades galegas. Os secretarios xerais en Galicia de ambas organizacións, Ramón Sarmiento (CC.OO.) e José Antonio Gómez (UGT) avanzan que nestas mobilizacións, estas centrais sindicais pretenden realizar un "recoñecemento" ao persoal máis afectado pola COVID-19 nos seus postos de traballo, mais tamén advertir de que este "non pode quedar nun mero xesto moral".
Sinala Sarmiento que a intención destas mobilización é advertir de que "as patronais queren saír desta crise igual que da anterior, recortando dereitos, desvalorizando salarios e con perda de retribucións", asegura Sarmiento. De aí a importancia, enfatiza, de que o Primeiro de Maio se celebre "nun momento determinante para decidir de que xeito se debe saír da crise".
Baixando ao concreto, Sarmiento e Gómez resaltan que, tras os peores meses da pandemia, esta "recuperación" das mobilizacións pretende poñer na axenda a esixencia ao Goberno de España para "retomar os compromisos cos sindicatos e coa cidadanía", tales como "a derrogación da reforma laboral" do ano 2021 para "poder devolver o equilibrio ás relacións laborais". Tamén, resaltan ambos dirixentes sindicais, sinalan como urxente a derrogación da reforma das pensións de 2013 ou "a suba do salario mínimo ata o 60% do salario medio". Todas estas peticións, resaltan, van acompañadas en Galicia pola reclamación de "respostas a conflitos que veñen de vello" como os das antigas factorías de Alcoa na Coruña ou a da planta de aluminio que a multinacional aínda ten na Mariña.
Durante as mobilizacións centrais dos sindicatos maioritarios en Vigo, persoal do sector do metal concentrado na contorna da farola de Urzáiz increpou os dirixentes polo que consideran unha "traizón" na recente sinatura do convenio provincial. Comisións e UGT subscribiron ese convenio, que non foi rubricado pola CIG.
CUT: "Todas a unha"
En vésperas deste Primeiro de Maio, a Central Unitaria de Traballadoras (CUT) sinala o feito de que o pasado ano fosen prohibidas as mobilizacións -a propia CUT convocou mobilizacións daquelas, freadas nos tribunais pola normativa do Estado de Alarma- como un dos principais motivos para "encher as rúas de solidariedade obreira". Trátase, indica o sindicato, de "non volver resignarnos á soidade e demostrar de que só mobilizadas e xuntas é como se defenden e conseguen dereitos laborais e sociais".
"Neste Primeiro de Maio", indica a CUT, "queremos colocar no centro a necesidade da unión, da colectividade e do traballo sindical". "Temos -resaltan- que comezar a artellar xa as alternativas que nos permitan vivir unha vida digna" tras a pandemia, afirman. A CUT desenvolve tres mobilizacións na Coruña, Santiago e Vigo.
CNT: "Máis sindicalismo, máis dignidade"
A Confederación Nacional do Traballo (CNT) tamén chama a que, neste Primeiro de Maio, a clase traballadora poia "recuperar as rúas tras o período de emerxencia sanitaria". Nunha mobilización convocada dende a Praza do 8 de Marzo en Compostela (12:00), o sindicato proponse "reivindicar unha acción sindical que devolva a dignidade á clase traballadora". "Reivindicamos -resaltan- defensa de subas salariais reais" ou "igualdade real nas empresas" e non "maquillar convenios", senón "que a xente se organice e loite para conquistar máis dereitos e máis dignidade".