Levamos máis de seis meses sufrindo a pandemia de coronavirus e neste tempo a enfermidade pasou por varias fases, tanto de aumento no número de infeccións e de aplicación de restricións para impedir a súa extensión coma de diminución da incidencia e relaxación das medidas. Ademais, pouco a pouco imos contando con máis evidencias científicas sobre os mecanismos de transmisión de virus, con moita máis capacidade de contaxio en espazos interiores e mal ventilados e menor perigosidade en espazos abertos. Son moitos os investigadores que veñen reclamando que recoñeza a transmisión por aerosois (partículas que quedan suspendidas no aire varios minutos) como a principal vía de contaxio do coronavirus.
Entramos agora no outono e no inverno, uns meses nos que estaremos máis en espazos pechados, sexa no traballo, na escola ou no tempo de ocio. O risco de contaxio é maior
Acabamos de deixar atrás o verán, unha estación na que pasamos máis tempo ao aire libre, na praia ou en terrazas, patios e xardíns, e entramos agora no outono e no inverno, uns meses nos que estaremos máis en espazos pechados, sexa no traballo, na escola ou no tempo de ocio. O risco de contaxio é, en teoría, maior, o que pode elevar as actuais cifras de incidencia da enfermidade e -xunto co habitual impacto da gripe estacional- saturar o sistema sanitario.
Volvemos consultar a dous expertos para que analicen o momento actual da pandemia e realicen recomendacións sobre como enfrontar con máis seguridade os meses que veñen por diante. Falamos con Francisco Caamaño Isorna, profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC e director do Departamento de Psiquiatría, Radioloxía, Saúde Pública, Enfermaría e Medicina da universidade compostelá. E tamén con Agustín Montes, profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública, coordinador do Programa de Doutoramento e integrante tamén do grupo de Epidemioloxía da USC.
Que facer para evitar contaxios?
"Fomos aprendendo cousas sobre o virus e sobre como se transmite e cada vez incidimos máis na importancia de estar en espazos ben ventilados e abertos como un elemento de seguridade adicional"
"Nos últimos meses fomos aprendendo cousas sobre o virus e sobre como se transmite e cada vez incidimos máis na importancia de estar en espazos ben ventilados e abertos como un elemento de seguridade adicional. Cada vez hai máis evidencias de que os espazos pechados son máis perigosos, e en cambio cada vez temos máis datos que nos din que a transmisión por fómites, é dicir, por obxectos ou superficies nos que puido quedar o virus, ten menos peso", explica Francisco Caamaño. "Nos vindeiros meses imos pasar máis tempo baixo teito. Son novos perigos que se engaden e son graves", destaca.
"Levar a máscara pola rúa é útil non sentido que visibilizamos a pandemia. Pero o problema é que despois entramos nun bar quitámola. E o mesmo está pasando coas xuntanzas de grupos familiares"
Que podemos facer? Que medidas podemos adoptar para evitar os contaxios nesta situación? "A min gustaríame realizar unha chamada, que espero que non pareza discriminatoria, ás persoas de máis de 60 anos e a calquera persoa vulnerable, para que se autoprotexan e eviten os sitios pechados e concorridos, como bares ou cafetarías. Creo que o correcto neste momento é dicirlles a estas persoas que procuren ir a eses sitios o menos posible", di Caamaño, que pon o énfase no mantemento das medidas de seguridade (distancia, máscara...) tamén nas reunións privadas. "Levar a mascarilla pola rúa é útil non sentido que visibilizamos a pandemia, a facemos presente. Pero o problema é que despois entramos nun bar quitámola. E o mesmo está pasando coas xuntanzas de grupos familiares: atopámonos coa familia, relaxámonos e quitamos a mascarilla", explica, e engade: "Temos que deixala posta e afacernos a vivir un tempo con este hábito".
