O pasado sábado, persoal de Sanidade preparábase para o histórico inicio da campaña de vacinación mentres, ao tempo, o Servizo Galego de Saúde procesaba algo máis de 4.000 probas PCR. Ata as seis da tarde do domingo, no que foron administradas as primeiras inxeccións, procesáranse algo máis de 2.000 destas probas e o Sergas pechaba un rexistro con 293 novos casos da COVID-19 para engadir ao cómputo global, 277 deles diagnosticados a través de PCR.
Sanidade suma 293 novos casos e unha morte
Son 57 positivos máis que o día previo nun escenario no que os indicadores globais para Galicia apuntan a unha certa contención no avance da pandemia á espera de observar o impacto dos encontros do Nadal. A media semanal de novos diagnósticos diarios sitúase agora un chisco por baixo dos 300 casos, acougando tras o claro incremento de mediados de decembro -entre reflexos da ponte da Constitución- pero lonxe da senda descendente de novembro.
O ritmo que agora si semella acougar é o dos novos falecementos ligados á pandemia. Sanidade agrega este 28 de decembro ao seu cómputo oficial unha única morte, dunha muller de 82 anos ingresada no hospital privado vigués Povisa, con data do día 26. O total de falecementos de persoas diagnosticadas da COVID-19 en Galicia chega, deste xeito, ás 1.370. [Galicia arrinca a vacinación contra a COVID menos de dez meses despois de confirmarse o primeiro positivo]
Esta certa contención no avance do virus reflíctese tamén nos indicadores de incidencia (casos novos por cada 100.000 habitantes) a 14 días. Para o conxunto de Galicia, esa incidencia frea o seu avance e segue arredor dos 180 casos. Por áreas sanitarias, a evolución semella estancada a excepción da de Ferrol, que continúa en claro descenso, e oscila entre os 280 casos por cada 100.000 habitantes da área de Santiago-Barbanza nos últimos catorce días e os 112 da área de Lugo, que abrangue toda a provincia.
Máis de 80 concellos non rexistran novos casos en dúas semanas mentres empeora a evolución en varias comarcas
Así e todo, como amosa o mapa baixo estas liñas, a situación é dispar entre comarcas e concellos. Algo máis de 80 municipios non rexistraron novos casos nas últimas dúas semanas mentres contornas como a da Costa da Morte, as comarcas do Xallas e da Barbanza, puntos do Baixo Miño, de Verín e da súa área ou zonas da comarca do Eume lindeiras coa Terra Chá ou A Mariña presentan malas evolucións e incidencias a catorce días moi por riba dos valores medios de Galicia.
No que atinxe ás principais sete cidades, sinaladas habitualmente como termómetro da situación xeral de Galicia, a tónica dominante é a estabilidade con lixeira tendencia descendente. A maior incidencia a catorce días segue sendo a de Santiago, que pasou en apenas dez días de ter o valor máis baixo entre as cidades galegas a rexistrar o máis algo, se ben semella que tocou teito en vésperas de Noiteboa para iniciar un lixeiro descenso.
Na banda contraria sitúase Lugo, que tras o lixeiro estancamento da pasada semana apunta outra volta á liña descendente por baixo dos 100 casos por cada 100.000 habitantes, un dos limiares que o Sergas manexa á hora dun posible relaxamento das restricións. No serán deste luns, 28 de decembro, o comité clínico aborda tanto posibles mudanzas no mapa de medidas para frear os contaxios como as normas que rexerán para Noitevella e Aninovo.
Suba de positividade nas PCR tras días de récord de probas
Alén dos números totais de casos novos ou dos "positivos activos", un dos datos máis rechamantes das últimas xornadas a respecto da pandemia en Galicia foi o incremento da positividade (porcentaxe de probas que dan positivo) das PCR procesadas, con tres días lixeiramente por riba do 5% que a Organización Mundial da Saúde sinala como limiar para dar por controlada a pandemia nun territorio.
O descenso no número de probas PCR nos días do Nadal, posterior a xornadas de récord impulsadas polos cribados masivos, influíu no incremento das taxas de positividade
Este incremento da positividade cómpre poñelo en perspectiva, toda vez que dende mediados de mes o Sergas procesou altas cantidades de probas PCR, en boa medida incrementadas pola realización de cribados masivos, chegando o día 23 de decembro a ser a xornada con máis probas nun só día dende o comezo da pandemia, con máis de 10.600. Fronte a ese esforzo diagnóstico, o día de Nadal e o sábado, 26, as cifras de PCR descenderon ata a contorna das 4.000, con menor peso dos cribados (nos que é analizada poboación xeral) e máis, de persoas sospeitosas de padecer a doenza. Ata as seis da tarde do día 27 procesáranse pouco máis de 2.000 PCR.
Tendo en conta o relevante dato do número de probas e alén da foto fixa dun día en concreto, a positividade media a sete días traza unha liña ascendente para o conxunto de Galicia, pero segue por baixo do 5%, situándose ao redor do 4,6%. Este indicador si supera o 5% nas áreas de Pontevedra-O Salnés e Santiago-Barbanza e roza ese limiar na de Ourense.
Tres días de incremento das hospitalizacións
A suba nas hospitalizacións é a maior do último mes
O indicador que peor marcha nas últimas xornadas é o das hospitalizacións de persoas con test positivo do coronavirus, que continúa na dinámica de alternar subas e baixadas. O total de pacientes ingresados sitúase nos 353 (+27, a maior suba nun día dende hai un mes), con 295 (+27) en unidades de hospitalización ordinaria e 58 (sen cambios) na UCI.
O total supón un ingreso máis dos que se rexistraban unha semana antes. Xunto coa incidencia, a positividade ou o número de casos novos, a presión nos hospitais é un tamén un factor clave para a Xunta á hora de decidir relaxar ou incrementar as restricións para evitar contaxios.