O ano da pandemia destruíu 15.100 empregos en Galicia, segundo os datos que se tiran da Enquisa de Poboación Activa (EPA). O impacto do coronavirus supuxo unha importante caída no número de persoas ocupadas no país, que queda no cuarto trimestre nun total de 1.080.900 logo dese descenso do 1,4% con respecto ao mesmo período de 2019.
O ano da pandemia destruíu máis de 15.000 empregos en Galicia, ao que se suman as case 34.000 persoas incluídas nun ERTE a final de 2020
A baixada na ocupación foi de 1.700 persoas no cuarto trimestre respecto ao anterior, uns datos que non reflicten de todo o impacto da COVID no emprego xa que aquelas persoas afectadas por un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) --case 34.000 a final de ano-- seguen a considerarse ocupadas nas estatísticas.
Xa que logo, sumando o emprego destruído e o afectado polos ERTE derivados das restricións polo coronavirus, son arredor de 50.000 as persoas que ou ben perderon o traballo ou ben o tiñan suspendido a finais de 2020 en Galicia, unhas cifras semellantes ás resultantes de ter en conta os datos de perda de afiliacións á Seguridade Social no último exercicio.
A situación, tendo en conta as novas restricións aplicadas, non ten traza de mellorar nos primeiros meses do novo ano tras un último período non tan negativo. De feito, e malia os malos datos xerais, no último trimestre de 2020, e mentres a ocupación masculina descendía en 5.500 persoas, a feminina aumentaba en 3.800.
O paro descendeu en 3.200 persoas durante 2020 en Galicia, sendo unha das tres comunidades onde baixou
Ademais, o número de parados segundo a EPA nese cuarto trimestre en Galicia era de 142.600 persoas, 2.200 menos que no trimestre anterior e 3.200 menos respecto a un ano antes, sendo unha das tres comunidades autónomas con descenso en 2020, xunto a Extremadura e Murcia. A ferramenta dos ERTE, renovada agora polo Goberno central tras o acordo cos axentes sociais, aminora o impacto da COVID no mercado laboral .
Só o 6,5% das persoas ocupadas en Galicia traballa desde o seu domicilio máis da metade dos días
Con todo, e malia os datos positivos do paro, o descenso na ocupación no último trimestre do ano afectou a todos os sectores económicos agás aos servizos, onde o lixeiro pulo pola campaña de Nadal e o relaxamento das restricións provocou unha suba en 6.200 persoas. No entanto, con respecto a un ano antes, o número de persoas ocupadas neste ámbito caeu en 10.900 (-1,4%), mentres que tamén descendeu na industria (-5%) pero incrementouse no sector primario (+6%) e na construción (+1,3%).
Ademais, no cuarto trimestre de 2020, e malia as recomendacións das administracións para priorizar o teletraballo, tan só o 6,5% das persoas ocupadas en Galicia traballou desde o seu domicilio máis da metade dos días, fronte ao case 10% no conxunto do Estado e ao 13,8% que o fixera no segundo trimestre, nos momentos do confinamento e das maiores restricións pola COVID.