Os efectos económicos da pandemia continúan a impactar no mercado laboral galego. No mes de xaneiro, Galicia destruíu case 10.000 empregos ao baixar en 9.823 persoas o número de afiliacións á Seguridade Social con respecto ao mes de decembro. Son, ademais, 14.168 cotizantes menos que hai un ano, quedando o total en 992.338.
Galicia destruíu case 10.000 empregos en xaneiro e ten 14.168 persoas menos que hai un ano afiliadas á Seguridade Social
Estas son as principais cifras que se tiran dos datos feitos públicos este martes polos ministerios de Traballo e Seguridade Social, que inciden nos efectos negativos que a COVID está a ter no laboral, pero tamén na amortiguación que deses malos números ten a aplicación dos ERTE por mor das limitacións que supón a pandemia.
Galicia foi unha das dúas comunidades autónomas onde descendeu o paro en xaneiro
De feito, e malia os negativos datos de afiliación, Galicia foi en xaneiro unha das dúas únicas comunidades autónomas --xunto con Illes Balears-- onde non se incrementou o paro rexistrado. O número de persoas apuntadas nas oficinas de emprego son 3.603 menos que no mes de decembro, aínda que a cifra total queda en 185.984, o que supón 18.229 máis que no primeiro mes de 2020.
A baixada no paro rexistrado dáse en todos os sectores, pero desta vez destaca sobre todo o importante descenso que se dá no colectivo sen emprego anterior, cun total de 1.609 parados menos que en decembro.
Á falta de coñecer a causa real de tan importante baixada do paro nese colectivo, hai que ter en conta que a Xunta deixou de renovar automaticamente desde o pasado 1 de xaneiro o trámite trimestral para seguir cobrando a prestación de desemprego, logo de que en marzo, coa chegada das restricións polo coronavirus, suspendese a obriga de renovar cada tres meses o trámite.
O descenso importante do paro pode ter que ver con que a Xunta deixase de renovar automaticamente o trámite trimestral de desemprego desde o 1 de xaneiro
Queda por ver canta baixada do paro rexistrado neste pasado mes de xaneiro se debe á non renovación do devandito trámite, logo de que durante meses se fixese automaticamente e non se exixise nin pedir cita nin tan sequera facelo a través de internet, como ocurre de novo agora.
O feito de que o descenso no número de persoas rexistradas nas oficinas de emprego coincida no tempo cunha destrución importante de emprego reforza a idea de que boa parte dese descenso teña máis que ver coa falta de expectativas e a ausencia dunha renovación automática da tarxeta do paro.
Sexa como for, a destrución de emprego por mor da pandemia continúa, aínda que mecanismo dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) impulsados desde o Goberno central aminoran o golpe.
Galicia pechou xaneiro con máis de 31.000 traballadores en ERTE, cun lixeiro descenso respecto aos de decembro
Galicia pechou o mes de xaneiro cun total de 31.308 traballadores en ERTE, arredor de 2.500 menos dos que había en decembro, cando a cifra alcanzara os 33.772. As novas e duras restricións impostas nas últimas semanas fará, ben seguro, incrementar o número de persoas acollidas a esta figura no vindeiro mes, logo de que oas axentes sociais e o Executivo alcanzasen un acordo para renovar o mecanismo.
Estas máis de 31.000 persoas en ERTE manteñen a súa cualificación como ocupadas nas estatísticas laborais, á espera de volver á a actividade, aínda que cunhas perspectivas máis que incertas pola evolución da pandemia.
Xa que logo, e tendo en conta estes datos, a pandemia mantivo nun ERTE ou deixou sen traballo en Galicia durante xaneiro máis de 40.000 persoas. Traballadores e traballadoras que ou ben perderon o seu emprego ou téñeno suspendido temporalmente.
Ademais, a meirande parte da contratación segue a ser precaria en Galicia: dos 60.479 contratos rexistrados en xaneiro, un total de 54.249 son temporais. En termos mensuais a contratación medra nun 5,2% en xaneiro, mentres que en termos anuais a caída é dun 29,6 %.