A Xunta presenta, tras dous meses de curso, un plan de ensino virtual que obriga os centros a entregar nunha semana un horario

O conselleiro de Educación, Roman Rodríguez, na presentación do Plan de Ensino Virtual ante a covid-19 © Xoán Crespo / Xunta

Entre sindicatos educativos, familias, profesorado e alumnado foi medrando nos últimos meses a impaciencia e a preocupación pola ausencia de previsións, protocolos e medidas que favoresen un correcto funcionamento da teledocencia e das chamadas aulas virtuais se estas chegaban a ser necesarias por un empeoramento da pandemia de coronavirus. Finalmente, este luns 2 de novembro, despois de case dous meses clase en Primaria e case mes e medio en Secundaria, a Consellaría de Educación presentou o seu Plan de ensino virtual ante a Covid-19, que entre as súas medidas máis destacadas prevé a creación de "horarios espello" para que as clases online sigan unha estrutura e un ritmo semellantes ás clases presenciaos e "garantir" así a interacción profesor-alumno.

O anuncio da Xunta vén acompañado de novas tarefas para os centros de ensino e o profesorado, pois os centros deberán entregar "no prazo dunha semana" un deseño da organización horaria destas aulas virtuais

O plan inclúe tamén pautas para a avaliación e o control de asistencia e un programa de formación para o profesorado no ámbito das novas tecnoloxías, ao igual que o reparto de dispositivos electrónicos entre o alumnaso máis vulnerable. O anuncio da Xunta vén acompañado, igualmente, de novas tarefas para os centros de ensino e o profesorado, pois os centros deberán entregar "no prazo dunha semana" un deseño da organización horaria destas aulas virtuais, que deberán seguir ese funcionamento en "espello" con respecto aos horarios das clases presenciais. 

Estes horarios deben ser aprobados provisionalmente pola dirección do centro e remitidos á Inspección Educativa para a súa supervisión e autorización definitiva. Posteriormente, deberán incorporarse ao Plan de Continxencia, comunicados ao profesorado e alumnado para o seu cumprimento, notificados ás familias a través do titor do grupo de alumnos e publicados na páxina web do centro ou outro medio que garanta a súa difusión.

O plan limítase a ser unha "folla de ruta" deste ensino a distancia, que se aplicaría -no caso dun novo confinamento domiciliario- en todos os cursos dende 3º de Primaria

O plan desenvolve minimamente as actuacións previstas no protocolo presentado a finais do pasado mes de setembro, xa do curso iniciado, que recollían a posta en marcha das aulas virtuais e accións formativas para o profesorado, sendo responsabilidade de cada centro incluír as previsións necesarias no seu correspondente plan de continxencia. Así, o plan limítase a ser unha "folla de ruta" deste ensino a distancia, que se aplicaría -no caso dun novo confinamento domiciliario- en todos os cursos dende 3º de Primaria. Tamén se especifica que durante o peche ou confinamento o profesorado poderá impartir docencia no seu centro educativo ou no seu domicilio, "no caso de dispoñer dos medios adecuados para realizar o servizo". 

Teledocencia © Uvigo

Para a Consellería de Educación, o plan achega "certezas ás familias para saber con antelación a folla de ruta prevista”

O plan de ensino virtual recibiu xa as críticas do BNG, que cualificou de “nova labazada” á comunidade educativa o plan de docencia non presencial. O deputado Manuel Lourenzo critica que a consellería de Educación descargue nos centros de ensino unha responsabilidade que compete á Xunta e sexan obrigados a presentar un protocolo en sete días que “a Xunta non elaborou en sete meses” .

Na presentación do plan o conselleiro Román Rodríguez destacou que as medidas anunciadas buscan "dar unha resposta áxil e axeitada no caso de peches ou corentenas de aulas" e que a crise sanitaria "non interrompa nin interfira no dereito do alumnado a recibir un ensino de calidade e equidade”. Rodríguez dixo agardar que "non sexa preciso" chegar a un confinamento coma o da primavera que obrigue a pechar os centros de ensino, pero sinalou que "hai que telo previsto”, engadindo que o plan achega "certezas ás familias para saber con antelación a folla de ruta prevista”.

A CIG denuncia que "se volve sobrecargar de traballo burocrático aos equipos directivos" e que "non se garante que tanto alumnado como profesorado vaian ter todo o material informático e de conexión necesario"

Tamén CIG-Ensino foi moi crítico co plan presentado, sinalando o seu secretario nacional, Suso Bermello, que "a Consellaría de Educación, tanto o equipo anterior de Carmen Pomar como o actual de Román Rodríguez, leva practicando o absentismo na xestión da crise educativa que se produciu a raíz da pandemia da COVID-19 desde o mes de marzo e o plan presentado hoxe para o ensino virtual non deixa de ser un exemplo máis desta actitude”. O sindicato critica que "se volve sobrecargar de traballo burocrático aos equipos directivos coa elaboración de horarios espello, dun plan de adaptación desta guía e dunha avaliación semanal do traballo que se teña que realizar en situacións de peche". E denuncia que "non se garante que tanto alumnado como profesorado vaian ter todo o material informático e de conexión necesario para desenvolver ese ensino online e, no caso do persoal docente, a formación específica para levar adiante este plan".

