A Xunta suprime a obriga de non ir ao colexio para estudantes e docentes que convivan con casos sospeitosos de COVID

Material de desinfección fronte á COVID-19, nunha imaxe divulgada polo IES Francisco Aguiar de Betanzos © IES Francisco Aguiar (Betanzos)

Dende a súa primeira versión, presentada a mediados de xullo, e nas súas múltiples actualizacións ata agora, o protocolo da Xunta para a abordaxe da COVID-19 nos centros educativos incluía unha directriz clara para o alumnado ou persoal das escolas, colexios e institutos que tivesen no seu núcleo familiar algún caso sospeitoso de coronavirus. No caso de conviviren con alguén con síntomas compatibles coa doenza, non poderían acudir ao centro ata que a persoa con síntomas sospeitosos fixese unha proba e dese negativo.

Todas as versións do protocolo educativo aprobadas pola Xunta ata agora ordenaban "non acudir ao centro" a estudantes ou persoal que convivisen con persoas "sospeitosas de padecer" a COVID-19 ata que o eventual positivo fose desbotado

Pero esta directriz vén de mudar na nova versión do documento, datada no 4 de novembro e que a Consellería de Educación vén de publicar. De agora en diante, a orde de "non acudir ao centro" limítase a estudantes, docentes e resto de persoal dos centros no caso de "conviviren cunha persoa cun diagnóstico positivo da COVID-19" por seren contactos estreitos da mesma. Pero deixa de suceder o mesmo para os sospeitosos, consideración que os protocolos sanitarios dan a persoas con sintomatoloxía como a do coronavirus e pendente de confirmación de estar ou non infectada.

"Os conviventes dunha persoa con síntomas compatibles" coa COVID que se "encontre á espera de resultado" dunha proba do virus, indica a nova versión do texto tanto para o alumnado como profesorado e resto de persoal, terán que limitarse a "evitar as interaccións sociais que sexan prescindibles" ata que "se confirme o resultado": "Pero non será necesario que garden corentena no domicilio, podendo acudir tanto á escola como ao seu posto de traballo".

Mención aos casos sospeitosos na versión anterior do protocolo educativo (arriba) e directrices na súa actualización CC-BY-SA Xunta

Esta mudanza vai na liña doutros protocolos da Consellería de Sanidade para outros ámbitos. Non obstante, xa está a xerar malestar na comunidade educativa, algúns de cuxos membros consideran un novo risco para as aulas a posibilidade de que docentes ou profesorado que convivan con casos sospeitosos da COVID-19 estean contaxiados sen o saberen e poidan dar lugar a contaxios nos centros.

Máis de 600 centros con positivos e un colexio de Vigo con 9 aulas pechadas

Segundo a información divulgada pola Xunta este 5 de novembro -con información correspondente ao día previo-, son xa máis de 600 os centros de ensino con algún caso activo do coronavirus entre o seu alumnado ou o seu persoal. Concretamente, 606 dos 1.378 centros de ensino non universitario existentes no país.

Un total de 56 aulas están pechadas por casos de COVID-19, segundo informa Educación

Neles están activos, segundo a Xunta, 1.256 casos. Son 295 máis que unha semana antes, pero isto non implica necesariamente que se rexistrasen só 295 novos positivos. A razón é que o Goberno galego non informa das altas que se rexistran entre as persoas vinculadas aos centros de ensino, polo que non é posible coñecer as cifras de casos novos nin o total acumulado dende o comezo do curso.

Entre todos os centros con casos positivos suman 54 aulas pechadas por esta razón. Nove delas están no colexio Santiago Apóstol de Vigo, con 19 positivos confirmados e arredor de 200 estudantes en corentena, segundo informa Faro de Vigo. O segundo centro con máis positivos, sempre segundo a Xunta, é o IES Lucus Augusti de Lugo, agora con 11, seguido polo colexio San Salvador de Vigo, con 10, ambos agora sen aulas pechadas. O único centro pechado integramente segue sendo, como en días anteriores, unha escola infantil da cidade de Lugo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.