Galicia afronta outro Primeiro de Maio superado xa un ano de pandemia que impactou fondamente no mercado laboral e na clase traballadora, xa fose pola perda de emprego, os peches ou a entrada nos ERTE ou polo aumento na carga de traballo e na presión que sufriron outros sectores esenciais e sen descanso durante estes 14 meses de COVID.
Case 60.000 persoas sen traballo ou en ERTE deixa o coronavirus en Galicia, co contraste entre profesións como a hostaleira ou a dos monitores de ximnasios e clubs deportivos --paralizados durante meses e sufrindo aínda duras restricións e perdas económicas-- e outras como a enfermaría ou o persoal dos supermercados, sometidos á presión e ás consecuencias da sobrecarga lóxicas de quen nin parou nin reduciu as súas xornadas durante a pandemia.
Neste Día Internacional da Clase Obreira, falamos con traballadores de cada un destes sectores que exemplifican a importancia e o sufrimento de cada un deles nestes tempos de incerteza.
"Non todo vale, non podemos asumir esta precariedade"
Nuria González é enfermeira no Sergas e leva traballando en Ourense desde o principio da pandemia. Sobra explicar moito máis sobre o vivido neste último ano por un colectivo posto "ao límite" pola loita contra a COVID e a súa precariedade.
"A enfermaría é afortunada porque mantivo o traballo mentres noutros sectores non, pero o problema está na calidade dese traballo"
"Somos un sector afortunado porque moitos outros viviron o desemprego e nós mativemos o traballo, pero o problema está na calidade dese traballo", explica Nuria, que malia a evidente necesidade de persoal e a carga de traballo asumida, asinou "oito contratos" no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHOU) desde xaneiro de 2020 e continuou coa "incerteza" e nula planificación que condena a enfermaría en Galicia.nclúe.
"Sabías que o último día de mes rematabas e ata o día anterior non te avisaban de que renovarías por outro mes máis; por que só un mes máis cando o Sergas sabe de sobra da necesidade de persoal? Todo suma á presión e ao estrés, tamén esta incerteza constante", relata esta profesional que forma parte do colectivo Eventuais en Loita, referente na reivindicación de melloras laborais no sector e que rachou cos marcos reivindicativos que definían os sindicatos.
Nuria recoñece que foi "un ano esgotador" cun "nerviosismo constante" que se une á vella precariedade: "Levo dez anos de eventual con contratos precarios"
Ao "ano esgotador" no persoal e no laboral, a Nuria engadíuselle o peche da súa unidade, o que afondou no "nerviosismo constante" e nun estrés que, recoñece, afectoulle na súa vida persoal. "Temos traballo pero non todo vale; non podemos ampararnos en que temos choio para asumir a precariedade", engade quen pide ao Sergas "que se decate de que se queima así os profesionais sanitarios, acabaremos por non ser suficientes".
"Levo dez anos de eventual a contratos precarios, encadeando unha vida de condicións precarias que se acentúa coa COVID, que supon o dobre de presión e un estrés que é difícil de levar mentalmente", insiste quen lembra o medo a contaxiar á súa familia, o autoconfinamento de persoal que evita calquera risco ou a falta de medios e de información nos primeiros días da pandemia.
E nin sequera pide o recoñecemento social. "Non o buscamos porque este é o traballo que eliximos; non precisamos aplausos igual que os bombeiros non os levan cando lles toca afrontar unha vaga de incendios", explica Nuria, que si que critica que houbese titulares que acusaran as enfermeiras de non querer traballar na pandemia por "reclamar a suspensión de chamamento que moitos precisaban para poder conciliar".
"Cando das todo e máis contra a esta enfermidade, molesta que haxa quen poida dicir iso e pacientes que o crean", remata non sen antes gabar "o compañeirismo" e a "piña" que ela e todos os compañeiros implicados na loita contra o coronavirus formaron e forman. "Iso é o que me levarei deste duro ano", di.
"A hostalería sufriu unha constante indefensión e incerteza"
Pedro Villarino é hostaleiro e un dos responsables d'A Cova Céltica, na Coruña. Autónomo e un dos impulsores da plataforma Shostalería, unha das que xurdiu para demandar solucións á crise pola pandemia nun sector xa fragmentado en Galicia. O seu é un dos milleiros casos dos pequenos negocios hostaleiros afogados polas restricións, a falta de axudas e a "incerteza constante" nun sector que sufriu como poucos as medidas contra a COVID.