"Os concellos poderían facer un esforzo, peonalizando certas rúas, para permitir que cafetarías e bares saian fóra, con algún tipo de pérgola e algún sistema de calefacción", di Caamaño
"En canto ás administracións, creo que deberían reducir os aforos máximos dos locais de hostalaría e deberían incidir máis na ventilación, fomentando os espazos abertos e moi ventilados. As ventás deberían estar abertas todo o tempo", explica. Neste senso, Caamaño salienta que "os concellos poderían facer un esforzo, peonalizando certas rúas, para permitir que cafetarías e bares saian fóra, con algún tipo de pérgola e algún sistema de calefacción". "Porque é importante que a economía siga funcionando, pois saúde e economía van sempre ligadas: nas crises a saúde de moitas persoas empeora. Por iso é importante que se lles dea opción a estes locais a continuar a súa actividade con seguridade", di.
Sobre os aerosois, Francisco Caamaño considera que, mesmo se finalmente son recoñecidos como a principal vía de transmisión do virus, "isto non suporía grandes cambios". "O fundamental seguirá sendo gardar a distancia de seguridade, levar a máscara e lavar as mans. Poderíase facer máis incidencia nos exteriores e na ventilación, pero en realidade xa estamos insistindo niso", di.
"Distancia física, máscara e lavado de mans. Se cumprimos estas tres cousas, aínda que esteamos nun lugar pechado non debería haber un alto risco de transmisión da covid", considera Agustín Montes
Agustín Montes amósase un chisco máis escéptico sobre a transmisión a través de aerosois: "Aínda non hai suficientes probas empíricas que demostren formas viables de transmisión do virus a través dos aerosois". Con todo, destaca que "hai unha certa plausibilidade biolóxica e por un principio de precaución habería que tender ao control dos aerosois, e nos lugares pechados a transmisión dos aerosois é moito máis factible que en lugares abertos, onde se dilúen polos movementos das correntes de aire".
Montes aposta igualmente por incidir no "uso correcto" das actuais medidas de prevención e protección, e non tanto por incorporar novas medidas ou novas restricións. "Distancia física, máscara e lavado de mans. Se cumprimos estas tres cousas, aínda que esteamos nun lugar pechado non debería haber un alto risco de transmisión da covid", di.
Que se fixo mal este verán?
"Probablemente desescalamos demasiado rápido, houbo unha certa carreira por saír", di Caamaño
España é dende hai varias semanas o país de Europa cunha maior incidencia da enfermidade, especialmente na Comunidade de Madrid. Que fallou este verán? Que se fixo mal para que o coronavirus -que agora está a medrar tamén na maior parte do continente- se disparase tan rapidamente, aínda en pleno verán? "Probablemente desescalamos demasiado rápido, houbo unha certa carreira por saír. Ademais, estivemos pouco preparados á hora de rastrexar os contactos", destaca Francisco Caamaño. "Parece que estabamos pouco concienciados, de forma sorprendente, porque España foi un dos países máis golpeados na primeira onda. Italia, en cambio, fíxoo mellor. Pero ollo, isto é unha carreira de fondo e está lonxe de rematar", engade.
Montes apunta que "a administración ten a súa responsabilidade" no sucedido, porque "non pode ser que nun 80% dos casos que se detectan non se coñeza cal é a súa fonte"
Pola súa banda, Agustín Montes considera que neste momento "as persoas maiores, que se atopan en maior risco, están xa concienciadas. E por iso socializan menos e utilizan máis a mascarilla". Pola contra, alerta de que "moita xente nova non semella estar tan concienciada, e por iso estamos a ver que unha amplísima porcentaxe dos casos que se detectan corresponden á mocidade". "Non teñen que pensar tanto en si mesmos e si no resto da poboación que é vulnerable, empezando polos seus pais e avós", recomenda Montes. Montes apunta igualmente que "a administración ten a súa responsabilidade" no sucedido, porque "non pode ser que nun 80% dos casos que se detectan non se coñeza cal é a súa fonte". "Está fallando o rastrexo de contaxios", denuncia.
A vacinación contra a gripe
Galicia iniciará en outubro a campaña de vacinación contra a gripe, cunha duración de 12 semanas, e que este ano busca incrementar a porcentaxe de poboación protexida, especialmente entre os colectivos de risco. Por que é especialmente importante nesta ocasión que todas estas persoas se vacinen? "O problema está en que a sintomatoloxía é moi similar, polo tanto ante a aparición deses síntomas, tes que tratar inicialmente o paciente como se tivese covid. Polo tanto, cantos menos casos de gripe teñamos, moito mellor para o propio sistema sanitario, para evitar que colapse", explica Agustín Montes.