Horarios espello

Prevese que estas clases online dediquen un 60% do seu tempo á docencia virtual e o 40% restante á realización de tarefas e actividades por parte do alumnado. Así mesmo, respectaranse os tempos de descanso dos estudantes

Unha das claves do plan presentado este luns pola Xunta son os "horarios espello", que procuran unha correcta organización das aulas a distancia. Nas últimas semanas familias e alumnado de varios centros que estaban empregando sistemas semipresenciais (principalmente no Bacharelato) criticaron as eivas no funcionalmente das aulas virtuais, que se limitaban a un envío de tarefas para a súa realización nos fogares. 

Porén, o plan prevé que no caso de ter que recorrer ao ensino a distancia, as aulas virtuais funcionen como clases reais, con explicacións do profesorado en directo e un horario prefixado e estrito, para unha correcta organización do tempo do alumnado. Prevese que estas clases online dediquen un 60% do seu tempo á docencia virtual e o 40% restante á realización de tarefas e actividades por parte do alumnado. Así mesmo, respectaranse os tempos de descanso dos estudantes. O profesorado e o alumnado do grupo deberán conectarse á hora que se establece no cadro horario. O momento da conexión debe establecerse coa antelación suficiente para o aproveitamento do período lectivo

 

Control de avaliación e asistencia

A dirección do centro requerirá ao final de cada semana "unha relación daquelas actividades que realizou o profesorado co alumnado no horario establecido"

O plan prevé tamén un estrito control de avaliación e asistencia. O control de asistencia establecerase "diariamente polo profesor mediante as ferramentas habituais". En canto á avaliación, a dirección do centro, a través da xefatura de estudos, requerirá ao final de cada semana "unha relación daquelas actividades que realizou o profesorado co alumnado no horario establecido". Na distribución horaria establecerase unha sesión de titoría para o alumnado e outra para as familias

Portada do Plan de Ensino Virtual presentado este luns pola Xunta © Xunta

Formación e medios

Dúas das claves do correcto funcionamento das clases a distancia son a formación do profesorado e a existencia de medios suficientes (equipos e conexión a internet) nos fogares do alumnado máis vulnerable. Na pasada primavera a CIG levou a cabo unha moi completa enquisa sobre a teledocencia, que contou coa participación de 6.352 mestres e mestras. Aquel traballo revelou que unha parte importante de profesorado e alumnado atopaba grandes dificultades para desenvolver con normalidade as aulas virtuais, por mor de eivas relacionadas coas fendas dixitais e sociais do alumnado e tamén coa falta de formación previa de todos os participantes nestas ferramentas e procesos. De igual xeito, os datos do IGE revelan que máis de 20.000 fogares galegos con estudantes carecen de ordenador.

Dúas das claves do correcto funcionamento das clases a distancia son a formación do profesorado e a existencia de medios suficientes (equipos e conexión a internet) nos fogares do alumnado máis vulnerable

O plan presentado este luns pola Consellaría de Educación contempla a realización de accións de información e formación nesta materia por parte da dirección do centro. E, neste senso, a Xunta destaca que nos últimos meses se puxeron en marcha accións de formación dirixidas ao profesorado sobre novas tecnoloxías e ensino mixto, subliñando que entre o último trimestre do curso pasado e o que vai deste formáronse 26.000 profesores neste ámbito.

O plan recolle, así mesmo, pautas para o reparto dos dispositivos electrónicos que a Xunta de Galicia pon a disposición do alumnado máis vulnerable. Unha vez atendidas as necesidades iniciais, as direccións dos centros trasladarán con carácter de urxencia á Inspección Educativa as necesidades de equipos, indicando a prioridade de cada unha delas. Os dispositivos serán entregados no centro educativo, que os repartirá ás familias coa maior celeridade.

O día do confinamento

O mesmo día do peche a dirección do centro debe enviar unha comunicación a través da aplicación abalarMóbil informando a alumnado e familias do paso ao ensino virtual

Se se chegase a declarar un confinamento domiciliario que obrigase ao peche dos centros de ensino, o plan prevé que o mesmo día do peche a dirección do centro envíe unha comunicación a través da aplicación abalarMóbil e publique unha nova na web do centro. Ademais, habilitará na aula virtual do centro os recursos e actividades iniciais e trasladará orientación ás familias, especialmente ao alumnado de menor idade, a través da aula virtual. A partir dese momento, o alumnado e profesorado conectarase á aula virtual e á plataforma de videoconferencias para seguir as clases segundo o estipulado no horario espello.

Unha estudante, diante dun ordenador na súa casa CC-BY-SA Nessma Elaassar

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.