"Estou ilusionada e esperanzada, a ver se vai acabando todo isto", asegura Beatriz Hermo só unhas horas despois de recibir a primeira dose da vacina contra a COVID. Traballadora eventual na sanidade pública galega, as circunstancias quixeron este martes que se convertese nunha das primeiras enfermeiras do Sergas, senón a primeira, en ser vacinada.
Beatriz Hermo, enfermeira eventual do Sergas, foi vacinada como parte do persoal da residencia Bellolar, a onde acode unha vez á semana
Traballadora, coma tantas compañeiras, a tempo parcial nun hospital público, os horarios permítenlle compaxinar o seu labor co que exerce na residencia Bellolar da Coruña un día á semana, a onde acode a preparar a medicación semanal dos internos. Neste martes, como persoal do centro, foi unha das persoas vacinadas, na primeira xornada da campaña na área sanitaria. "Cando mo dixeron, non o cría", asegura.
Ela, que traballa e traballou en primeira liña da loita contra a COVID desde os primeiros días da pandemia, recoñécese aínda "emocionada" ante "a posibilidade de poder empezar a ter unha vida normal, de non estar tan pendente e estresada". Sabedora de que só é un primeiro paso, para quen leva tantos meses cara a cara contra o coronavirus xa é moito. "Foi como o día de Reis ou como cando esperas pola Lotería de Nadal", insiste.
"Foi como o día de Reis ou como cando esperas pola Lotería de Nadal"
Desde que aparecese o primeiro positivo confirmado en Galicia, aló polo comezo do mes de marzo, Beatriz non escapou das xornadas interminables de traballo, do estrés, do temor, do illamento por contacto con positivo, da atención a enfermos de gravidade, do medo ao contaxio propio e alleo, da acumulación incalculable de horas, da falta de medios, do descoñecemento inicial, da separación da familia... Máis de nove meses duros dos que agora ve o principio do final, malia as dúbidas.
"Cando a responsable da residencia me dixo que sería a primeira enfermeira do Sergas vacinada da área sanitaria, non o cría", insiste quen tampouco confiaba nunha chegada tan axiña das vacinas. "Nin pensaba que chegarían tan cedo, nin que se fosen administrando xa nas residencias, tan pronto", explica.
"A lotería que non nos tocou a pasada semana tocounos toda agora", din as responsables da residencia tras a vacinación
Ela, como sanitaria na primeira liña contra a COVID, está incluída no segundo grupo destinado á vacinación nesta primeira fase da campaña. Agora, en menos dun mes, debería estar inmunizada, ao igual que os 24 usuarios e 18 traballadores da residencia Bellolar. "Todo o mundo aquí estaba moi nervioso e ilusionado, sobre todo as persoas internas, que ven por fin como pouco a pouco poderán ir recuperando a súa vida; agora non fan os paseos, non teñen case visitas e están moi illados", lembra.
Nesta residencia o coronavirus bateu duro na primeira onda: houbo doce casos e tres falecidos, tal e como explican Inés Sande e María José Rey, responsables do centro. Agora, ven "esperanza". "Esperemos que o máis axiña posible chegue a inmunidade para as persoas de Bellolar, aínda que sabemos que non debemos baixar a garda en ningún momento", contan.
"A lotería que non nos tocou a pasada semana tocounos toda agora", insisten tras resumir en "ilusión" e "ledicia" o experimentado polos internos este pasado martes. "Saben que, dentro de pouco, a vida que levaron nos últimos meses vai mudar, que van ter máis liberdade, que poderán volver saír e que poderán ver e abrazar os seus familiares", explican tras relatar o "sufrimento" que a xente maior pasou nas residencias nos últimos meses.
"Foi moi duro para nós, pero sobre todo para eles", explican Sande e Rey. Tamén para Juan Molina, residente e o primeiro vacinado do centro. Nado en Jaén hai 86 anos, que fose o elixido para inaugurar a campaña de vacinación nesta residencia non foi casual.
O seu amigo e compañeiro de cuarto faleceu de coronavirus e, nos primeiros días de pandemia e ante o descoñecemento e "caos" da situación, foron varios os familiares que decidiron levar os seus maiores a pasar o confinamento nas súas casas. Tamén a Juan. "Pero el decidiu quedar; dixo que estaba moi ben atendido, que nos quería moito e que seguiría con nós", conta Inés Sande, emocionada.
"Juan apostou por nós e nós apostamos por el, por iso quixemos que fose o primeiro en ser vacinado"
"El apostou por nós e nós decidimos apostar por el; por iso quixemos que fose o primeiro en ser vacinado", explica Sande. Juan responde con gratitude tamén nas declaracións ante os medios tras recibir a primeira dose da vacina. "Teño uns compañeiros moi bos e que me queren moito; aprecio moito a toda a xente de aquí, asegurou este home que definiu como "amigos" ao persoal do centro.
"Animo a todos a que se vacinen porque isto é unha marabilla, que defendan a súa vida", rematou.