Dende meses antes do Nadal autoridades sanitarias e voces expertas viñan advertindo do perigo que supuñan as tradicionais celebracións destas semanas e do risco certo de que as reunións familiares e de amizades e o incremento da mobilidade levasen a unha maior propagación do coronavirus. Máis contaxios que despois derivarían en máis ingresos hospitalarios e máis mortes. Todas estas predicións están comezando a confirmarse no que xa é o inicio da terceira onda da pandemia, que pode ser máís dura que a segunda onda.
A sucesión de días festivos invisibilizou unha parte importante das infeccións, que moi probablemente comezarán a ser detectadas nos centros de atención primaria e hospitais a partir deste luns
Os datos de novas infeccións están xa a aumentar, rexistrando xa os primeiros efectos dos contaxios producidos nos días anteriores á Noiteboa. Con todo, os maiores incrementos chegarán nas vindeiras semanas, cando xa se recollan por completo as consecuencias da relaxación das medidas de precaución nas xornadas festivas dos días 24, 25, 31 e 1.
Os indicadores amosan aínda tímidos aumentos no número de positivos e na incidencia en Galicia. Porén, cómpre ter en conta que durante a última semana descendeu dramaticamente o número de probas de detección realizadas. Ademais, a sucesión de días festivos invisibilizou unha parte importante das infeccións, que moi probablemente comezarán a ser detectadas nos centros de atención primaria e hospitais a partir deste luns.
O empeoramento da situación xa obrigou a varias comunidades autónomas a endurecer as medidas de restricións de cara ao día de Reis e as vindeiras semanas e este luns está convocada unha xuntanza do Comité Clínico da Consellaría de Sanidade que podería decidir tamén un incremento das restricións en Galicia ou cando menos nas localidades que xa están a amosar este inicio da terceira onda da pandemia.
Este domingo detectáronse en Galicia 422 novas infeccións de Covid-19, moi por riba dos datos dos últimos tres domingos: 275, 247 e 275
Este domingo detectáronse en Galicia 422 novas infeccións de Covid-19 diagnosticadas por proba PCR. A cifra amosa xa un incremento con respecto aos últimos días e, sobre todo, en relación aos últimos domingos (275 a semana pasada e 247 e 275 as dúas anteriores). Os domingos adoitan ser un dos días da semana con menos probas realizadas e, polo tanto, con menos positivos.
A diminución no número de PCR realizadas fai difícil comparar os datos de incidencia cos das semanas anteriores ao Nadal, pero aínda así a incidencia acumulada en Galicia leva máis dunha semana en ascenso, superando xa os 175 casos por cada 100.000 habitantes a 14 días e roldando os 100 casos en sete días.
A taxa de positividade sitúase no 7,7%, preto dos peores datos da segunda onda (8,26%) e duplicando os valores previos á Noiteboa (3,58%)
O que si nos ofrece un indicador máis fiel da situación é a taxa de positividade, é dicir, a porcentaxe de probas PCR que teñen un resultado positivo. Este indicador sitúase xa no 7,7% na media da última semana, achegándose aos peores datos da segunda onda (8,26% o 6 de novembro).
O empeoramento da situación é claro se se ten en conta que Galicia chegou á Noiteboa cunha taxa de positividade do 3,58% (media dos sete días anteriores). Dende entón non fixo máis que aumentar, duplicándose na última semana.
A porcentaxe de probas positivas medrou en todas as áreas e supera xa o 9% na Coruña-Cee, Ferrol e Pontevedra-Salnés. Lugo e Vigo son as áreas que presentan mellores datos, pero superando xa o 6% e medrando dende o 2,7% e o 3,3% de hai unha semana.
A media de probas PCR nos últimos sete días é de 5.242, moi lonxe dos case 8.500 tests diarios cos que se chegou á Noiteboa
Como dicíamos, o número de probas PCR realizadas caeu de forma abrupta nos últimos días, o que fixo que o número de positivos detectados non aumentase de forma pronunciada. Este domingo levánrose a cabo 5.105 probas, o que leva a media diaria dos últimos sete días a 5.242 tests, moi lonxe dos case 8.500 tests diarios cos que se chegou á Noiteboa.
Continúa a incrementarse o número de mortes ligadas a contaxios de Covid-19. A cifra total de falecementos dende o mes de marzo ascende xa a 1.414, con cinco novas defuncións notificadas nas últimas 24 horas.
Os concellos que neste momento presentan unhas maiores incidencias acumuladas son Xove, Lobeira, A Illa de Arousa e Vimianzo, que superan os 1.000 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días.
Debido ao menor número de probas realizadas, o número de casos da Covid-19 e, polo tanto, a incidencia acumulada, están a medrar aínda de forma lenta en Galicia, pero o aumento é xa claro en varios concellos que veñen amosando un empeoramento da situación nos últimos días.
É o caso da Costa da Morte e outras comarcas occidentais da provincia da Coruña, con incidencias moi elevadas en Vimianzo, San Comba, Laxe ou Dumbría, o mesmo que en boa parte do Barbanza. Son tamén moi altas na comarca de Verín, onde hai unha semana endurecéronse as restricións. E, igualmente, en Xove e Viveiro, o mesmo que no Baixo Miño, onde Tomiño mantén datos elevados.
Entre os concellos de máis de 10.000 habitantes Verín, Boiro, Bueu, Tomiño, Rianxo, Porto do Son e Viveiro presentan os peores datos, con incidencias por riba dos 400 casos.
Os concellos que neste momento presentan unhas maiores incidencias acumuladas son Xove, Lobeira, A Illa de Arousa e Vimianzo, que superan os 1.000 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días. Muíños, Monterrei, Cualedro, Entrimo, Vilamarín e Barro tamén superan os 700 casos. Con todo, cómpre ter en conta que nas localidade pouco poboadas un pequeno incremento no número de casos (por exemplo pola aparición dun gromo familiar ou nunha residencia) leva a unha rápida suba na incidencia.
Entre os concellos de máis de 10.000 habitantes Verín, Boiro, Bueu, Tomiño, Rianxo, Porto do Son e Viveiro presentan os peores datos, con incidencias por riba dos 400 casos.
Nas cidades, a incidencia da Covid-19 está a medrar en varias delas, agás Santiago e Vigo, onde se mantén estable. Destaca o empeoramento experimentado pola Coruña, que pasou de 119 a 198 dende o 27 de decembro. Tamén Ferrol está a aumentar rapidamente o número de infeccións, e Pontevedra e Ourense levan dous días empeorando os seus datos
O número de pacientes ingresados cunha proba positiva de coronavirus está xa a medrar
Nos hospitais aínda non se percibe un grande incremento no número de camas ocupadas por pacientes Covid-19 e o probable é que haxa que agardar ata mediados de xaneiro para que o efecto no número de infeccións se traslade a eles. Nas UCI, de feito, o número de camas ocupadas pasou de 56 a 54 na última semana.
Con todo, nos últimos días o número de pacientes ingresados no resto de unidades hospitalarias cunha proba positiva de coronavirus está xa a medrar. Este domingo pasou de 311 a 334 e o aumento dende hai sete días é aínda maior (de 291 a 334)
Nas UCI aínda no se percibe o empeoramento da situación
Por áreas sanitarias, a situación nas UCI permanece estable, aínda que cun rápido empeoramento en Santiago (e unha mellora en Pontevedra). Con todo, no resto de unidades hospitalarias, o número de camas ocupadas si medrou de forma importante, especialmente na Coruña e Ferrol e algo menos en Lugo e Vigo. En Pontevedra mesmo descendeu e no resto mantense sen cambios.