"Cantos menos casos de gripe teñamos, moito mellor para o propio sistema sanitario, para evitar que colapse", explica Agustín Montes
"Como evitamos que haxa casos de gripe? Pois en primeiro lugar, coas mesmas medidas que estamos utilizando contra a covid, porque a vía de transmisión é a mesma. Pero se ademais temos unha vacina, pois deberiamos vacinarnos, polo menos os grupos de risco, porque deste xeito estamos diminuíndo a incidencia de novos casos de gripe, para evitar que se sature o sistema", engade.
"Ademais", apunta Caamaño, "hai un risco de dobre infección, de xeito que unha persoa pode sufrir as dúas enfermidades, incrementando as consecuencias negativas". Camaño explica igualmente que "a eficacia da vacina da gripe é menor que a de outras vacinas" e que por iso "é tan importante que se vacine unha porcentaxe maior de poboación, para incrementar o seu efecto".
A situación de Madrid
"Madrid é o centro de España e o deseño das vías de comunicación é radial. Por iso a situación de Madrid é preocupante para o resto de comunidades autónomas", alerta Montes
Caamaño e Montes amósanse preocupados polo estado da pandemia en Madrid. Non só pola elevada incidencia existente nesa rexión e na cada vez maior situación de saturación nos seus hospitais, senón tamén polo posible impacto no resto do Estado. "Madrid é o centro de España e o deseño das vías de comunicación é radial. Por iso a situación de Madrid é preocupante para o resto de comunidades autónomas, xa estamos vendo a incidencia crecente que está a haber en Castela-A Mancha e Castela-León", explica Agustín Montes.
De igual xeito, Francisco Caamaño alerta de que "a situación en Madrid é moi mala, preocúpame moito". "Na primeira onda, en Galicia tivemos unha certa fortuna porque a decisión de confinar tomouse en todo o Estado ao mesmo tempo, nun momento no que aquí aínda non estabamos tan mal. En cambio, agora temo que acabe chegando aquí parte do problema de Madrid. Isto pode cambiar moi rápido", di.
"Estas decisións deberían deixarse en mans dos técnicos, dos epidemiólogos. Pero o problema é que isto se está utilizando como unha ferramenta política", critica Montes
Camaño e Montes tamén concordan na necesidade de que as decisións sobre as medidas a tomar para conter a epidemia sexan adoptadas "por técnicos", con criterios científicos e non políticos. "Estas decisións deberían deixarse en mans dos técnicos, dos epidemiólogos. Pero o problema é que isto se está utilizando como unha ferramenta política", critica Montes, que tamén sinala que "cando Madrid, en vez de potenciar a atención primaria e o seguimento de casos, decidiu construír un hospital de epidemias, estaba empezando a casa polo tellado".
Ambos os dous rexeitan que poida haber un criterio único, obxectivo (por exemplo, un determinado nivel de incidencia da enfermidade), para adoptar a decisión de confinar unha localidade
Montes amósase tamén crítico co confinamento parcial decidido pola Comunidade de Madrid, centrado nuns determinados barrios. "Confinan o sur de Madrid, pero resulta que a maior parte desas persoas van traballar ao resto da cidade. Cal é o beneficio da medida? Dende o punto de vista de control da enfermidade, moi pouco. O único efecto foi prexudicar a hostalaría deses barrios", di.
Así mesmo, ambos os dous rexeitan que poida haber un criterio único, obxectivo (por exemplo, un determinado nivel de incidencia da enfermidade), para adoptar a decisión de confinar unha localidade. "Iso sería completamente absurdo. A incidencia de 500 por 100.000 pode ser un dos indicadores, pero hai quince indicadores máis e hai que observalos todos en conxunto: haberá que ver o número reprodutivo, a cantidade de camas dispoñible, canta poboación maior hai... E a decisión debe ter en conta outros elementos cualitativos: se é un sitio moi poboado, se é un nodo de comunicacións.. Todas estas cuestións deben ser tidas en conta por un comité de expertos, que é quen debe tomar unha decisión", di Caamaño.