O Día de Reis non existirán limitacións de mobilidade en ningún concello de Galicia, tampouco naqueles que na actualidade manteñen un peche perimetral. Porén, esta liberdade de circulación nas localidades con restricións cinguirase aos desprazamentos para realizar visitas familiares. E, ademais, estará vixente unicamente entre as 6 e as 23 horas do día 6 (o propio día de Reis). A Xunta adopta esta decisión a diferenza do sucedido na Noiteboa e Noitevella, cando a apertura se estendera dende as 0 horas do día anterior (23 ou 30) ata as 23 horas do día seguinte (25 ou 1). É dicir, fóra desas 17 horas do día 6, non estará autorizada a entrada e a saída dos concellos con peches perimetrais.
A liberdade de circulación nas localidades con restricións limitarase aos desprazamentos para realizar visitas familiares. E, ademais, estará vixente unicamente entre as 6 e as 23 horas do día 6 (o propio día de Reis)
Ademais desta decisión, o Comité Clínico da Consellaría de Sanidade, reunido este luns ao mediodía, acordou manter os actuais niveis de restricións na maior parte de Galicia, mudando unicamente a situación de Carnota e As Pontes (pasan ao nivel básico e polo tanto suprímese o peche perimetral) e Narón (pasa ao nivel medio e o seu actual peche perimetral compartido con Ferrol pasa a ser individual en ambos os dous casos). Todas estas decisións publicaranse no DOG este luns pola noite, entrando en vigor na medianoite do martes ao mércores.
Este venres volverá reunirse o Comité Clínico para actualizar as restricións vixentes en toda Galicia, analizando ese día o efecto das festas de Nadal sobre a situación epidemiolóxica
O Comité Clínico acordou, ademais, que o actual peche perimetral en vigor para o conxunto de Galicia se estende ata o vindeiro 11 de xaneiro. É dicir, ata esa data non se permitirá a entrada ou a saída do territorio galego agás por razóns xustificadas (laborais ou familiares, principalmente). Ademais, e tal e como estaba previsto, o alumnado galego volverá ás clases este vindeiro venres día 8, desbotándose a posibilidade dun regreso o luns 11 no caso de que esa fose a recomendación dos expertos.
Finalmente, tras analizar a evolución epidemiolóxica no conxunto de concellos galegos, o comité clínico tamén acordou engadir ao listado de vixilancia especial a todos os concellos das comarcas da Coruña e Santiago: Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, A Coruña, Culleredo, Oleiros, Sada, Ames, Boqueixón, Brión, Santiago de Compostela, Teo, Val do Dubra e Vedra.
Este venres, de seguir a actual "tendencia á alza" nas cidades da Coruña e Santiago, o Comité Clínico "proporá medidas restritivas", propoñéndose "medidas concretas máis duras"
A Xunta anuncia, así mesmo, que este venres volverá reunirse o Comité Clínico para actualizar as restricións vixentes en toda Galicia. A Consellaría de Sanidade sinala que se quere agardar ata esa data para analizar nese momento a situación epidemiolóxica existente e o efecto das festas de Nadal.
Sanidade advirte especialmente do empeoramento da situación nas cidades da Coruña e Santiago, sinalando que este venres de seguir a actual "tendencia á alza" nas dúas urbes, o Comité Clínico "proporá medidas restritivas", propoñéndose "medidas concretas máis duras".
Por outra banda, a Consellería de Sanidade confirmou que está previsto administrar 12.200 vacinas cada semana, segundo informou tras a chegada este luns dunha nova partida de doses, en concreto 18.500.
Sanidade explica que o obxectivo da campaña que abrangue usuarios de residencias e traballadores destes centros é vacinar "todos os días" e que se reservarán un terzo para "garantir" a segunda dose en todas as persoas xa vacinadas.