A vacinación contra a COVID continúa en sete residencias e Galicia recibe a primeira partida de 18.000 doses

Vacinación no centro Servisenior de Vilagarcía de Arousa, o 29 de decembro de 2020 CC-BY-SA Xunta

Malia anunciar inicialmente que a vacinación contra a COVID-19 non continuaría en Galicia ata o mércores, día 30, por mor do atraso de Pfizer en enviar a partida prevista, a Consellería de Sanidade decidiu, finalmente, continuar vacinando neste martes 28 en sete centros de maiores utilizando "350 doses que quedaran en reserva o pasado domingo".

Galicia continuou coa vacinación utilizando 350 doses que quedaran en reserva o domingo á espera de iniciar este mércores a campaña masiva nas residencias 

Continuouse así coa campaña de vacinación que comezara simbolicamente o pasado domingo na residencia Porta do Camiño de Compostela, con Nieves Cabo, a primeira vacinada en Galicia, como protagonista. E fíxose no mesmo día no que Galicia recibiu as 18.000 doses previstas e que serán repartidas por varios centros de maiores do país desde este mércores no que a súa administración será, agora si, masiva. 

Vacinación na residencia de Burela, o 29 de decembro de 2020 CC-BY-SA Xunta

Mentres, un día antes, as doses subministráronse nunha residencia de cada unha das áreas sanitarias de Galicia, ata sete en total, noutra xornada de importancia polo simbólico e por ser o comezo dun proceso que desde este mércores iniciará a inmunización das persoas usuarias e o persoal traballador destes centros e que se pretende completar nos primeiros meses do ano. 

A primeira fase da vacinación en Galicia abranguerá os 42.000 internos e traballadores das 484 residencias de Galicia

O Fogar Residencial Bellolar, na Coruña; a Vivenda Comunitaria Residencial San Marcos de Cudeiro, en Ourense; a residencia Santa Ana de Ponteareas; a de Burela; o centro Servisenior de Vilagarcía; e a residencia Los Arcángeles, en Teo, foron as encargadas de inaugurar a campaña que abranguerá 484 centros en toda Galicia, ademais duns 25.000 residentes e uns 17.500 traballadores e traballadoras. Máis de 42.000 persoas que irán sendo inmunizadas a medida que Galicia vaia recibindo, cada semana, a partida de vacinas.

A deste martes foi outra xornada de "esperanza" e "ledicia", dúas palabras nas que coinciden persoal e usuarios das residencias que recibiron as primeiras doses. "Estou contento e emocionado porque isto é un perigo para todos", dixo Juan Molina, primeiro vacinado na área sanitaria da Coruña, en referencia a un virus contra o que, asegurou, "hai que seguir loitando". 

"Agora xa podo bicar os netos e os fillos", advertía Inocencio Corbal, o primeiro vacinado en Ourense, mentres que en Ponteareas, responsables da residencia explicaban, como moito outro persoal, a súa "emoción" por un día que marca "un punto de inflexión" e "o principio da fin" da pandemia e das severas restricións para moitas persoas maiores nestes centros. 

Vacinación na residencia Santa Ana de Ponteareas, o 29 de decembro de 2020 CC-BY-SA Xunta

"Estou alucinada de como os científicos conseguiron en tan pouquísimo tempo a vacina", di María del Carmen, interna na residencia de Burela

María del Carmen Fernández, en Burela, amosábase "agradecida". Aos seus 85 anos, dixo estar "alucinada de como os científicos conseguiron en tan pouquísimo tempo a vacina". Por iso, deulles as "grazas" a eles e "a todas as persoas que colaboraron" porque, lembrou, ela e os seus compañeiros estábano "pasando moi mal". 

En Ferrol, María Dolores, de 77 anos, respondía con contundencia ante a pregunta sobre aquelas persoas que deciden non vacinarse: "Pero meu deus! É o mellor que podemos facer para que acabe esta pandemia de vez". 

O exemplo e a ausencia total de reticencias dos maiores, coinciden sanitarios e responsables das residencias, é o mellor para aqueles que dubidan da vacinación. Como o de Sabina Salvado, a primeira en recibir a picada na residencia Los Arcángeles de Teo, onde a celebración foi dobre: a de non ter sufirdo ningún positivo e a de iniciar xa coa inmunización. 

Sabina, como tantos outros residentes en Galicia, recibiron este martes a primeira dose por parte dun equipo formado por dous enfermeiros ou enfermeiras con cadanseus 45-50 persoas asignadas para a vacinación. En conxunto, serán 2.200 profesionais os que se encarguen de administrar as doses coa que se pretende, nunhas semanas, acadar unha cobertura de vacinación do 90% nas persoas internas en residencias e centros de maiores e de discapacitados e do 80% entre os traballadores. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.