Máis de 132.000 partes de baixa laboral por coronavirus en Galicia desde o comezo da pandemia. Os últimos datos publicados polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións indican que desde o 1 de marzo do ano pasado e ata o 28 de febreiro de 2021, foron tramitados no país un total de 132.298 procesos de incapacidade temporal por COVID, unha cifra na que se inclúen tanto aquelas persoas contaxiadas e enfermas como as que tiveron que gardar corentena por seren contacto estreito dun positivo.
En Galicia tramitáronse máis de 132.000 baixas por COVID, máis do 13% da cifra total de persoas afiliadas á Seguridade Social
As novas táboas -moito máis detalladas- publicadas polo Ministerio esta semana revelan como os datos das baixas diarias por COVID adiantaron e previron con moita precisión a incidencia da pandemia. "Os datos de incapacidade temporal por coronavirus demostráronse un indicador adiantado case perfecto para coñecer a evolución", explicou o ministro José Luis Escrivá tras destacar que a Seguridade Social aprobou ata o pasado mes de febreiro máis de 3,7 millóns de prestacións deste tipo no Estado.
No que vai de ano rexistráronse en Galicia case 50.000 casos de COVID e tramitáronse máis de 42.000 baixas laborais por coronavirus
En Galicia, de comparar o número actual de persoas afiliadas á Seguridade Social (sobre 994.000) e o número total de incapacidades temporais, máis do 13% dos traballadores tiveron que coller a baixa por COVID no último ano. As prestacións neste caso aseméllanse ás de enfermidade profesional, ao abonarse desde o primeiro día e cunha contía do 75% da base reguladora, fronte á dunha enfermidade común, que se empeza a cobrar ao cuarto día, cun 60% da base que só ascende ao 75% a partir da terceira semana.
A finais de febreiro, foran case 132.300 o número total de baixas por COVID en Galicia fronte aos 112.686 casos rexistrados polo Sergas. Nos dous primeiros meses deste ano, son xa 42.210 os procesos de incapacidade temporal polo coronavirus fronte aos 48.987 casos notificados.
Desde o 1 de marzo de 2020, cando en Galicia se tramitaron as dúas primeiras baixas laborais por COVID mesmo antes da confirmación do primeiro caso polo Sergas, a evolución do número diario de incapacidades temporais avanzou a tendencia da pandemia.
Foi así especialmente na primeira e na segunda vaga, cando o incremento sostido das baixas laborais foi un aviso previo da evolución negativa da COVID e do incremento de casos, tal e como se aprecia nos gráficos.
A media de baixas laborais por COVID a sete días nas primeiras semanas da pandemia foi en paralelo ao aumento de casos, aínda que algo por riba, ata alcanzar un pico a finais de marzo de máis de 500 incapacidades temporais de media a sete días por mor do coronavirus.
Coa fin do estado de alarma e a chegada do verán, esa media descende a pouco máis de 20 baixas a sete días, pero volve alcanzar un pico (de máis de 550) ao finalizar o mes de agosto, comezar as clases e iniciarse a segunda onda, na que a máxima media a sete días de incapacidades temporais polo virus superou as 840.
A xornada con maior rexistro de baixas por COVID deuse o luns 25 de xaneiro, con 3.347 tramitadas, xusto un mes despois do Nadal
Coa chegada da terceira onda, tras as celebracións do Nadal, o forte incremento do número de baixas e de casos foi case simultáneo, alcanzándose un mes despois das festas unha media de case 1.500 incapacidades temporais a sete días debido á COVID, tanto por infección como por illamento.
Un repaso ao número de baixas por día deita luz sobre a evolución do virus e das súas consecuencias, así como do influxo que a relaxación das restricións ou os eventos festivos tiveron no impacto da pandemia. A xornada con maior rexistro de incapacidades temporais deuse o luns 25 de xaneiro, con 3.347 tramitadas nun único día, xusto un mes despois do Nadal e dúas semanas máis tarde da fin das festas.
De feito, os primeiros cinco luns deste ano coinciden cos cinco días con maior número de baixas tramitadas por COVID en Galicia. Despois das fins de semana do Nadal e nun mes onde se alcanzou o pico da terceira onda, con ata 1.646 casos de coronavirus rexistrados e perto de 1.500 baixas laborais tramitadas de media a sete días.