O Sergas rexistra seis novas mortes nunha xornada na que só sumou 296 novos casos tras realizar apenas 3.300 probas PCR fronte ás entre seis mil e nove mil que se viñan facendo desde finais de outubro
Entre as seis da tarde do día 1 e a mesma hora do día 2 de xaneiro o Sergas contabilizou a realización de só 3.318 probas PCR, a metade ou unha terceira parte das entre seis mil e nove mil que se viñan realizando en Galicia, con altibaixos, desde finais de outubro. Nese mesmo período a contabilidade oficial da pandemia engadiu á serie histórica outros 296 novos casos positivos de coronavirus (269 por probas PCR realizadas nas últimas 24 horas). Na mesma última xornada sumáronse seis novos falecementos, ata un total de 1.409 desde o comezo da pandemia.
Como ocorreu nos días posteriores ao Nadal, festivo seguido dunha fin de semana, ao igual que Aninovo, os novos casos que se detectan caen á espera de que o número de probas realizadas volva aumentar durante a semana. En todo caso, a media de novos positivos diarios da última semana supera os 360, cifra que non se rexistraba desde finais de novembro.
Nos hospitais hai 368 persoas ingresadas, medio cento máis que en Nadal, cun empeoramento xeral en todas as áreas sanitarias
Fronte ao descenso de novos casos detectados pola realización dun menor número de probas, a situación nos hospitais empeora, cun total de 368 persoas ingresadas, 57 delas en unidades de coidados intensivos e 311 en planta, 14 máis que na xornada anterior. Son case medio cento máis de persoas ingresadas, un 15% máis, que as 319 que había en Nadal, no punto máis baixo ao que se chegou tras o intento de reseteo do sistema sanitario iniciado cando a finais de novembro se chegou ao pico da segunda vaga con máis de 600 ingresos durante varias xornadas consecutivas.
Por outra banda, o aumento na hospitalización prodúcese de xeito similar en todas as áreas sanitarias agás na de Santiago, onde se mantén estable o total pero a costa de que aumente o número de persoas en UCI o mesmo que se reduce o de ingresadas en planta.
A de Santiago é tamén a área que segue a presentar peores datos de incidencia en función da poboación total e o número de altas que se están a producir nos últimos días non conseguen rebaixar a curva de casos activos pola constante incorporación de novos positivos.
Hai 15 residencias de maiores con 138 casos entre as persoas que viven nelas, sete deles sumados na última xornada no Hospital Asilo de Ribadeo
Nas residencias, na última xornada a Xunta suma outros 7 novos casos de coronavirus entre as persoas que viven no Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo, onde o pasado 24 de decembro foron detectados os primeiros tres casos e desde aquela a conta foi subindo ata os actuais 19 residentes afectados, con varios casos trasladados ao Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi) da Xunta en Santiago.
O centro máis afectado segue a ser a Residencia DomusVi Vimianzo, con 57 casos entre as persoas residentes, e en toda Galicia son un total de 15 os centros de maiores que suman un total de 138 casos activos.
Este luns está prevista unha nova reunión do comité de expertos do Sergas que avaliará a evolución da pandemia e decidirá sobre o mantemento, reforzamento ou flexibilización das restricións actuais.