"Preocúpanos se apareceu unha nova cepa, pero onde había que poñer o énfase era en suspender a mobilidade durante o Nadal"

José Manuel Castro Tubío © USC

O grupo de investigación Xenomas e Enfermidade, que José María Castro Tubío dirixe no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC foi noticia no mes de febreiro, apenas unhas semanas de que a crise do coronavirus chegase a Europa pola publicación de tres artigos en prestixiosas revistas científicas que supuxeron un grande avance para a investigación de tratamentos contra o cancro. A pandemia paralizou ou ralentizou moitas investigacións relacionadas coa Covid-19 e o propio Tubío alertaba hai uns meses en Praza.gal que "o coronavirus vai causar máis mortes polo freo que supuxo a algunhas investigacións que as que provocou directamente".

Hai 15 días o grupo do profesor Tubío recibiu 300.000 euros da Asociación Española contra o Cancro para financiar as súas investigacións 

Con todo, hai dúas semanas coñeceuse que o proxecto que lidera o profesor Tubío no CiMUS sobre o impacto dos retrotransposóns ou ‘xenes saltaríns’ na estrutura tridimensional do xenoma tumoral recibira 300.000 euros ao abeiro da convocatoria LAB AECC 2020 lanzada pola Asociación Española contra o Cancro. Unha excelente nova que permite seguir afondando nesta pioneira investigación. O grupo recibe outro tipo de apoios, como a achega que hai uns días realizou o debuxante Kiko da Silva, que contribuíu con 5.000 euros ás investigacións, unha entrega que fixo pública o pasado mércores nun encontro celebrado no Garaxe Hermético de Pontevedra. 

Este mércores Kiko da Silva entregou case 5 mil euros para apoiar as investigacións contra o cancro do equipo de Castro Tubío ©

Falamos con Xosé María Castro Tubío sobre as súas investigacións sobre o cancro, o financiamento da ciencia e tamén sobre algunhas cuestións relacionadas coa pandemia de Covid-19. Localizámolo de regreso de Pontevedra, onde foi agradecer a Kiko da Silva a súa doazón.

"As persoas que traballamos en investigación tivemos que durmir no coche porque iamos a algún congreso e non tiñamos financiamento para pagar a hospedaxe nun hotel. Ou por exemplo tiven que poñer cartos do meu propio peto para complementar o salario dos traballadores do meu grupo"

Hai uns meses destacabas nesta entrevista as dificultades que moitas investigacións non relacionadas co coronavirus estaban a ter neste ano para atopar financiamento. Porén, nas últimas semanas a achega da AECC pero tamén doazóns coma a que realiza Kiko da Silva veñen apoiar a vosa liña de traballo. É suficiente?

Estaba agora falando con Kiko e deime de conta que o seu traballo e o meu traballo parécense moitísimo, aínda que non o pareza. Porque son traballos nos que se require moita creatividade e innovación e nos que moitas veces nos atopamos con problemas de financiamento para levar a cabo proxectos. 

As persoas que traballamos en investigación coñecemos ben as penurias que nós e todos os nosos compañeiros tiveron que pasar algunha vez ou seguen pasando. Tivemos que durmir no coche porque iamos a algún congreso ou estadía e non tiñamos financiamento para pagar a hospedaxe nun hotel, ou por exemplo eu tiven que poñer cartos do meu propio peto para complementar o salario dos traballadores do meu grupo. Este tipo de cousas poñen de relevo que a situación da investigación en España é penosa.

"Un problema que temos no noso grupo é que non nos dan cartos para facer investigación arriscada, porque moitas veces o que se valora é copiar as cousas que se fan noutro lado e non innova"

Para que vai servir a doazón realizada por Kiko da Silva?

Un problema que temos no noso grupo e en xeral en todo o ámbito da investigación é que a nós non nos dan cartos para facer investigación arriscada, porque moitas veces o que se valora é copiar as cousas que se fan noutro lado e non innovar. En cambio, no noso grupo non imos por aí, senón que somos creativos e tentamos facer cousas novas. Para abrir este tipo de investigacións fai falla financiamento e moitas veces, xa que as administracións públicas non dan cartos para innovar, este financiamento conseguímolo grazas ao mecenado, como no caso de Kiko da Silva. 

