Nas últimas semanas, ao abeiro da certeza cada vez maior sobre a transmisión do coronavirus a través de aerosois, vén medrando o debate sobre a necesidade de ventilar máis e mellor os espazos interiores, nos que se desenvolven actividades laborais, educativas, comerciais ou de ocio. Dende hai meses as voces expertas veñen recomendando evitar os espazos pechados sempre que sexa posible, pero na medida en que isto non sempre é posible (sobre todo nos meses máis fríos e chuviosos), incídese na importancia de ventilar estes espazos de maneira constante, comezando polos centros de ensino, recomenando o profesor Juan Gestal "ventilar de forma continua".
A Universidade de Harvard recomenda 5-6 renovacións de aire por hora para aulas de 100 m2 e con 25 estudantes de 5-8 anos. O CSIC recomenda entre 3 e 6 renovacións de aire por hora, entendendo esa "renovación de aire" como o proceso polo que entra na sala un volume de aire exterior igual ao volume da sala
Como facelo? A Universidade de Harvard elaborou unha guía que está servindo como referencia en todo o planeta e tamén o Ministerio de Ciencia deu a coñecer hai unhas semanas un documento que ofrece pautas sobre como debe ser a ventilación nas aulas para reducir o risco de contaxio pola Covid-19. Dende a comunidade educativa vén reclamándose que as administracións, comezando pola Xunta, publiquen recomendacións e criterios que axuden a realizar os procesos de ventilación de maneira axeitada.
Este mércores as consellerías de Educación e de Sanidade aprobaron un documento de “Recomendacións sobre a ventilación en centros educativos no contexto da Covid-19” para centros educativos non universitarios. O texto parte das indicacións xenéricas contidas no protocolo aprobado a finais de setembro pero sinala que "dado o natural endurecemento das condicións ambientais exteriores e o remate da época estival, así como o avance do coñecemento científico sobre as posibilidades e limitacións dos diferentes medios e pautas de renovación do aire en interiores" é necesario "precisar as pautas contidas nos protocolo con carácter xeral, de tal xeito que se manteñan as condicións de seguridade e se minimice o impacto destas sobre o confort nas aulas". As dúas consellerías engaden que as recomendacións, xa en vigor, "serán obxecto de revisión e adaptación continua atendendo á evolución da situación sanitaria e o avance do coñecemento científico".
O documento aprobado pola Xunta defende que "a ventilación natural é a opción que se debe elixir", engadindo que "só no caso de que non sexa posible optarase por implementar unha ventilación forzada e/ou a purificación de aire"
No protocolo de adaptación á Covid-19 nos centros de ensino aprobado pola Xunta o pasado mes de setembro sinálase que "deben de realizarse tarefas de ventilación frecuente nas instalacións, e por espazo de polo menos 15 minutos ao inicio da xornada, durante os recreos e ao finalizar as clases e sempre que sexa posible entre clases". Ademais, engádese que "cando as condiciones meteorolóxicas e do edificio o permitan, manteranse as xanelas abertas o maior tempo posible".
Agora, este novo documento vén desenvolver e reforzar esas recomendacións, partindo de dous informes de referencia que foron recollendo os achados científicos dos últimos meses a este respecto: a “Guía en 5 pasos para medir a taxa de renovación de aire en aulas”, do Harvard Healthy Building Program, e mais a Guía para ventilación en aulas elaborada polo CSIC e a Asociación Mesura para o Ministerio de Ciencia.
O Goberno galego recomenda realizar ventilación cruzada, consistente na apertura de xanelas e portas en lados opostos da habitación, sinalando que "en moi poucas ocasións se alcanza a ventilación suficiente sen ventilación cruzada"
O documento da Universidade de Harvard recomenda 5-6 renovacións de aire por hora para aulas de 100 m2 e con 25 estudantes de 5-8 anos. O informe do CSIC fai unha recomendación semellante, de entre 3 e 6 renovacións de aire por hora, entendendo esa "renovación de aire" como o proceso polo que entra na sala un volume de aire exterior igual ao volume da sala. Por suposto, hai distintas fórmulas de ventilación, algunhas máis efectivas que outras, e ambos os dous documentos analízanas e chegan a unha serie de recomendacións, que o Goberno galego fai súas. Ademais, todos os documentos suxiren realizar medicións de concentracións de CO2 para valorar a correcta ventilación dun espazo.
"Supoñendo que os 15 minutos ao inicio de cada xornada e nos recreos non sexan tempo suficiente", a Xunta sinala que "é preciso abrir as ventás e portas nos momentos nos que as aulas estean ocupadas"
En primeiro lugar, o documento aprobado pola Xunta defende que "a ventilación natural é a opción que se debe elixir", engadindo que "só no caso de que non sexa posible optarase por implementar unha ventilación forzada e/ou a purificación de aire", sinalando que "cando se dispón de sistemas centralizados de ventilación forzada, a taxa de aire exterior débese incrementar e a recirculación débese reducir". Como último recurso pide deixar a purificación de aire. Ademais, pide realizar actividades no exterior sempre que sexa posible. E, por suposto, lembra que todas estas medidas deben ser acompañadas do actual uso de máscaras, mantemento da distancia e medidas de hixiene.
Segundo a Xunta, deben facerse "entre 3 e 6 renovacións de aire por hora", é dicir, abrir portas e ventás cada 10 ou 20 minutos o tempo suficiente para renovar por completo o aire da aula
Seguindo as pautas das guías de referencia, o Goberno galego recomenda realizar ventilación cruzada, consistente na apertura de xanelas e portas en lados opostos da habitación, sinalando que "en moi poucas ocasións se alcanza a ventilación suficiente sen ventilación cruzada". E indica que "supoñendo que os 15 minutos ao inicio e posteriores ao remate de cada xornada (de mañá ou de tarde) e nos recreos", como se recolle no protocolo "non sexan tempo suficiente", sinala que "é preciso abrir as ventás e portas nos momentos nos que as aulas estean ocupadas, ben nos cambios de clase, ben durante o desenvolvemento das mesmas".
Explica que para saber canto tempo é necesario ter abertas as ventás "é preciso calcular a concentración de CO2"
Así mesmo, explica que para saber canto tempo é necesario ter abertas as ventás (de xeito que se maximice o confort sen renunciar á seguridade) "é preciso calcular a concentración de CO2". Cando se superan os 1000ppm débese proceder á ventilación ata acadar niveis de seguridade ou mesmo óptimos (entre 420 e 800ppm). Isto significa, segundo o documento da Xunta, que se deben facer "entre 3 e 6 renovacións de aire por hora", é dicir, abrir portas e ventás cada 10 ou 20 minutos o tempo suficiente para renovar por completo o aire da aula.
Nos días de frío sinala que é preferible "abrir todas as ventás durante 2 a 5 minutos cada 15/20 minutos" antes que "ter as ventás parcialmente abertas"
O documento sinala, finalmente, que "as portas da clase deberán permanecer abertas, así como as ventás e portas dos corredores para facilitar a renovación constante de aire nas aulas". E indica, ademais, que "no caso de temperaturas extremas invernais é mellor realizar un maior numero de ventilacións de menor tempo en lugar de ter as ventás parcialmente abertas". Explica neste senso que abrir parcialmente as ventás "dificulta a renovación de aire" e ademais "baixa a temperatura e diminúe o confort". "É máis eficiente abrir todas as ventás durante 2 a 5 minutos cada 15/20 minutos", engade.