Pedro Villarino destaca a "incerteza constante" e os problemas en obter información sobre as axudas, que en moitos casos chegaron moi tarde
"No noso sector, como noutros, os traballadores sufrimos unha constante indefensión, tanto no persoal por conta propia como por conta allea", denuncia Villarino, que sinala a "incerteza" como o peor deste ano de traballo que, no caso da hostalería, non foi nin moito menos completo. "Abríamos e pechabamos cada pouco, pendentes dos cambios de estados de alarma, das restricións a aplicar, de se ían ser renovados os cesamentos de actividade, que é como o ERTE dos autónomos e que sempre foi algo fundamental para un mínimo sustento", explica.
Esa mesma "incerteza" e o temor presionaba tamén, lembra Pedro, aos camareiros e camareiras cuns ERTE "que ou non eran aplicados ou tardaban en cobrarse". "Os primeiros meses foron moi duros nese aspecto porque o SEPE tivo moitos problemas; pasabamos días sen resposta, cunha total desinformación que afectaba mesmo ás xestorías coas que traballabamos, que non tiñan con quen contactar nin resolver dúbidas", explica este hostaleiro que denuncia que "os atrasos nos pagos das prestacións" seguen sendo habituais.
Mentres, peches e aperturas constantes. "No sector facíamos apostas sobre as datas nas que nos volverían pechar cada vez que nos abrían", recorda quen asume as dificultades para "planificar a vida" del e de moitos compañeiros, así como os atrancos para a "conciliación" e o coidado dos fillos, ao que se unía á falta de ingresos suficientes. "Nin te podías permitir pagar quen chos coidase, nin sabías ben como ías organizar o teu traballo nin hai actividades extraescolares... É unha tortura", conta.
"Os sindicatos teñen unha tarefa moi importante que facer e deberían reparar no feito de que asociacións e plataformas fosen as que erguesen as reivindicacións"
Ao tempo, Villarino e moitos outros traballadores do sector impulsaron plataformas e asociacións á marxe das grandes federacións provinciais e ante a, denuncia, incomparencencia dos sindicatos no seu sector. "Nin están nin os esperamos, pero iso pasou sempre na hostalería, onde a sindicación dos empregados é moi peculiar ao seren traballos temporais e onde as centrais non parece interesadas en pequenos negocios que non son grandes empresas onde se xogan importantes representacións", critica.
"Os sindicatos teñen unha tarefa moi importante que facer e deberían reparar no feito de que asociacións e plataformas gremiais fosen as que erguesen as reivindicacións e rexurdisen, con máis ou menos efectividade pero con acerto, durante a pandemia", engade Pedro, que tamén é crítico coas tradicionais federacións de hostalería, que "foron a roda de Alfonso Rueda", vicepresidente da Xunta. "Non nos representaron ben nin loitaron por protexer o emprego como se debera, do mesmo xeito que a Xunta o fixo noutros sectores ou grandes empresas que consideraba esenciais coma nós", co
"Somos esenciais pero nunca se nos recoñeceu como a outros"
Cynthia Bouzas é caixeira nun supermercado en Galicia, un sector dos considerados esenciais, que non só non tivo un respiro, senón que sufriu como poucos o aumento da carga de traballo ou as especiais condicións dun emprego nun ámbito que foi, durante semanas, dos poucos ao onde o confinamento permitía acudir.
"Nótase máis xente desde o principio da pandemia, tanto nos primeiros meses como agora; a clientela fai compras de maneira máis compulsiva, dependendo dos peches e restricións, e a carga de traballo aumentou considerablemente", recoñece sobre un sector no que non foron poucos os contaxios por COVID. Polo menos no caso do seu establecemento, foron bastantes as baixas por enfermidade ou por ter sido contacto dalgún positivo, o que causou tamén algún problema de organización.
"Nunca se atenderon as reivindicacións das caixeiras ou se recoñeceu o noso labor como si se fixo noutros ámbitos"
No día a día, Bouzas destaca que non sempre foi fácil facer que a clientela cumprise coas recomendacións sanitarias, sobre todo ao principio. "A maioría compórtase, pero houbo problemas con xente que que non leva máscara cando a atendes, que cisca as luvas diante túa despois de usalas ou que se nega a manter unha distancia mínima", explica. O "temor" ao contaxio existe entre o persoal, como recoñece quen cre que nin ela nin as súas compañeiras foron tidas en conta como outros sectores.
