A Xunta pide a concellos e deputacións dividir a conta das axudas á hostalería logo das duras restricións anunciadas
A Xunta pide a concellos e deputacións dividir a conta das axudas á hostalería logo das duras restricións aplicadas durante o vindeiro mes para frear o coronavirus. O Goberno galego e representantes do sector propoñen un fondo de cooperación cofinanciado polas tres administracións.
Fixérono logo da xuntanza que mantiveron este mércores os conselleiros de Sanidade e Emprego, Julio García Comesaña e María Jesús Lorenzana, ademais do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, con representantes da hostalería.
A Xunta e o sector da hostalería apostan por un modelo de axudas idéntico ao aplicado pola Comunitat Valenciana
Rueda advertiu da necesidade de que "todas as administracións" se impliquen nas axudas e se forme unha "triple fronte" para paliar o impacto económico das restricións cun segundo plan de axudas. Así, o sector e a Xunta coincidiron en pedir ese fondo no que o Goberno galego achegaría o 50%, as deputacións, o 30%; e os concellos, o 20%.
Remiten, tanto Xunta como a hostalería, e ata nas porcentaxes das achegas, a un modelo aplicado na Comunitat Valenciana --gobernada por PSOE, Compromís e Podemos--, cuxo goberno vén de aprobar un fondo de 120 millóns de euros para axudas á hostalería, turismo e cultura e que será financiado pola Generalitat, as deputacións e os municipios.
Só unhas horas despois desta demanda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presumiu de que "Galicia é a comunidade autónoma que máis está apoiar o sector da hostalería a través de axudas directas". "Nunca na historia da Xunta unha orde se tramitou e pagou con tatna axilidade", dixo respecto da liña de apoio xa activada.
Hai tan só dous meses, eran os concellos das principais vilas e cidades galegas os que recriminaban a tardanza da Xunta en aplicar axudas directas ao sector da hostalería mentres a inmensa maioría das administracións locais xa impulsaran plans de rescate.
Segundo o Goberno galego, esta primeira convocatoria do plan de rescate completou xa case o 80% dos pagamentos a máis de 30.500 solicitantes que cumpriron con todos os requisitos, por un importe total de 65 millóns de euros. Na hostalería, son máis de 14.700 negocios e 23,7 millóns de euros.
Desde as agrupacións provinciais de hostaleiros, con todo, insisten na dramática e "caótica" situación do sector, aínda que celebran que a coordinación entre administracións para ese novo fondo poida ser a alternativa para novas axudas, malia advertiren de que algunhas deputacións xa avisaran de que estas liñas non serían da súa competencia.
Por outra banda, a Asociación Hostalaría Compostela valoran a necesidade da implicación de todas as administracións pero ven tamén unha intención de "pasarse a pelota" e lembran que artellar un sistema a tres bandas "vai levar tempo" cando a necesidade de axudas é "urxente".
O sector hostaleiro de Compostela anuncia "accións legais" contra a Xunta polo "evidente prexuízo" das restricións adoptadas
Precisamente, a Asociación Hostalaría Compostela e a Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Compostela protestaban xa o pasado luns diante da residencia oficial do presidente da Xunta polas últimas restricións impostas ao sector e para "reclamar compensacións para uns negocios que están ao límite, cunha diminución dos ingresos dun 80% e coas axudas sen cobrar".
Ademais, anunciaron que pensan "iniciar accións legais" contra a Xunta de Galicia. Os seus servizos xurídicos entenden que as decisións adoptadas pola Administración "teñen ocasionado un evidente prexuízo ao sector que, consideran, constitúe un claro suposto de Responsabilidade Patrimonial da Administración Autonómica". Así, o contido e as circunstancias nas que se teñen adoptado estas decisións, "teñen ocasionado un real e efectivo dano, economicamente avaliable e perfectamente individualizado, que os establecementos do sector non teñen o deber xurídico de soportar".