A hostalería estoupa. Profesionais do sector en varias cidades e vilas galegas mobilízanse contra as restricións que afectan os seus locais, claman por axudas --nalgúns casos prometidas e que non dan chegado-- ás administracións e apostan mesmo pola "insubmisión fiscal" ante a grave crise, un "pozo negro" que, advirten, pode acabar coa quebra dunha importante cantidade de negocios no país.
O sector hostaleiro reclama axudas ante un "pozo negro" e algunha asociación insta mesmo á "insubmisión fiscal" tras as últimas restricións
"As últimas medidas son a gota que rebordou o vaso", coinciden en sinalar varias asociacións hosteleiras respecto dos confinamentos perimetrais nas urbes decretados o pasado venres e o aumento das restricións na restauración. Sobre todo, coinciden varios colectivos, sinalan o feito de que con moi pouca marxe "se avisase de que non podía haber reunións de non convivintes, coas reservas feitas e a mercancía comprada". "Foi unha bomba e unha falta de respecto", engaden.
Se as protestas do sector chegaran xa a Ourense e a semana pasada a Vigo, Santiago ou Ferrol, este luns uniuse A Coruña cunha importante mobilización impulsada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería, que chamou tamén ao peche entre as 18 e as 20 horas e a unha cazolada.
"Non podemos seguir pagando impostos se non se nos deixa traballar; é inasumible e condúcenos á ruína inmediata"
O seu presidente, Héctor Cañete, chamara xa a unha "insubmisión fiscal" pola falta de axudas, ao igual que fixo este luns o seu homólogo do colectivo provincial de Lugo, Cheché Real, que advirte de que os hostaleiros "non poden seguir pagando impostos cando non se lles deixa traballar". "Seguimos pagando cotas á Seguridade Social, o IRPF, hipotecas, luz e auga... É inasumible e condúcenos a unha ruína inmediata", insiste, nunha reclamación idéntica á da entidade coruñesa.
Desde diferentes asociacións advirten do posible peche do 30% dos locais nun sector que representa sobre o 20% do PIB galego. En conversa con varios hostaleiros, a sensación é semellante, predominando a "incerteza" e as críticas a medidas que consideran "incongruentes" e "improvisadas". En resposta, e entre as propostas impulsadas nalgunha cidade, a de destinar o orzamento previsto ao alumeado de Nadal ás axudas ao pequeno comercio.
"Os ingresos baixaron moito, mesmo máis do que se adoita dicir, ata o 80%", conta un hostaleiro propietario dun local no centro dunha cidade galega. "As administracións non parecen ter idea do que facer; non ten sentido que o meu negocio estea aberto mentres os gobernos mandan a xente á casa ou non impulsan campañas de publicidade serias sobre o consumo responsable e con medidas de seguridade", insiste outro profesional que se pregunta "que sentido ten manter aberto un restaurante con limitacións aos convivintes, toque de queda ás 23 horas e recomendacións para non saír de casa".
"Que sentido ten manter aberto un restaurante con limitacións aos convivintes, toque de queda ás 23 horas e recomendacións para non saír de casa?"
"Hai que implantar axudas que incentiven a xente a manter o negocio aberto e non limitalas a un peche", explica outro hostaleiro que reclama exención de impostos e garantía de pagamento de rendas e subministros básicos "para poder manter a actividade". "Se non é posible polo agravamento da pandemia, haberá que pechar de vez durante un tempo, pero cunhas axudas que aseguren que os locais poderán volver abrir", insiste.
"Estannos criminalizando", advertían o pasado venres durante unha protesta hostaleiros do Casco Vello e da zona de Churruca, en Vigo, noutra das denuncias compartidas por todo o sector, que sinala o cumprimento "escrupuloso" das medidas de seguridade, que se demostraría na "práctica inexistencia de sancións" en Galicia, como destacaba o pasado mércores a Asociación Hostalaría Compostela, impulsora dunha masiva mobilización na capital galega.