"Poucas cousas hai máis esenciais que un supermercado que permite abastecer a poboación nos peores tempos; no entanto, nunca se atenderon ás nosas reivindicacións ou se recoñeceu o noso labor como si se fixo noutros ámbitos", di Cynthia, que recoñece o traballo dos sindicatos pero que, asume, "hai moitas empresas nas que sindicarse ou excederse nas demandas pode supoñer represalias".
"É surrealista que, malia os cambios que trouxo a pandemia, siga habendo supermercados que pechan ás 10 da noite"
Tampouco no tema dos horarios. "É surrealista que, malia a mudanza na forma de vida e nos horarios que provocou a pandemia, siga habendo supermercados que pechan perto das 10 da noite e que obrigan os traballadores a chegar á casa contra as 11", quéixase quen asume os problemas para a "conciliación familiar" e quen denuncia que, mesmo en tempos de horarios restrinxidos ata as 21.30 horas para facilitar o cumprimento do toque de recollida, "había establecementos onde se permitía entrar a clientela fóra de tempo".
Entre o "positivo", recoñece Cynthia, o "compañeirismo e a axuda mutua" que a dureza da pandemia e das condicións laborais adoita provocar entre os compañeiros. "Todos intentámonos axudar máis e mellor", conclúe.
"Deixaron o deporte de último; boto en falta máis axudas"
Rubén Taboada é adestrador e responsable do club deportivo Kwon en Betanzos, centrado sobre todo no taekwondo. Entre peches, dificultades económicas e escaseza de axudas, critica que na pandemia "nunca se tivese en conta o deporte como actividade esencial", malia ser dos ámbitos máis restrinxidos, ademais da "inseguridade" e "reticencias" que na xente provocaron os continuos cambios de protocolos.
"Asumimos como algo lóxico as mudanzas, pero o prexuízo foi enorme porque botaba a xente atrás... Cando a cousa parecía que remontara, volvéronnos pechar e o pau foi máis gordo aínda que no comezo da pandemia", resume quen cualifica de "horrible" a situación, tamén pola falta de axudas, que afecta especialmente os clubs deportivos, que non acceden ás que si teñen empresas ou ximnasios que funcionan como tal.
"Nunca se tivo en conta o deporte como actividade esencial e, máis aló dos ERTE, as axudas para os clubs foron cero"
"Máis aló dos ERTE, as axudas foron cero e empezan a chegar agora, pero en forma de subvencións a compra dematerial, por exemplo, polo que hai que investir cartos, xustificar os gastos e nada diso serve para sacarnos das débedas contraídas", engade. "Deixáronnos para o último e houbo clubs que xa tiveron que pechar, botar xente ou reinventarse", di quen asegura que foi "tirando" optimizando ao máixmo os horarios ou reducindo horas de traballo porque "senón era imposible cubrir gastos".
A súa realidade é peculiar e asúmeo, pero non acepta o que considera unha discriminación. "Hai clubs deportivos que supoñen un segundo emprego para moita xente, pero outros, coma min, dedicámonos exclusiva a isto e botei en falta axudas máis contundentes que nos axuden a aliviar todo o que levamos pasado e perdido", conta quen di que, "se cadra é normal" que os sindicatos non se centren nun ámbito tan específico, pero que si notou a unión e a forza reivindicativa de asociacións e federacións deportivas.
"Sempre fun optimista porque senón xa tería pechado e dedicaríame a outra cousa", di Rubén Taboada
Entre o positivo destaca que a pandemia fixo "que moita xente se decatase de que, a nivel físico pero sobre todomenal, o deporte fai moita xente". "Moitos que nunca o fixeran agora decídense a probar e nótase que houbo concienciación e que, agora, coa chegada das vacinas, hai menos temor a apuntarse a un club ou ximnasio".
"Sempre fun optimista porque senón xa tería pechado e dedicaríame a outra cousa. Pensei preparar oposicións, pero nono fixen porque só tiña tempo para intentar buscar saídas e salvar o negocio", asegura Rubén que ten "ganas de poder traballar con normalidade,". "Agora nos clubs somos case máis empresa de limpeza e desinfección que especialistas do ámbito deportivo", remata.