Galicia foi unha das poucas autonomías onde baixou o paro en xaneiro e decembro, pero máis da metade das baixas non foron por atopar emprego
Nos pasados meses de xaneiro e febreiro, Galicia converteuse nunha das escasas autonomías onde non se incrementou o paro, cun descenso en máis de 3.600 persoas e 756 respectivamente do número de persoas inscritas no Servizo Galego de Colocación. A caída do paro rexistrado coincidiu, no entanto, cunha importante destrución de emprego no primeiro mes do ano --case 10.000 persoas afiliadas menos á Seguridade Social-- que non foi compensada pola creación de 1.700 postos de traballo no mes de Entroido.
O que podía parecer un esperanzador dato de cara a unha recuperación económica agocha, no entanto, cifras pouco positivas. Máis da metade das baixas no paro rexistrado no que vai de ano non foron por atopar emprego.
É a conclusión que se tira da análise das causas das baixas nas demandas de emprego que o Instituto Galego de Estatística (IGE) debulla a partir dos datos do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE). Nos dous primeiros meses do ano, algo máis de 94.000 persoas abandonaron as listas do paro nas antigas oficinas de emprego. Sobre 41.000 persoas foron desapuntadas por atoparen traballo (o 44%), mentres o 56% restante (case 53.000) por outros motivos.
O 56% das persoas que abandonaron o paro en xaneiro e febreiro fixérono por non renovar a tarxeta de demandante ou por "outras causas"
En concreto, arredor de 36.400 persoas (38,6%) abandonaron as listas do paro por "non renovación" da tarxeta de demandante, mentres que unhas 16.300 (17,4%) fixérono por "outras causas", segundo reflicten as estatísticas.
Os datos son semellantes en xaneiro e febreiro, sobre todo no que ten que ver co número de persoas que non renovaron a tarxeta do paro: sobre 18.200 persoas en cada mes. Nos mesmos meses de hai un ano, foran arredor de 10.000 e 7.000 respectivamente.
En total, o 23,6% das persoas que abandonaran as listas do paro en xaneiro de 2020 e o 41,8% en febreiro do mesmo ano fixérano por causas diferentes a atopar un traballo, unha porcentaxe moito menor á do inicio de 2021.
O descenso importante do paro nos últimos meses está relacionado con que a Xunta deixase de renovar automaticamente a 'tarxeta do paro' desde o 1 de xaneiro
A condición de demandante de emprego é necesaria para percibir subsidios cando se ten dereito a eles, potenciais ofertas de traballo e acceso a cursos de formación. No entanto, os ofrecementos de emprego a través desta vía son sempre moi escasos. De feito, segundo os últimos datos do IGE, de todas as baixas nas listas do paro por colocación en xaneiro, só 241 foron con oferta previa deste servizo. En febreiro, 88.
Nesta avalancha de baixas inflúe o feito de que a Xunta deixase de renovar automaticamente desde o pasado 1 de xaneiro o trámite trimestral para a renovación, logo de que en marzo, coa chegada das restricións polo coronavirus, suspendese a obriga de renovar cada tres meses o trámite.
Durante meses, a renovación deste trámite fíxose automaticamente, sen exixirse pedir cita ou tramitalo a través de internet, como ocorre de novo desde o inicio deste ano. Nos meses anteriores --entre abril e decembro-- e ante a renovación de facto, non houbo ningunha baixa por non ter feito este trámite. Antes da pandemia, foron unhas 7.000 persoas en febreiro e 10.000 en xaneiro as que abandonaron as estatísticas do paro polo mesmo motivo, menos da metade que as dun ano despois.
Enrique Negueruela advirte de que a nula oferta que o Servizo de Colocación ofrece ás persoas paradas sen prestación provoca que se desapunten
O feito de que a Xunta deixase de renovar automaticamente un trámite que para moitas persoas non é efectivo provoca tamén un importante descenso do paro rexistrado ao abandonar as listas todas aquelas persoas que non acoden á oficina para a renovación ou non o fan a través de Internet.
Por que esa cantidade de baixas no Servizo Galego de Colocación? Enrique Negueruela, técnico de emprego, ex-asesor da Consellería de Traballo e ex-traballador nunha das devanditas oficinas de colocación, teno claro. "Que lle ofrece o servizo público de emprego ás persoas paradas que xa non cobran prestación? Nada. Se os itinerarios laborais non funcionan, se apenas son colocados nun posto de traballo... Permanecen apuntados mentres non teñen que ir pasar revista, pero logo xa non van", explica quen viviu en primeira persoa "moreas de casos" desde as súas antigas funcións.
O técnico de emprego asegura que a situación derívase directamente da "nula atención" que a Xunta pon nas políticas de emprego. Negueruela denuncia que, desde 2009, e segundo os informes que a Administración envía ao Parlamento, o Goberno galego deixou de executar arredor de 1.400 millóns de euros destinados a políticas de emprego. Sobre o 40% do total.
"A Xunta estase poñendo medallas e sacando peito por botar fóra do mercado de traballo milleiros de persoas"
Para Negueruela, o que acontece en Galicia é "o colmo". "A Xunta estase poñendo medallas e sacando peito por botar fóra do mercado de traballo milleiros de persoas", explica, tras advertir de que no país deuse en xaneiro "a peor situación de todas" co emprego: "Que baixe a afiliación e baixe o paro rexistrado á vez".
Desde 2005, asegura, esta circunstancia só se deu en 8 meses (4%), fronte ás máis habituais, e que se deron no 90% das ocasións: que suba a afiliación e baixe o paro rexistrado --"que é a mellor situación"-- ou que baixe a afiliación e suba o paro rexistrado, o que é unha "mala situación".
Para Negueruela, os datos de xaneiro supoñen unha importante caída "do volume de persoas que poden sacar adiante o país". "É unha anomalía que se deu oito veces máis nos últimos 15 anos, pero que en ningunha ocasión supuxo unha perda tan grande", engade.
A non renovación automática do paro, a emigración ou o desinterese provocan, segundo Negueruela, a "anomalía" de que o paro baixe mentres se destrúe emprego
Segundo explica, a non renovación automática da tarxeta do paro, xunto coa emigración, o desinterese ante a inutilidade de apuntarse nas oficinas de emprego ou mesmo a "habitual cociña" que denuncia nas estatísticas, "ao intercambiar demandantes non ocupados e parados rexistrados", explican esta situación anómala. O mellor exemplo, engade, nestes dous primeiros meses de 2021, nos que unha análise dos datos evidencia que máis da metade das persoas que abandonarono paro en Galicia non o fixeron porque atopasen un emprego.
"Para falar de emprego hai que contemplar como evoluciona a afiliación á Seguridade Social e o paro; esquecer unha das dúas variables é facer demagoxia e iso, ademais coa pandemia, non é decente", conclúe Negueruela.