O Sergas pide celebrar o Nadal só con conviventes ou xuntar como máximo dous fogares para evitar contaxios

Alumeado do Nadal na Mariña da Coruña © Concello da Coruña

Galicia estará pechada perimetralmente do 23 de decembro ao 6 de xaneiro, pero con amplas excepcións. "Non é posible entrar por motivos turísticos", resume o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que na presentación das recomendacións do Goberno galego para evitar contaxios do coronavirus durante o Nadal confirmou tamén que ese peche terá as excepcións habituais -caso dos desprazamentos por traballo-, mais tamén a acordada polas comunidades autónomas e o Goberno de España para as vindeiras festas: as visitas a familiares para acudir ás celebracións.

A Xunta confirma o peche perimetral de Galicia do 23 de decembro ao 6 de xaneiro, pero coa excepción das visitas a familiares

Esa mesma excepción da visita "familiar", confirma a Consellería de Sanidade, rexerá tamén para poder traspasar os límites dos concellos afectados por peches perimetrais nas noites do 24 -Noiteboa- e 31 -Noitevella-, nas que a hora de confinamento nocturno -o toque de recoller- se estende das 23h da noite á 1:30 da madrugada. Todo, nun marco xeral no que a "recomendación" do comité clínico (Comesaña non indicou sancións ao respecto) é que estas celebracións se celebren só entre persoas conviventes ou, "se é necesario que se reúna xente que non convive", cun máximo de dúas unidades familiares distintas

Son as bases dunhas recomendacións que é posible resumir do seguinte xeito, segundo o avanzado polo conselleiro no nome do Comité Clínico da Xunta.

Feijóo preside o comité clínico dende San Caetano xunto ao conselleiro de Sanidade e a conselleira de Política Social, este 16 de decembro CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

Máximo 6 seis persoas e "mesas grandes"

  • Celebracións de Nadal dunha "única unidade familiar de conviventes" ou "se é preciso incorporar algunha persoa adicional, non exceder dúas unidades familiares".
  • "Se se supera" o límite de dúas unidades familiares, un máximo de 6 persoas sen contar nenas e nenos de 10 ou menos anos de idade. Esta, di Sanidade, sería a "terceira opción" e está concibida, por exemplo, para poder incorporar ás reunións a "persoas maiores que vivan soas".
  • Encontros "preferentemente ao aire libre", "manter as xanelas abertas" e "tempo limitado".
  • Xuntarse en torno a "unha mesa grande, que permita distancia interpersoal de 1,5 metros".
  • Uso da máscara "sempre que sexa posible, agás para comer e beber".
  • "Unha única persoa" encargada de poñer a mesa.
  • "Absterse de saudar" con contacto físico.
  • "Non compartir bebidas e alimentos".
  • Se unha persoa se ergue da mesa, desinfección mediante lavado de mans antes de volver.
  • "Reunións estables", sen variar as persoas que se xuntan en cada unha das datas festivas.
Alumeado do Nadal na Praza Maior de Ourense © Concello de Ourense

Probas PCR ou de antíxenos a estudantes e outros viaxeiros

Sanidade recomenda tamén a "estudantes que se movan dentro de Galicia" a inscrición no rexistro de viaxe para facerlles probas da COVID

Alén desas recomendacións para as ceas e xantares do Nadal, o plan presentado polo Sergas inclúe tamén unha extensión do rexistro de viaxeiros para o control da COVID, que a Xunta emprega dende o pasado verán. Alén das persoas que xa teñen a obriga de inscribirse nel por proceder de territorios con incidencia acumulada a 14 días superior a 250 novos casos do coronavirus por cada 100.000 habitantes, Sanidade recomenda que tamén o utilicen "mesmo estudantes que se movan dentro de Galicia". 

O obxectivo, explica Comesaña, será citar estas persoas para a realización dunha proba PCR ou de antíxenos e reducir así as posibilidades de contaxio nun contexto no que, reitera o conselleiro, a opción preferente debera ser que se xunte a cear unicamente "a xente que xa cea todos os días na mesma casa". Neste sentido, unha das integrantes do comité, a doutora Marina Varela, defende como especialmente "restritiva" a recomendación e insta a cumprila polo "extremado risco" dunhas xornadas que poden derivar na "previsible terceira onda" da pandemia". Este, salienta o conselleiro, é "o último Nadal sen vacina" e por iso é preciso "non relaxarse, non paga a pena".

O novo mapa de restricións

O plan para o Nadal foi un dos asuntos centrais dunha comparecencia que serviu tamén para ratificar o novo mapa de restricións xa anunciado na noite do martes ao mércores, no que destaca o retroceso do concello de Santiago na desescalada xunto ao incremento de restricións en ata dez concellos máis. Sobre o caso específico da capital galega, Sanidade admite unha especial "preocupación" por un incremento da incidencia da COVID-19 sen que haxa unha "orixe clara e identificada" dos gromos que "permita dar a situación por controlada". Esa é a razón, defende Comesaña, para volver aplicar un peche perimetral na cidade que tamén busca "tratar de salvar as festas e a actividade comercial" sen "medidas máis duras" nas vindeiras semanas. [A Xunta volve impoñer o peche perimetral en Compostela e endurece as restricións noutros dez concellos]

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.