As celebracións de nadal, que comezarán nunhas semanas, supoñen un dos maiores retos aos que as autoridades sanitarias se deben enfrontar no seu intento de controlar a pandemia de Covid-19 que sufrimos dende hai nove meses. Durante varias semanas, e especialmente os días 24, 25 e 31 de decembro, multiplicaranse os desprazamentos entre uns e outros concellos e mesmo entre unhas e outras comunidades autónomas. Ademais, persoas pertencentes a distintas unidades de convivencia xuntaranse para cear en contextos que favorecerán os contaxios (en espazos pechados, durante varias horas e nun ambiente relaxado e de celebración).
Expertos sanitarios piden que máis que pensar en como "salvar o Nadal", se priorice a redución de contaxios
Dende hai semanas dáse por feito que nos días anteriores a estas celebracións moitas das actuais restricións serán relaxadas para permitir pasar estas festas nunha certa "normalidade". Porén, de igual xeito vén alertándose de que estas situacións levarán a partir dos primeiros días de xaneiro a unha nova escalada no número positivos, ingresos hospitalarios e mortes.
Descoñécense aínda as normas concretas que estarán en vigor para o Nadal. O Ministerio de Sanidade lanzou unha primeira proposta que establecía un límite máximo de seis persoas para as reunións sociais e un toque de queda que nas noites dos días 24 e 31 se estendería ata a unha da madrugada. Italia, en cambio, xa decidiu que o toque de queda ficará establecido nas dez da noite nesas xornadas. Varias comunidades autónomas realizaron propostas alternativas, pero dende os expertos e expertas en Epidemioloxía e Saúde Pública pídese que máis que pensar en como "salvar o Nadal", se priorice a redución de contaxios para evitar unha terceira onda que pode ser tan perigosa e mortífera como as dúas primeiras e que, ademais, chegaría cun sistema sanitario máis saturado e exhausto que hai uns meses e coincidindo coa campaña estacional da gripe.
Neste senso, Pedro Rascado, xefe das UCI do CHUS, facía a pasada semana unha apelación a "protexer as persoas vulnerables". O mesmo opina Francisco Caamaño Isorna, profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC e director do Departamento de Psiquiatría, Radioloxía, Saúde Pública, Enfermaría e Medicina da USC, que alerta de que "se o Nadal se desenvolve como o coñecemos habitualmente, vanse disparar os casos e iso vai derivar nun incremento dos ingresos hospitalarios e nun aumento das mortes nas semanas seguintes".
"Se o Nadal se desenvolve como o coñecemos habitualmente, vanse disparar os casos e iso vai derivar nun incremento dos ingresos hospitalarios e nun aumento das mortes nas semanas seguintes"
Caamaño chama a ser "prudentes" e a que cada persoa sexa "responsable" para evitar o risco de levar a infección a casa dunha persoa maior e vulnerable, "ou de calquera persoa, mesmo máis nova, porque tamén se deron casos de complicacións por Covid entre a mocidade". O profesor da USC explica que "o risco é alto e dáse por dous motivos: o primeiro porque unidades convivenciais separadas vanse unir e van pasar un par de noites xuntas, en espazos pechados, nun contexto de relax e de consumo elevado de alcohol, que vai derivar nunha menor atención ás precaucións. O segundo motivo é o movemento: moita xente vaise trasladar dun concello a outro ou dunha comunidade a outra e iso poder provocar unha dispersión da infección, chegando mesmo a lugares que neste momento teñen menor incidencia".
Nesta situación, continúa, "temos que pensar se realmente é imprescindible xuntarnos nunha casa nestas festas". "O ano que vén haberá outro Nadal e pode que por relaxarnos en exceso nun par de días compliquemos moito a nosa situación para os vindeiros meses, entrando de novo nunha sucesión de peches, restricións e confinamentos", di Caamaño, que pide "paciencia". "Hai que ser prudentes e non podemos cantar aínda vitoria, pero todo apunta a que moi pronto teremos aquí as vacinas, que son efectivas, e que poden facer que nuns poucos meses poidamos deixar atrás a pandemia", destaca.
"O ideal é que non se reúnan nunha casa persoas que non vivan xuntas, pero se estes encontros se producen, podemos tomar medidas para que sexan o máis seguros posibles"
Con todo, o profesor de Medicina Preventiva e Saúde Pública sinala que "o desexo de xuntarnos cos nosos familiares e amigos é entendible" e que ademais moita xente non vai querer "que unha persoa pase soa estas datas". "Pode haber así mesmo persoas que estean moi soas e para elas recibir a xente na súa casa pode ser importante", engade. "O ideal sería non nos reunísemos nunha casa con persoas que non vivan con nós, pero se estes encontros se producen, podemos tomar medidas para que sexan o máis seguros posibles", di.
A primeira recomendación é que os encontros se realicen ao aire libre, evitando os espazos pechados
A primeira recomendación é que os encontros se realicen ao aire libre, evitando os espazos pechados. "Se vivimos na mesma cidade, podemos atoparnos noutros contextos esa mañá ou esa tarde: dando un paseo pola rúa, nun parque..., en lugar de reunirnos para cear", di Caamaño. A segunda recomendación, se finalmente se levan a cabo esas ceas, é ser especialmente precavido nos días anteriores: "se imos cear con persoas maiores ou que pertencen a colectivos vulnerables ou de risco, podemos reducir o risco se, dende unha semana antes, tentamos coidarnos máis, saír menos da casa, ir a menos sitios, ser moi prudentes nos nosos contactos, diminuír os nosos contactos, nunha especie de autoconfinamento preventivo", sinala.
