Alberto Núñez Feijóo escolleu o mesmo atril desde onde "en numerosas ocasións" comunicou datos sobre a pandemia ou medidas para combater a COVID, para levar a cabo o seu discurso de fin de ano. Dun ano "para esquecer pero tamén para recordar", dixo o presidente da Xunta, tras lembrar os falecidos e as súas familias.
Feijóo pide á cidadanía galega que "siga sendo responsable" e que non cometa "o erro" de pensar que a chegada da vacina supón que "xa todo rematou": "Non é así"
Feijóo despediu 2020 lonxe das duras críticas ao Goberno central de hai un ano e anunciando un 2021 mellor pero pedindo aos galegos e galegas "que sigan sendo responsables" e que non cometan "o erro" de pensar que a vacina que se está a empezando a administrar en Galicia supón que "xa todo rematou porque non é así". Por iso, pediu que os cidadáns "sigan sendo escrupulosos no cumprimento das medidas de prevención".
"Sigámolo facendo por cada un de nós, polos que queremos e por todos", insistiu nun día, o último do ano, no que o país sumou máis de 500 novos casos de COVI, cifra récord nun mes, e emperou a hospitalización e a taxa de positividade. Con todo, Feijóo advertiu de non ter "certezas, pero si indicios de que esta mala etapa do camiño terá pronto un final, cando as vacinas que se están comezando a poñer cheguen a todos".
"Hai motivos para esperanza", dixo Feijóo, tras abandonar o atril e continuar o discurso cunha sucesión de imaxes tras del: rúas baleiras polo confinamento, profesionais sanitarios, cativería con máscara nos colexios, vacinación... Pero tamén a Catedral de Santiago ou o Pórtico da Gloria, en alusión ao Ano Xacobeo.
"Hai indicios de que esta mala etapa do camiño terá pronto un final, cando as vacinas que se están comezando a poñer cheguen a todos"
Case 1.400 mortos sumou Galicia por coronavirus nun ano "para esquecer", segundo Feijóo, pero tamén para lembrar, para "sentir un lexítimo orgullo" co que recoñecer e pensar en colectivos aos que quixo destacar neste 2020, desde os profesionais sanitarios, ata os traballadores das residencias, pasando polos profesionais educativos ou a rapazada "que se adaptou ás novas normas de maneira admirable". "E a aqueles que se esforzaron por manter servizos indispensables para nós", insistiu.
Ademais, destacou que "Galicia deu a talla como Comunidade", pero tamén "como un conxunto de institucións capaces de traballar harmonicamente", e apelou á "política baseada no consenso", que dixo defender, e ao "rigor e afecto" que, segundo cre, demostrou a xestión da pandemia.
Tamén destacou a "resposta social" da cidadanía e o "respecto e cumprimento" da maioría dos galegos ante a "complexidade" das medidas adoptadas. E advertiu de que cada unha delas só tiña o obxectivo de "protexer a todos" para, destacou "poder continuar como unha das comunidades con mellor comportamento nesta pandemia". Todas, destacou no discurso, tomadas baixo o criterio dos expertos e do comité clínico.
Feijóo advirte que as "limitacións" deste Nadal son "o prezo que hoxe hai que pagar para que o mañá sexa moi disinto"
"A distancia social combinouse cunha proximidade cívica", engadiu Feijóo, que cre que "se volveu evidenciar esa Galicia entendida como fogar común, como familia" e que dixo "sentir" os atrancos e a "incerteza" que a pandemia e as medidas derivadas provocaron en moitas persoas, familias ou colectivos como "autónomos e profesionais da hostalería". E, despois de ser moi crítico coas medidas cambiantes do Goberno central contra a pandemia, Feijóo desculpouse tamén logo de que a Xunta "modificase normativas con frecuencia para adaptalas a unha situación cambiante".
Malia todo, insistiu nos "motivos para a ilusión", mesmo "nas familias más danadas" e asegurou que as "limitacións" deste Nadal e os afectos "que teñen que manifestarse a distancia" son "o prezo que hoxe hai que pagar para que o mañá sexa moi disinto". "Un mañá no que o camiño tan duro que fixemos este ano mereza a pena porque vexamos o final, cheguemos á meta e volvamos desfrutarnos como nos merecemos", rematou, tras aludir ao Ano Xacobeo de 2021 que "Galicia se apresta a celebrar".