A protesta da hostalaría compostelá reclama un plan de rescate á Xunta e advirte do cumprimento "escrupuloso" das medidas de seguridade no sector
Tras ela, Lois López, un dos membros da directiva da asociación, aseguraba que se as medidas que se están a aplicar --no caso da área de Santiago ou de Ferrol aínda máis restritivas polo veto ao consumo no interior en bares e cafetarías-- son "as que teñen que ser e non hai outra maneira de combater a pandemia", estas deberían "acompañarse dun plan de rescate económico para afrontar gastos fixos e non obrigar ao peche". Sinalan, ademais, a Xunta pola inexistencia dese plan "máis aló de anuncios improvisados que non se concretan".
Xa na primeira vaga da pandemia, Galicia fora unha das poucas comunidades que non activara axudas directas para os autónomos. Nesta segunda, hai tan só uns días que anunciou un plan dotado con 70 millóns que debe aínda ser consensuado co sector e cos sindicatos e patronal.
De feito, neste mesmo luns, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, pediu a Xunta e Deputación da Coruña que habiliten axudas aos negocios para "complementar os case 2 millóns de euros que xa concedeu o Concello". Desde A Coruña, a alcaldesa Inés Rey tamén sinalou o Goberno autónomico e amosou a súa "preocupación" pola súa "falta de dilixencia á hora de habilitar" estas axudas.
Os Concellos da Coruña ou Ferrol piden á Xunta que habilite xa axudas aos autónomos: "É a administración con recursos e competencias"
"O primeiro plan de rescate autonómico presentouse hai só quince días, cando o goberno local da Coruña estaba xa pensando no segundo, e aínda non está operativo", dixo, tras advertir de que "ningunha persoa autónoma ou pequeno empresario percibiu nin un só euro da Xunta, que é a administración con recursos e competencias para facer fronte á situación". Ademais, anunciou un incremento de entre 1,6 e 2 millóns de euros para axudas directas aos case 4.000 autónomos que as solicitaron na cidade dentro dun programa de apoio que prevé sumar 15 millóns.
En Lugo, pola súa banda, a alcaldesa Lara Méndez anunciou tras a reunión coa asociación de hostaleiros que o Concello manterá ata o 31 de xaneiro a exención do pago das taxas das terrazas. E en Santiago, a xunta de goberno local tamén aprobou esta exención para todo o 2021.
Mentres os gobernos locais --entre críticas, iso si, pola lentitude na implantación das axudas e a resolución dos expedientes-- tratan de paliar unha situación "catastrófica" na hostalería, a Xunta ultima aínda un plan de axudas que non chegan e o temor a un novo peche total paira sobre o sector.
"Non ten sentido estar aberto así"
Nas protestas, as diferenzas lóxicas nun sector atomizado e "desunido", como destacan a Praza.gal varios hostaleiros. Mentres nunhas mobilizacións céntrase o foco na falta das axudas prometidas pola Xunta, noutras critícanse as últimas medidas restritivas, aplicadas polo Goberno autonómico, pero sinálanse outras administracións. Na Coruña, a mobilización deste luns percorreu o centro desde María Pita, sede do goberno municipal, ata a Delegación do Goberno central, un aspecto que non pasou desapercibido para varios hostaleiros que criticaron esa circunstancia.
En case todas elas reclámase a exoneración do pagamento de cotas de autónomos, Seguridade Social e IRPF, ampliación dos períodos de carenciad de créditos mentres dure a pandemia, axudas directas ao sector ou unha maior concordancia entre as diferentes restricións por territorios.
"Non ten sentido estar aberto nesta situación, con gobernos recomendando non saír da casa e limitando as reunións", insiste un hostaleiro que teme que a falta de reacción por parte dos gobernos acabe por provocar "que morran os negocios pequenos e que nas vilas e cidades só queden os grandes grupos empresariais". "A este paso van caer moitos negocios mantidos con moito esforzo durante anos por uns meses de pandemia mentres seguen esperando polas axudas", conclúe.