"Se imos cear con persoas maiores ou que pertencen a colectivos vulnerables ou de risco, podemos reducir o risco se, dende unha semana antes, tentamos diminuír os nosos contactos"
A terceira recomendación refírese ao comportamento que manteñamos na propia cea. É mellor escoller espazos de maior tamaño (mellor cear nun salón amplo, no que as persoas poidan gardar unha certa distancia, que nunha habitación máis pequena), e reunirse cantas menos persoas mellor ("se cadra non é necesario que vaia toda a familia a acompañar os pais, ou pode ir unha familia máis reducida: só un dos irmáns, se son varios"). Ademais, cómpre usar a máscara de protección en todo momento, agás cando se estea a cear, e igualmente moderar o consumo de alcohol, que sempre convida a un maior relaxamento das precaucións.
"A recomendación de cear nun espazo ventilado ten moita lóxica, pero non sei se sería realista pedirlle á xente que abra as ventás ás 12 da noite o 24 de decembro"
Igualmente, sería positivo manter ventilado en todo momento o espazo no que se cea, porén esta pode ser unha opción complexa a finais de decembro, como apunta Caamaño: "a recomendación de cear nun espazo ventilado ten moita lóxica co que sabemos sobre a transmisión do coronavirus, pero non sei se é posible facelo en decembro e non sei se sería realista pedirlle á xente que abra as ventás ás 12 da noite o 24 de decembro".
Finalmente, será importante limitar todo o que se poida o número de horas que as persoas permanezan xuntas. Os epidemiólogos adoitan dicir que o contaxio da Covid-19 é coma gañar a lotaría: podes gañar cun só boleto, pero cantos máis billetes merques máis posibilidades haberá de que che toque. De igual xeito, canto máis tempo permanecemos nun espazo pechado e mal ventilado, máis aumentan as posibilidades de ser infectado. Por ese motivo, Francisco Caamaño explica que "se eu chego a esa casa ás 7 da tarde e marcho ás 4 da mañá, haberá un gran risco de contaxio. Se en cambio chego as 9 e marcho ás 12, haberá moitas menos".
"Traballar con unidades familiares é o máis razoable, máis que poñer un límite polo número de persoas"
Outro aspecto importante é limitar ao máximo o número de unidades de convivencia (ou fogares) que se xunten. A pasada semana o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo propuxo que o límite máximo de persoas nas ceas de nadal se fixase en función das unidades de convivencia e non polo número total de persoas. Caamaño considera un acerto esta proposta: "dende o meu punto de vista traballar con unidades familiares é o máis razoable, máis que poñer un límite polo número de persoas". "Pode ser necesario introducir un límite adicional relativo ao número de persoas? Pode ser, pode que haxa familias moi numerosas, pero en realidade na maior parte dos fogares viven 2, 3, 4 ou 5 persoas como moito", sinala.
O Goberno galego tamén pedía que os menores de dez anos fosen excluídos das contas que se fixesen para establecer un límite máximo de persoas. Caamaño concorda tamén coa proposta: "en relación cos nenos hai datos diversos, a literatura científica non é consistente e queda aínda moito por saber nesta cuestión. Porén, parece que efectivamente os nenos ata os 10 anos contaxian menos e que en cambio os adolescentes xa contaxian como un adulto".
"Eu lanzaría a mensaxe de que só se poden xuntar dúas familias. E punto. Creo que complicalo máis é contraproducente"
O profesor da USC subliña que o límite debería fixarse en dúas unidades de convivencia, establecendo esa norma sinxela. "Dende un punto de vista da saúde pública, deseñar unha norma máis complexa, con excepcións ou criterios diversos é complicar demasiado as mensaxes para a poboación. Non sei se axuda, e en realidade creo que fai ruído. Eu lanzaría a mensaxe de que só se poden xuntar dúas familias. E punto. Creo que complicalo máis é contraproducente".
"Se abrimos a hostalaría temos que facelo con moita prudencia. Ademais, a xente debe ser moi responsable cando estea nestes lugares"
Caamaño lembra que, en todo caso, unha vez fixada a norma, esta funcionará sobre todo como recomendación, pola dificultade de controlar e fiscalizar o que sucede no interior das casas. Entrará aquí a responsabilidade individual, que o profesor da USC tamén reclaman para o comportamento na hostalaría, tanto nos lugares nos que permanece aberta como naqueles nos que pode volver á actividade nas vindeiras semanas. "Se abrimos a hostalaría temos que facelo con moita prudencia, reducindo a capacidade mesmo nas terrazas, cunha capacidade máxima moi limitada en interiores, un 20% ou así, e descartando completamente o consumo en barras", di. "Ademais, a xente debe ser moi responsable cando estea nestes lugares, empregando a máscara de protección en todo momento", engade.
"En xuño tiñamos incidencias moi baixas e as cifras disparáronse. Agora a incidencia é moito maior e nesta situación dar un mal paso pode ter consecuencias moi graves. Non podemos volver equivocarnos"
"En xuño tiñamos incidencias moi baixas e as cifras disparáronse en agosto. En cambio agora a incidencia é moito maior e temos moitísimos lugares cun nivel de contaxios que aínda é moi elevado. Nesta situación dar un mal paso pode ter consecuencias moi graves", salienta Caamaño, que conclúe: "hai unha posibilidade real de que un comportamento inadecuado conduza a ingresos e mortes. Iso é algo que todos sabemos agora. Pode que en marzo non o soubésemos, pode mesmo que no verán cometésemos unha certa imprudencia ao relaxarnos demasiado e veu unha segunda onda. Pero non podemos volver a equivocarnos".