Apenas unha semana despois de erguer os peches perimetrais para propiciar encontros no día de Reis e cando transcorreron pouco máis de dúas do levantamento destas limitacións de mobilidade nas celebracións de Noitevella e Aninovo, o Goberno galego frea de vez a desescalada emprendida xusto antes da ponte da Constitución. Faino co que, a efectos prácticos, é o paquete de medidas máis estrito dende o desconfinamento da primavera do pasado 2020.
Os peches perimetrais individuais atinxen aos 60 concellos en nivel máximo de restricións e mais ás 3 cidades que quedan en nivel alto: Vigo, Pontevedra e Lugo
Dende este venres, 15 de xaneiro, todos os concellos de Galicia pasan a estar no nivel alto ou máximo de restricións, segundo o esquema de medidas vixente en Galicia dende comezos de decembro, aínda que con algunhas variacións. Ademais, nos 313 municipios, o toque de queda abeirado no vixente estado de alarma adiántase das once ás dez da noite e seguirá finalizando ás seis da mañá seguinte.
Na xornada en que o país bate un novo récord de positivos rexistrados en 24 horas -con máis de mil por primeira vez-, o presidente da Xunta anunciaba que dende as cero horas do venres un total de 60 concellos pasan a estar en nivel máximo de restricións, o que implica -entre outras medidas- peche perimetral individual e cesamento ás seis da tarde da actividade hostaleira, que terá que limitarse ás terrazas. O servizo a domicilio segue sen límite de horario. Tamén supón limitar a 4 as reunións de persoas non conviventes.
Alén das restricións da hostalería, o Goberno galego confirma que nos municipios en nivel alto volverán ter que pechar as salas de xogo e apostas. Ademais, nos centros comerciais a capacidade queda restrinxida ao 30% e a permanencia en espazos comúns, prohibida.
Concellos de nivel alto e outras restricións xerais
O Goberno galego inclúe tamén nos concellos con peche perimetral as tres cidades ás que, polo momento, deixa fóra do nivel máximo de restricións, situándoas no alto: Lugo, Pontevedra e Vigo. Non obstante, adianta Feijóo que no caso pontevedrés e vigués non é descartable o ascenso ao nivel máximo por mor da súa situación epidemiolóxica. Subliña Feijóo que, coas novas normas, algo máis do 60% da poboación galega se sitúa en concellos baixo peche perimetral e, practicamente a metade, en municipios co nivel máximo de restricións.
A hora de peche máxima para o comercio pasa a ser as 21:30
Nos demais concellos de nivel alto de restricións, este xa non implica peche perimetral, concreta o presidente da Xunta, e pode haber movemento entre eles sen máis limitacións que as xerais. Entre esas limitacións xerais para o conxunto de Galicia destaca un novo límite para o peche de todos os establecementos comerciais nas 21:30, en consonancia co adianto do toque de recollida ás dez da noite. Ademais, resalta Feijóo que o peche perimetral de Galicia continúa sen mudanzas e que o Goberno galego pasa a incluír como "recomendación" algunhas directrices como "que se recupere ao máximo o teletraballo" ou pedir que nos domicilios particulares só estean persoas conviventes.
Esa directriz sobre os encontros en domicilios privados queda en recomendación porque, evidencia Feijóo, a Xunta non ten competencias para vetalos ou intervir neles, "lamentablemente". Nesta liña, o xefe do Executivo galego insta a non "trasladar" a actividade que habitualmente se realiza nos bares ás casas particulares. A petición, subliña, non é outra que non saír da casa agás para actividades "esenciais", denominación na que inclúe acudir ao traballo ou á escola ou a unha cita médica. Sobre os centros sanitarios, ademais, as visitas hospitalarias quedan limitadas a unha persoa por doente, como xa se fixera en anteriores momentos da pandemia.
"A interacción social do Nadal era actividade de risco"
Como nos días previos, Alberto Núñez Feijóo encadra o novo paquete de restricións nuns "datos que confirman o que previamos" como consecuencia dos encontros das festas do Nadal, Aninovo e Reis. A Xunta, mantén, "sabía" que "a interacción social vinculada ao nadal era unha actividade de risco" se implicaba "reunións fóra das contornas familiares". Por iso, defende, o seu Goberno levantou os peches perimetrais "exclusivamente para facilitar" reunións entre familias.
A Xunta prevé que a necesidade de "máxima prevención" se prolongue, cando menos, ata "mediados de febreiro"
"A terceira vaga que sofren practicamente todas as rexións europeas e a maior parte dos Estados está tamén afectando a Galicia e iso obríganos a todos a afrontar a situación coa máxima responsabilidade"; di Feijóo, quen expón que "probablemente", a necesidade da "máxima prevención" continúe, cando menos, ata "mediados de febreiro". "Se actuamos como o imos facer, poderiamos adiantar o pico" da nova vaga pandémica "a finais de xaneiro ou á primeira semana de febreiro" pero se non, asegura que o comité clínico calcula un "pico" máis forte a finais de febreiro e unha "ocupación hospitalaria que podería chegar aos niveis de abril".
Afirma Feijóo que a Xunta non "ignora" que estas novas medidas implican "efectos durísimos para determinados sectores, moitos empregos, negocios e o futuro de centenares de familias" e por iso, di, o Executivo ultima novas liñas de apoio á hostalería, onde presenta as novas limitacións como "inevitables". "Non hai máis contaxios nos bares que nas reunións familiares" e mesmo "pode haber menos", pero "se temos que elixir entre unha UCI colapsada e os bares pechados, a nosa obriga moral, ética e política é que as UCI non se colapsen", mantén.