"Reúnanse só cos seus". "A primeira recomendación é celebrar o Nadal na casa, con quen convivimos a diario". Quen fala é o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que este martes confirmou a rectificación do plan trazado polo Goberno galego para tentar conter os contaxios da COVID-19 durante as vindeiras festas. A flexibilización das medidas, concretamente do permiso de entrada e saída en concellos con peche perimetral para celebrar encontros familiares, non se vai estender a todo o período festivo. De momento, só se aplica do 23 ao 25 de decembro, aínda que cun consello da propia Xunta que vai na dirección contraria dese permiso: o mellor é non facelo.
O permiso de entrada e saída en concellos pechados para encontros familiares rexe, de momento, das 00:00 do día 23 e ata as 23:00 do día 25, aínda que Sanidade agrega que "a recomendación é non facer esas visitas"
Tras dar o visto e prace ao novo mapa de restricións, con case medio cento de municipios baixo peches perimetrais individuais ou agrupados, a Consellería de Sanidade confirma que o permiso de "mobilidade excepcional con motivo dos encontros familiares" polo Nadal pasa a estar vixente, de momento, "entre as cero horas do día 23 e as vinte e tres horas do día 25". Nese período, "poderanse desprazar a outro concello", aínda que estea pechado, "por motivos exclusivamente familiares". Ademais, na Noiteboa, a orde de confinamento nocturno pasa das 23h á 1:30 da madrugada.
Será na vindeira xuntanza do comité clínico, o día 28, cando a Xunta decida se estas mesmas normas rexen ou non para Noitevella ou Aninovo. Fano, di o conselleiro, aplicando un "principio de prudencia" e por iso, agrega, aínda que estean permitidas, "a recomendación é non facer esas visitas". Confirma ademais Comesaña que non será preciso portar "ningún tipo de documento" para esas viaxes, aínda que cabe a posibilidade de ter que "xustificar" ante a Policía ou a Garda Civil que "se ten alí un familiar".
Como máximo, dúas unidades de convivencia ou seis persoas
Alén desta concreción dos permisos para traspasar as lindes dos concellos perimetrados (e, nos mesmos termos, para persoas que cheguen dende fóra de Galicia), as recomendacións do Sergas para as festas do Nadal seguen sendo as mesmas do plan inicial con algúns matices. Resúmense así:
A Xunta explicita agora que asume o límite de 10 persoas do plan estatal, ao limitar a 4 o número de menores de 10 anos que poden estar nas xuntanzas de ata 6 persoas adultas
- Celebracións de Nadal dunha "única unidade familiar de conviventes" ou "se é preciso incorporar algunha persoa adicional, non exceder dúas unidades familiares". No caso de xuntar dúas unidades familiares, un máximo de 10 persoas, segundo o fixado no plan estatal.
- "Se se supera" o límite de dúas unidades familiares, un máximo de 6 persoas sen contar nenas e nenos de 10 ou menos anos de idade, que non poden ser máis de catro, indica a Consellería. Esta, di Sanidade, sería a "terceira opción" e está concibida, por exemplo, para poder incorporar ás reunións a "persoas maiores que vivan soas".
- Encontros "preferentemente ao aire libre", "manter as xanelas abertas" e "tempo limitado".
- Xuntarse en torno a "unha mesa grande, que permita distancia interpersoal de 1,5 metros".
- Uso da máscara "sempre que sexa posible, agás para comer e beber".
- "Unha única persoa" encargada de poñer a mesa.
- "Absterse de saudar" con contacto físico.
- "Non compartir bebidas e alimentos".
- Se unha persoa se ergue da mesa, desinfección mediante lavado de mans antes de volver.
- "Reunións estables", sen variar as persoas que se xuntan en cada unha das datas festivas.
"Para poñer a vacina hai que estar vivo"
A flexibilización das medidas, aínda que sexa parcialmente, contrasta coas recomendacións do conselleiro e aínda máis coas peticións e reflexións dos membros do comité clínico que participaron na comparecencia deste martes. Así, por exemplo, o doutor Sergio Vázquez, xefe de Oncoloxía do Lucus Augusti de Lugo, ve nas festas do Nadal un "cóctel explosivo" ante o que pide "por favor, responsabilidade e prudencia" con medidas como o uso da máscara en todo momento agás para comer ou beber. "Non consiste en salvar o Nadal, consiste en salvar seres humanos", resume.
Médicos integrantes do comité clínico do Sergas fan fincapé na súa petición de limitar os contactos: "Temos que chegar todos vivos a 2021"
Nun sentido semellante exprésase o doutor Tato Vázquez Lima, xefe de Urxencias do hospital do Salnés, que tamén fai fincapé no "uso intenso da máscara" nestes posibles encontros. "A miña mensaxe de Nadal é que o mellor agasallo que podemos facer aos nosos familiares é que nos poidamos atopar todos dentro duns meses, sen que falte ninguén", advirte.
Na mesma liña, o doutor Pedro Rascado, xefe das UCI do Clínico de Santiago, sinala o estancamento dos principais indicadores da pandemia en Galicia como argumento para "evitar" os encontros prescindibles e, en todo caso, non "quitar a máscara cando esteamos en contacto con persoas non conviventes".
A clave, resume, é "que cheguemos todos vivos" a xaneiro. "Temos que chegar todos a 2021", coa vacina no horizonte, para "celebrar o Nadal doutra maneira" o ano vindeiro. "Hai que estar vivo para poñer a vacina e iso só se consegue evitando transmitir a doenza", conclúe Rascado. [A UE autoriza a vacina de Pfizer contra a COVID, que chegará a Galicia menos de dez meses despois do primeiro positivo]