O BNG comezou 2020, por mor da aritmética parlamentaria do Congreso, concentrando boa parte das olladas na tensa recta final cara á investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno de España. Remátao cunha condición que perdera hai case dúas décadas: a de segunda forza en número de deputados no Parlamento de Galicia, grazas ás 19 actas logradas nas eleccións galegas do pasado xullo, marcadas pola pandemia.
Pontón difunde por primeira vez unha mensaxe de fin de ano para prometer que o Bloque vai perseverar en ter a "man tendida" con "propostas en positivo" fronte á COVID
Con este pano de fondo, a portavoz nacional do Bloque e líder do primeiro grupo da oposición galega, Ana Pontón, pecha o exercicio botando man dun formato que xa empregara noutras ocasións, o da mensaxe en vídeo, aínda que por primeira vez o fai en clave de mensaxe de fin de ano. Vinte e catro horas antes da data na que tradicionalmente se difunde a mensaxe do presidente da Xunta, Pontón publica unha de seu para comprometer que ela mesma e a formación que encabeza van "arrimar o ombro, coa man tendida e propostas en positivo" para "superar a crise" da COVID "canto antes".
A xuízo da líder soberanista, 2020 é sobre todo o ano da pandemia, mais tamén "o ano en que demostramos que somos un pobo vivo, solidario e capaz de dar o mellor de si nos momentos máis duros", no que cómpre "recoñecer o labor, inmenso, de quen estivo e aínda está na primeira liña contra a COVID, arriscando a súa saúde para coidar da nosa". Tamén, coida, cómpre salientar "á xente moza deste país", que "ten todo o dereito a divertirse sen sentirse culpable" e "por iso agradecemos a vosa responsabilidade, as vosas renuncias para coidarnos".
Pontón encadra nun compromiso de "non escatimar esforzos para sacar o país adiante" a súa reclamación de "trato xusto nos Orzamentos Xerais do Estado" ou de "xestión directa dos fondos europeos"
As "miles de persoas autónomas que pecharon os seus negocios", a poboación que perdeu o seu emprego por mor da pandemia ou as "familias preocupadas polo futuro dos seus fillos e fillas" son outros dos colectivos subliñados por Pontón nunha mensaxe na que, di, "o compromiso do BNG" segue sendo "non escatimar esforzos para sacar o país adiante". "Ese -mantén- é o obxectivo do BNG cando pide un trato xusto nos Orzamentos do Estado" ou "cando reclamamos a xestión directa" dos diferentes fondos de reconstrución da UE.
"Galiza -defende- ten que recibir o que lle corresponde para blindar os servizos públicos, para un modelo de coidados que garanta unha vellez digna" ou para "un ensino de calidade". Nada disto, considera, vai "ser fácil", pero "imos logralo dando a nosa mellor versión, esa que xa estades mostrando a inmensa maioría de vos", subliña.
Tamén en materia orzamentaria e do que, ao seu xuízo, son compromisos pendentes expresábase este 30 de decembro o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. Tras o balance de Pedro Sánchez sobre ás portas do primeiro ano da lexislatura estatal, Rego valora que o proxecto orzamentario incluíse aspectos pactados co Bloque como o saneamento da ría do Burgo ou a rebaixa de peaxes da AP-9, pero coida que o líder socialista debera ser "menos triunfalista" porque aínda restan moitos "pasos concretos para cumprir o acordado".