"Queremos afondar na fronteira entre o que é cancro e o que non é cancro. Interésanos estudar esa fronteira, ese límite entre o tecido normal e o tecido tumoral, descubrir que é o que fai que se convertan nun cancro"

A súa doazón de 5.000 euros para a investigación sobre o cancro imos dedicala precisamente a abrir unha nova liña de traballo, que é arriscada e para a que agora mesmo non temos financiamento. Pode que cinco mil euros non pareza unha gran cantidade, pero sérvenos para poñer a investigación en marcha, obter datos preliminares e, con isto, poder pedir máis fondos para desenvolvela completamente. A USC decidiu, con acerto, que o 100% dos cartos doados neste tipo de mecenados se dediquen directamente a investigacións.

En que se basea esa nova liña de traballo?

Queremos estudar todos os aspectos sobre a xenómica do cancro. E queremos afondar na fronteira entre o que é cancro e o que non é cancro, porque ti colles a pel dun home branco duns 40 anos e verás que o 40% das células das súa pel teñen xa as mutacións típicas do cancro, pero non son células que se transformen en células tumorais. Interésanos estudar esa fronteira, ese límite entre o tecido normal e o tecido tumoral, descubrir que é o que fai que se convertan nun cancro.

Charla realizada hai uns días polo profesor Castro Tubío na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela sobre como previr o cancro ©

"O que queremos é adiantarnos, anticiparnos. Se estudamos como se orixina un cancro poderemos localizalo antes mesmo de que naza, antes de que poida ser diagnosticado"

Ata agora o máis que podemos facer é diagnosticar o cancro canto antes mellor e loitar contra el cando xa é evidente e está máis ou menos avanzado. Por iso supoño que é moi importante entender o cancro, coñecer como nace e por que, anticiparse a el, non si?

O que queremos é adiantarnos, anticiparnos. Se estudamos como se orixina un cancro poderemos localizalo antes mesmo de que naza, antes de que poida ser diagnosticado. Hoxe, se tes sorte, o cancro pode ser localizado nun estadio preliminar, pero os primeiros síntomas dun cancro a nivel xenético aparecen moito antes, cando aparecen as primeiras mutacións que poden predestinarte a desenvolver un cancro no futuro. Esa é a idea: chegar a anticiparse mesmo á aparición do cancro. 

"Sabemos que o cancro é unha cuestión xenética, pero en moitos cancros o ambiente xoga un papel fundamental e pódese previr"

Incides moito tamén na importancia de "previr" o cancro, de evitar comportamentos que o favorezan. Como podemos facelo?

Hoxe en día para loitar contra o cancro temos tres armas: a prevención, o diagnóstico precoz e, por último, o tratamento. Pero a primeira é a prevención. Sabemos que o cancro é unha cuestión xenética, pero en moitos cancros o ambiente xoga un papel fundamental e pode previrse. Sabemos, por exemplo, que hai unha correlación moi clara entre o cancro de pulmón e fumar tabaco, sabemos tamén que hai virus -coma o papiloma- que provocan cancro, sabemos que o cancro de colon é producido tamén por unha mala alimentación. 

Que son eses 'xenes saltaríns' cos que traballades e que vos fixeron merecedores dun importante financiamento da AECC?

O noso ADN non é algo estático e unha importante fracción está conformado por fragmentos con capacidade para moverse, os retrotransposóns. Estes xenes saltaríns poden saltar dun lado a outro do xenoma, polo que son unha importante fonte de mutación. No grupo investigamos a actividade dos retrotransposóns para tentar explicar se a súa mobilización causa cambios na estrutura tridimensional do ADN que puidese ter impacto na función dos xenes e, polo tanto, na orixe e evolución do cancro. Os retrotransposóns representan unha parte importante do noso material xenético, ata case un 50%, e foron ata non hai moito considerados ‘ADN lixo’ debido á súa natureza repetitiva e ausencia aparente de funcionalidade. Este concepto erróneo levou a moitos científicos a non profundar no seu papel determinante no cancro. 

"No CiMUS conseguimos sinalar un novo mecanismo de mutación que consiste en que cando os retrotransposóns se mobilizan no xenoma tumoral poden producir perdas enormes de material xenético no punto no que se integran"

Nós desenvolvemos algoritmos bioinformáticos dirixidos ao estudo desta materia escura e atopamos varios tesouros. No CiMUS conseguimos sinalar un novo mecanismo de mutación que consiste en que cando os retrotransposóns se mobilizan no xenoma tumoral poden producir perdas enormes de material xenético no punto no que se integran. Estas perdas causadas pola integración de retrotransposóns poden implicar a desaparición de xenes que son importantes no mantemento do funcionamento normal dunha célula. A evidencia de mobilización destes xenes saltaríns en tecido san suxire que este proceso podería ser relevante non só en cancro senón tamén en envellecemento e outras enfermidades.

