Un total de 6.238 persoas paradas máis e case 4.000 empregos destruídos no ano da pandemia e aínda máis de 34.700 profesionais en ERTE e uns 25.000 autónomos cobrando algunha prestación pola COVID.
O impacto da pandemia destruíu case 4.000 empregos no último ano e incrementou o paro en máis de 6.000
Son as cifras que resumen o impacto do coronavirus no mercado laboral galego nesta altura, agora que se vén de cumprir un ano desde o inicio da pandemia e desde os peches e as medidas de confinamento máis severas. Os datos do pasado mes de marzo difundidos este martes polos ministerios de Traballo e Inclusión e Seguridade Social amosan unha feble recuperación do emprego tras o alivio das duras restricións de principios de ano, pero tamén unha evolución interanual que indica con claridade as duras consecuencias da COVID na economía.
Así, as inscricións nas oficinas de emprego de Galicia descenderon en 4.509 durante o marzo e o paro rexistrado queda en 180.719 persoas, que son aínda 6.238 máis que un ano antes. O descenso do número de persoas paradas dáse en todos os sectores, pero moi especialmente no dos servizos, que recolle case todo o descenso ao baixar en máis de 3.500.
O paro rexistrado baixou en 4.509 persoas no mes de marzo, sobre todo no sector servizos, cun descenso de máis de 3.500
Ademais, no mesmo mes de marzo, as afiliacións medias á Seguridade Social en Galicia aumentaron en 4.704 persoas e o total chegou a 998.773, unha cifra que supón 3.890 menos que doce meses antes, cando os efectos da pandemia comezaban a notarse nun mercado laboral que acabaría duramente azoutado a partir de abril.
Con todo, no último día de marzo derrubouse a tendencia á creación de emprego ata situarse, nesa data, en negativo ao restar 2.485 afiliacións. Ademais, e pese o incremento importante na sinatura de contratos, dos poucos máis de 62.000 rexistrados no pasado mes, cae 53.000 foron temporais. Todas esas contratacións para crear menos de 5.000 empregos.
Malia todos estes datos, o impacto do coronavirus no eido laboral foi minorado coa aplicación dos ERTE a raíz da COVID, expedientes de regulación temporal de emprego impulsados para paliar os efectos laborais da pandemia e prorrogados catro veces, a última ata o vindeiro 31 de maio.
O mes de marzo rematou en Galicia con case 35.000 persoas acollidas a un ERTE, 130.000 menos que hai once meses, no momento de maior impacto da COVID
Segundo os datos do Ministerio de Inclusión, o mes de marzo rematou en Galicia con 34.759 persoas acollidas a un ERTE, xa sexa de suspensión ou de redución de xornada. Son case 12.000 menos que a finais do mes de febreiro, unha redución marcada polo alivio das restricións nas últimas semanas, especialmente na hostalería, e pola mellora dos datos da COVID no país.
Son perto de 35.000 traballadores e traballadoras que manteñen a súa cualificación como ocupadas nas estatísticas laborais, á espera de volver á a actividade ou recuperala na súa totalidade e dunhas perspectivas aínda incertas pola evolución da pandemia, pero que moito máis optimistas que as de hai só uns meses.
Por tipo de expediente, 2.867 son por causas económicas, técnicas, organizativas ou produtivas (175 menos ca no mes anterior), 5.956 de forza maior (-1.312) e 25.936 de limitación ou impedimento (-10.419).
A Seguridade Social abonou axudas pola COVID a case 26.000 traballadores autónomos en Galicia o pasado 31 de marzo
Do total de persoal en ERTE, sobre 10.000 traballadores levan acollidos a esta figura desde o principio da pandemia, pero as cifras distan moito xa das que se daban a finais do pasado abril, mes no máis persoas foron incluídas nestes expedientes claves para soster o emprego.
No último día do abril do ano pasado había máis de 165.000 persoas acollidas a un ERTE en Galicia, polo que arredor de 130.000 saíron deste expediente nos últimos once meses.
Ademais, e segundo os datos facilitados polo Goberno central, a Seguridad Social abonou o pasado 31 de marzo axudas a 25.597 traballadores autónomos en Galicia aos que lles foi recoñecida algunha das prestacións postas en marcha para paliar a situación deste colectivo como consecuencia da COVID.
Estas prestacións inclúen aquelas destinadas a autónomos obrigados a suspender a actividade temporalmente por algunha decisión administrativa para controlar a pandemia, así como aquelas compatibles coa actividade polo descenso na facturación ou a extraordinaria por baixos ingresos para aqueles que non cumpren cos requisitos marcados.