Feijóo suxire que o Estado reparte a vacina da COVID con criterio partidista malia o protocolo que prioriza a poboación de risco

Feijóo, no Pazo de Raxoi es 28 de decembro co presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

Apenas vinte e catro horas despois de que o Servizo Galego de Saúde administrase nunha residencia de maiores de Santiago as primeiras vacinas contra a COVID-19 chegadas a Galicia, o presidente da Xunta cuestionou os criterios de distribución das doses. Na liña doutros dirixentes do PP en diferentes puntos do Estado, Alberto Núñez Feijóo suxire que o Goberno de España distribúe as doses da vacina de Pfizer e BioNTech con criterios partidistas. 

Este cuestionamento por parte de Feijóo prodúcese malia á vixente Estratexia de Vacinación, elaborada no seo do Consello Interterritorial de Saúde, onde sentan as comunidades autónomas co Ministerio de Sanidade. Nela, priorízase a poboación de maior risco fronte á COVID-19 como criterio para este comezo da distribución de doses. [O documento íntegro pódese consultar nesta ligazón]

Feijóo considera que "non sería xustificable" que "se manden doses ás comunidades en función de determinadas cores" ou "necesidades parlamentarias", se ben non aclara onde percibe eses criterios

En declaracións á prensa durante un acto do Goberno galego en Santiago, Feijóo considerou que "non sería xustificable que se manden doses ás comunidades en función de determinadas cores" ou "de determinadas necesidades parlamentarias". "Aquí non se vacina con criterios políticos", proclamou -como recolle eldiario.es e mais Europa Press, na súa web-, nun contexto no que di que "non debería ser discutido" que as vacinas deben "repartirse en función da poboación da terceira idade". Feijóo non especifica que institución ou dirixente, na súa opinión, discute esa prioridade ou aplica criterios partidarios.

Referencia aos grupos de poboación prioritarios na distribución da vacina na estratexia estatal (esquerda) e no protocolo do Sergas (dereita) CC-BY-SA Praza Pública

Neste sentido, Feijóo afonda na especulación da existencia de criterios partidistas neste reparto. "Espero que non caiamos" en "tentacións que non sexan as estritamente sanitarias e epidemiolóxicas", advirte.

A Galicia correspondéronlle 500 das algo máis de 9.000 doses repartidas para a xornada inaugural da campaña de vacinación e outras 18.000 que finalmente chegarán o martes 29 e non o luns, día 28, por mor un atraso na loxística de Pfizer. Esa primeira entrega completa componse dunhas 350.000 doses, tal e como avanzara o Ministerio, polo que en cifras redondas, Galicia ten asinado arredor do 5,3% do total de doses, unha porcentaxe semellante á do peso da poboación galega no Estado.

A Estratexia de Vacinación prioriza as persoas residentes en centros de maiores e o persoal que as atende; neste marco, Galicia ten asignada unha primeira entrega dunhas 18.500 doses

Ante as críticas de dirixentes populares, o Ministerio de Sanidade veuse remitindo nos últimos días á devandita estratexia de vacinación. Na páxina 80 deste documento de 107 páxinas indícase que, "unha vez se coñeza a cantidade de doses de vacinas dispoñibles", polo momento as 350.000 semanais de Pfizer e BioNTech, "se acordará no seo do Consello Interterritorial" a "asignación a cada comunidade autónoma segundo a poboación estimada dos grupos de poboación priorizados que poidan vacinarse". 

Eses grupos prioritarios, fixados na estratexia elaborada polo Ministerio e as autonomías e transcritos no Plan Galego de Vacinación fronte ao SARS-CoV-2 do Servizo Galego de Saúde (páxina 38), comezan polas persoas ingresadas en residencias de maiores e o persoal que as atende. Continuará, como vén evidenciando o propio Sergas nos últimos días, polo persoal sanitario máis exposto ao virus. Así queda reflectido tamén na actualización da estratexia estatal, datada no pasado 18 de decembro.

Primeiras doses da vacina de Pfizer e BioNTech chegadas a Galicia, coa bandeira galega na caixa que as contiña CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Na elaboración dese documento do Consello Interterritorial participou a Xunta. Concretamente, o xefe do servizo de control de enfermidades transmisibles da Consellería de Sanidade, José Antonio Taboada, foi parte do relatorio Programa e rexistro de vacinacións xunto a representantes de Andalucía, Canarias, Catalunya, Comunitat Valenciana, Euskadi, Madrid e Murcia.

A respecto da demora de 24 horas na primeira entrega completa, o presidente da Xunta admite que a responsabilidade do atraso é atribuíble á compañía farmacéutica. "Todo parece unha irresponsabilidade do tema loxístico de Pfizer", di. Non obstante, tamén neste punto inclúe un reproche ao Goberno do PSOE e Unidas Podemos, ao que pide "prudencia" antes de "concretar e publicitar as entregas de vacinas".

Caballero pide "lealdade" e lembra o prognósticos de Feijóo sobre a chegada da vacina

"Hai apenas seis semanas, Feijóo apuntaba a que a vacinación sería no segundo trimestre de 2021", subliña Gonzalo Caballero

Ante as críticas de diversos cargos do PP e do propio Feijóo no inicio da vacinación, por parte do PSdeG o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, reclamaba "lealdade" este luns ao presidente da Xunta na nova fase da crise sanitaria. A xuízo do líder socialista, cómpre lembrar que "hai apenas seis semanas, Feijóo cualificaba como anuncios altisonantes e non prudentes" as previsións do Goberno de España para comezar a vacinación antes do remate de 2020 e "apuntaba a que a vacinación sería no segundo trimestre" de 2021.

"A vacina xa chegou, pero Feijóo tenta limitar os avances que se conseguen entre todos, liderados polo Goberno de España" pero ao tempo tenta "colocarse medallas", critica Caballero. O presidente do Executivo galego, enfatiza, debera "colaborar con lealdade na saída da crise".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.