Infografía da Universidade de Cork con consellos prácticos para reducir propagación do virus, traducido por Castro Tubío © UCC

"Estamos moi preocupados por se apareceu unha mutación aquí ou unha nova cepa alá, pero onde había que poñer o énfase era en suspender a mobilidade durante o Nadal, porque en xaneiro imos ter unha suba bestial de casos e de hospitalizacións"

Cambiando de tema, e indo inevitablemente a falar do SARS-CoV-2, en que medida deben preocuparnos as novas variantes do virus atopadas nas últimas semanas, especialmente a descuberta no Reino Unido? 

Sobre ese tema, o primeiro que quero dicir é que me sorprende que poñamos o punto de mira onde non hai que poñelo. Estamos moi preocupados por se apareceu unha mutación aquí ou unha nova cepa alá, pero onde había que poñer o énfase era en suspender a mobilidade durante o Nadal, porque en xaneiro imos ter unha suba bestial de casos e de hospitalizacións. Pero todos estamos centrados en se esta nova mutación é máis ou menos perigosa cando o que nos debería preocupar son todas as reunións e celebracións que houbo na Noiteboa ou Noitevella. A sociedade erra nisto e tamén erran os Gobernos, que deberían aplicar medidas para impedilo ou, cando menos, para convencer á xente de que estes días non se debe mover. Pareceume unha irresponsabilidade. A ver a quen lle reclamamos dentro dunha semana, cando crezan as cifras de casos, de ingresos e de mortos.

Mutacións do virus hai todos días, o virus está mutando continuamente. O que nos debe preocupar é se a mutación do virus fai que sexa máis contaxioso ou máis letal e iso aínda non o sabemos. Ademais, a mutación seguramente leva xa moito tempo circulando por Galicia e por practicamente todo o mundo. O que pasa é que aquí aínda non foi detectada, porque aquí imos moi atrás e detectamos as cousas moito máis tarde que en Inglaterra, onde fan un esforzo moito maior en secuenciar os xenomas do coronavirus. Pero a sociedade non se ten que preocupar de se hai unha variante nova, senón de evitar que o virus se propague máis. 

"As vacinas son unha excelente noticia pero os seus efectos contra a pandemia e a circulación do virus imos tardar aínda varios meses en velos"

Priorizouse 'salvar o Nadal' ou 'salvar a economía' sobre o obxectivo de conter o virus?

Eu entendo que é importante 'salvar a economía', por iso paréceme acertado que abran os comercios: é importante a nivel económico para moitas persoas e non supón un gran perigo de contaxio. Pero permitir que haxa xuntanzas de dez persoas nunha casa ou que haxa desprazamentos entre uns e outros concellos ou entre unhas e outras comunidades autónomas non ten ningún tipo de beneficio económico e si implica un gran risco. E as consecuencias verémolas nuns días. É unha realidade á que nos imos ter que enfrontar e a negación desta realidade paréceme unha forma de infantilizar á sociedade. Parece que coa chegada das vacinas xa está todo o problema solucionado, pero aínda imos tardar seis meses en ver os seus efectos.

"Dáse por feito que lle imos gañar a partida ao virus, e iso non está tan claro. Pode ser que, ao igual que coa gripe, necesitemos unha nova vacina cada ano" 

Podemos confiar na eficacia das vacinas? Que efecto terán sobre o control da pandemia?

As vacinas son unha excelente noticia pero os seus efectos contra a pandemia e a circulación do virus imos tardar aínda varios meses en velos. En primeiro lugar, a vacina de Pfizer é eficaz a partir dun mes despois da súa administración. Segundo, o obxectivo é chegar a unha inmunidade de grupo, para a que se necesita que unha porcentaxe moi ampla da poboación, un 70%, estea vacinada, e iso non vai suceder ata o remate do verán no mellor dos casos. As medidas de prevención vanse manter aínda moitos meses. 

E, finalmente, dáse por feito que lle imos gañar a partida ao virus, e iso non está tan claro. Non sabemos se a capacidade mutaxénica do virus lle vai permitir regresar o inverno que vén nunha forma que fará que estas vacinas deixen de ser eficaces para combatelo. E pode ser que, ao igual que coa gripe, necesitemos unha nova vacina cada ano. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.