Galicia remata o ano con máis de 500 novos casos de COVID, cifra récord nun mes

Probas PCR nun cribado do Sergas nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Sergas

Empeora a hospitalización e a taxa de positividade das probas, e as mortes achéganse ás 1.400 tras sumarse outras sete na última xornada

Unha semana despois de que o 23 de decembro a Xunta relaxase as restricións polo coronavirus e facilitase os desprazamentos para celebrar o Nadal, os últimos datos oficiais sobre a pandemia que o Sergas divulga en 2020 reflicten un empeoramento dos contaxios, da hospitalización e da taxa de positividade das probas realizadas e suman sete novas mortes (unha delas dunha persoa residente nun centro de maiores) que sitúan en 1.393 os falecementos desde marzo.

Se na anterior xornada o Sergas sumara 484 novos casos de coronavirus ao cómputo total, na última son 512 os novos positivos (438 deles detectados a través de probas PCR nas últimas 24 horas). O arredor de medio milleiro de novos casos diarios detectados nestas dúas últimas xornadas fai retornar a curva da evolución da pandemia a cifras de finais de novembro, antes de que a comezos de decembro comezase unha progresiva desescalada das medidas restritivas implantadas un mes antes.

O aumento dos novos casos de coronavirus detectados prodúcese tras dúas xornadas de aumento tamén das probas PCR, con arredor de 6.500 cada día, máis que nos días previos pero moi por baixo das arredor de 10.000 que se chegaron a realizar hai unha semana.

A positividade leva seis días por riba do 5%, algo que non se producía desde antes do relaxamento das restricións de principios de mes

Ao tempo, con menos probas que hai unha semana, pero en todo caso cun número significativo na liña dos últimos meses, a positividade leva xa seis días por riba do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda para considerar controlada a pandemia, unha situación que non se producía desde antes do relaxamento das restricións de principios deste mes de decembro.

Nos hospitais hai 14 persoas máis ingresadas que o día anterior, ata un total de 351

Canto á atención que requiren as persoas afectadas, a situación tamén empeora con 14 casos máis en hospitalización ordinaria, ata un total de 296, mentres que se manteñen en 55 os casos en coidados intensivos, para un total de 351 entre os dous tipos de hospitalizacións. Tras unha lixeirísima mellora global da situación nos hospitais arredor do Nadal, a situación mantense nas mesmas cifras aproximadas desde comezos de decembro, sen que se lograse o pretendido reseteo

A Xunta suma 12 novos casos de coronavirus nunha residencia de DomusVi en Vimianzo e outros 11 noutro centro de Xove

Canto ás residencias de maiores, a Xunta informa na última xornada de aumentos significativos de casos no centro DomusVi de Vimianzo, con 12 novos casos entre persoas usuarias, ata un total xa de 50, e na residencia San Bartolomeu de Xove, con 11 novos casos entre residentes, o que eleva o cómputo nela a 16. En total, en toda Galicia hai 123 persoas residentes en 14 dese tipo de centros que son consideradas casos positivos de coronavirus.

Por áreas sanitarias, a situación está a empeorar significativamente na da Coruña e Cee

Por áreas sanitarias, a situación está a empeorar significativamente na da Coruña e Cee, con tres xornadas consecutivas por riba dos 80 novos casos diagnosticados por PCR e unha positividade na última xornada do 11%. Na propia cidade da Coruña a incidencia acumulada do número de casos nos últimos 14 días por 100.000 habitantes pasou nas tres últimas xornadas do arredor de 120 en que se viña situando desde comezos de mes a máis de 150.

O Sergas amplía ata o 16 de xaneiro "ou até esgotar as doses" a campaña de vacinación fronte a gripe que prevía rematar este 31 de decembro

Por outra banda, e ao tempo que prosegue a campaña de vacinación contra a COVID nas residencias, a Xunta vén de informar de que a campaña contra a gripe, que en principio ía rematar este 31 de decembro, vai estenderse ata o 16 de xaneiro “ou até esgotar as doses” tanto “para aquelas persoas que pertencen ás poboacións nas que a vacinación contra a gripe está indicada, como para a restante poboación que desexe vacinarse”.

Segundo o Sergas, “os datos actuais reflicten que o 76,32% do persoal sanitario xa se vacinou, resaltando o persoal médico co 77%, e o de enfermaría co 75,78%” mentres que nas mulleres embarazadas “xa se superou o obxectivo fixado para esta campaña ao acadar o 63,66%”. Pola contra, non se acadou aínda o obxectivo do 75% marcado para a vacinación fronte a gripe de persoas de 65 ou máis anos, poboación entre a que se chegou ao 71,38%, 11 puntos máis que o ano pasado. En todo caso, Sanidade salienta que “en Galicia aínda non se detectaron virus gripais” e insiste en animar a poboación a vacinarse.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.