Galicia conta nesta altura con 23.200 persoas ocupadas menos que hai un ano
A EPA (Enquisa de Poboación Activa) do primeiro trimestre de 2021 ofrece a fotografía máis certeira da factura que a COVID está a pasar ao emprego en Galicia. Os datos dos tres primeiros meses deste ano en comparación co inicio de 2020 --o xaneiro e febreiro previos á pandemia e o marzo no que se aplicaron as primeiras medidas restritivas e de confinamento-- deitan luz sobre o duro impacto do coronavirus no mercado laboral, especialmente na industria, onde o duro golpe do coronavirus únese a unha crise industrial que non cesa.
Galicia conta nesta altura con 23.200 persoas ocupadas menos que hai un ano. A finais do pasado mes de marzo, a ocupación situábase en pouco máis de un millón de persoas (1.059.800) tras unha caída de 21.100 con respecto ao trimestre anterior.
Xa que logo, no ano de pandemia destruíronse máis de 23.000 empregos, unha acentuada caída da ocupación que afectou sobre todo á industria. Neste sector, hai 22.400 persoas menos traballando que hai doce meses, xusto nun momento que na que os peches, os ERTE e a crise ameazan empresas clave como Alcoa, Alu Ibérica, a refinería de Repsol na Coruña ou a central térmica das Pontes, que prepara xa o seu peche.
A industria perdeu 22.400 empregos no ano da COVID en Galicia
A pandemia non fixo máis que agudizar unha crise industrial que destruíu máis de 22.000 postos de traballo nun ano fronte ao aumento en 7.000 empregos do sector servizos e o descenso en 1.700 na agricultura e a pesca e de 6,200 na construción.
Ademais, en canto á variación intertrimestral, a destrución de emprego con respecto ao último trimestre de 2020 foi xeral e moi importante en todos os sectores, cunha caída de 5.800 persoas na industria, 5.300 na construción, 5.600 nos servizos e 4.400 no sector primario.
Un descenso relativo do -1,96% superior á media estatal e de -2,15% en termos interanuais, moi semellante ao que se deu no conxunto de España.
Pero sobre todo, é nas cifras do paro onde Galicia aínda sae peor parada dos datos da EPA feitos públicos polo INE neste xoves. No primeiro trimestre de 2021 había 158.300 persoas paradas, 15.700 máis que no trimestre anterior, o que supón o maior aumento en termos absolutos no conxunto do Estado e o segundo maior en termos relativos (+11%), fronte ao descenso do -1,8% no conxunto de España.
O paro aumentou en Galicia en 15.700 persoas no primeiro trimestre de 2021, a maior suba en termos absolutos do Estado
Ademais, e con respecto ao primeiro trimestre do ano 2020, o número de parados e paradas en Galicia tamén aumenta, neste caso en 1.500 persoas (un 1%). Aínda así, os datos non reflicten de todo o impacto da COVID no emprego, xa que aquelas persoas afectadas por un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) --case 35.000 a final de marzo-- seguen a considerarse ocupadas nas estatísticas. Alén disto, hai tamén no país arredor duns 25.000 autónomos cobrando algunha prestación polo coronavirus.
Así, sumando o emprego destruído e o afectado polos ERTE (parciais ou totais) derivados das restricións polo coronavirus, son arredor de 58.000 as persoas que ou ben perderon o traballo ou ben o tiñan suspendido a finais do pasado mes de marzo en Galicia.
En concreto, 57.959 (23.200 empregos destruídos e 34.759 persoas en ERTE), segundo os datos ofrecidos pola EPA e polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. Ademais, e segundo os datos de primeiros de marzo, hai 10.000 traballadores en Galicia que levan en ERTE desde os primeiros meses da pandemia.