As novas restricións implantadas pola Xunta desde este mércores supoñen outro duro golpe á economía e, en especial, á hostalería, danada xa por meses de limitacións derivadas da COVID. Xunta, deputacións e concellos abordan novas axudas pero seguen sen acordar a achega que cada unha debe facer a ese "fondo común de rescate". As tres institucións provinciais gobernadas por PSdeG e BNG defenden agora que cada administración destine o 1% do seu orzamento, logrando así uns 140 millóns de euros en total, unha medida que polo momento rexeita a Xunta para un sector no que a pandemia destruíu xa uns 8.000 empregos e que mantén milleiros en ERTE.
O número de persoas afiliadas á Seguridade Social no sector da hostalería baixou un 13% en Galicia, que destruíu máias de 7.300 empregos, á marxe dos ERTE
Segundo datos do Ministerio de Traballo, debullados polo sindicato CCOO, a afiliación á Seguridade Social na hostalería rematou 2020 cunha media de 49.706 persoas en Galicia, case un 13% menos que hai un ano, o que supón a destrución de 7.376 empregos durante o pasado exercicio. A esta cifra, que indica os postos de traballo perdidos, habería que engadirlle os milleiros de profesionais do sector que se atopan inmersos nun ERTE, que manteñen a súa cualificación de ocupados nas estatísticas laborais á espera da volta á actividade, aínda que cunhas perspectivas moi incertas pola evolución da pandemia.
A pandemia provocou que u n total de 7.887 traballadores da hostalería perderan o seu emprego en 2020
De feito, as restricións implantadas en novembro en Galicia provocaran xa no pasado decembro o aumento en máis do 25% do número total de persoas inmersas un ERTE, ferramenta agora renovada polo Goberno central. 33.772 persoas estaban a final de ano acollidas a estes expedientes de regulación temporal de emprego, a maioría delas pertencentes ao sector servizos, unha cifra que volverá subir por mor das novas limitacións de actividade, horarios e mobilidade.
Ademais, e segundo os datos do Ministerio, Galicia perdeu 512 autónomos do sector da hostalería en 2020, un descenso do 2,3%. En total, 7.887 traballadores de "servizos de comidas e bebidas" --categoría na que se inclúen bares e restaurantes-- perderon o seu emprego no pasado ano, un descenso de case o 10% (-9,92%).
As deputacións gobernadas por PSdeG e BNG e os concellos queren que cada administración achegue o 1% do seu orzamento ao fondo, pero a Xunta négase
Agora, Xunta, concellos e deputacións buscan artellar un novo plan de rescate logo da proposta de achegar cadanseu 1% do orzamento, unha medida impulsada polo presidente da institución provicial da Coruña, Valentín González Formoso, logo das propostas no mesmo sentido do BNG, e que foi apoiada tamén pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que ve "moi razonable" a ofera pero que advirte da dificultade dalgúns concellos para afrontar o gasto.
A Xunta, pola súa banda, insiste no modelo da Generalitat valenciana, no que o Goberno autonómico achega o 50% das axudas, as deputacións, o 30%, e os concellos, o 20%. Con todo, o Executivo de Feijóo aposta por poñer 50 milóns de euros, o que reduciría o total do fondo a uns 100 millóns de euros.
As reunións continuarán este martes logo de que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, rexeitase discutir por "porcentaxes" e pedise un "acordo rápido" para que a Administración autonómica actúe como xestor das axudas e axilice a súa repartición.
Desde algunhas cidades, os gobernos municipais amosaron o seu apoio claro á proposta das tres deputacións. O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, advertiu de que o municipio adheríase a esa proposta do 1% do orzamento e lembrou que o Concello "destinou dende o inicio da pandemia máis do 5 % das súas contas a axudas a autónomos e pequenas empresas". Pola súa banda, Inés Rey, rexedora da Coruña, cre que a iniciativa de Formoso supón "unha resposta importantísima a un sector que representa o 4,5% do PIB en Galicia" e unha achega que sería "proporcional e asumible" por todas as administracións.