O confinamento esixido pola pandemia de coronavirus o pasado mes de marzo obrigou a improvisar solucións para seguir adiante cos cursos escolares. En todos os niveis leváronse a cabo aulas virtuais e teledocencia, nun esforzo compartido entre docentes, familias e alumnado, que exploraban un territorio novo, sen experiencia previa e con eivas formativas e de materiais en moitos casos.
A Xunta anunciou este domingo que está a ultimar un plan específico en materia de competencias dixitais para a educación a distancia
Unha vez que chegou o verán e que se albiscaba un novo curso marcado outravolta pola Covid-19, sindicatos e familias esixiron da Consellaría de Educación que fixase uns protocolos claros e que fornecese de medios materiais no caso de que a teledocencia fose de novo necesaria, ben por unha situación de confinamento xeral, ben por corentenas específicas.
Cando o curso xa comezou en Infantil e Primaria e está a piques de facelo nos restantes niveis, a Xunta de Galicia anunciou este domingo que está a ultimar un plan específico en materia de competencias dixitais para a educación a distancia, denominado Plan de Continxencia para o ensino non presencial ou semipresencial co obxectivo de que "o funcionamento do sistema educativo non se vexa afectado pola pandemia".
O plan, segundo indicou o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, incluirá "medidas dirixidas ao profesorado e ao alumnado, así como información específica para as familias, e protocolos xerais e específicos de actuación dentro do sistema. Así mesmo abranguerá un ámbito formativo específico para o profesorado, así como o reforzo de equipamento tecnolóxico para os centros e o alumnado e a implementación de contidos educativos específicos para a aprendizaxe en liña".
A CIG levou a cabo unha enquisa sobre a teledocencia, que revelou que unha parte importante de profesorado e alumnado atopaba grandes dificultades para desenvolver con normalidade as aulas virtuais
Na pasada primavera a CIG levou a cabo unha moi completa enquisa sobre a teledocencia, que contou coa participación de 6.352 mestres e mestras. Aquel traballo revelou que unha parte importante de profesorado e alumnado atopaba grandes dificultades para desenvolver con normalidade as aulas virtuais, por mor de eivas relacionadas coas fendas dixitais e sociais do alumnado e tamén coa falta de formación previa de todos os participantes nestas ferramentas e procesos.
Segundo os e as docentes que participaron na enquisa, o 22% dos seus alumnos e alumnas non tiñan acceso a Internet, un 24% carecían de acceso a un ordenador (ou só había un na casa e estaba ocupado noutras funcións) e un 12,5% non tiña impresora na casa, un elemento necesario para determinadas actividades. As vilas entre 5 e 20 mil habitantes eran as que presentan máis problemas de conexión á rede, mentres que nos ámbitos urbanos e rurais as maiores dificultades veñen pola carencia dun ordenador.
O Instituto Galego de Estatística (IGE) pregunta todos os anos na súa Enquisa Estrutural a Fogares polos equipamentos tecnolóxicos cos que contan as familias galegas. Entre eles, pregunta pola presenza de ordenadores e de conexión a internet en cada fogar e, especificamente, naqueles fogares nos que viven menores de idade e estudantes.
21.476 fogares con estudantes carecen de ordenador de ningún tipo
No ano 2018 (último dato dispoñible), había en Galicia ao redor de 302.000 fogares nos que residía algún ou algunha estudante (de calquera nivel educativo), que representaban o 30% do total de familias. Practicamente todos eles dispoñían de acceso a internet (o 99,02%), aínda que nesta porcentaxe se inclúen tamén os teléfonos móbiles con conexión á rede, presentes no 99,31% destes fogares con estudantes.
Porén, a enquisa si detectaba un número significativo de fogares que carecían de ordenador. En total, 21.476 non dispoñían destes aparellos, máis do 7% das familias con estudantes. A porcentaxe de vivendas con estudantes sen ordenador era maior en Ourense (máis do 11%) e en Lugo (máis do 8%).
Ademais, en moitos lugares de Galicia a conexión a Internet é de baixa calidade, facendo moi difícil acceder a conexión de banda larga
O máis habitual é que nas casas haxa algún ordenador portátil (presente en 237.886 fogares con estudantes, o 78,66%) e menos frecuentes son os ordenadores de sobremesa (123.609, o 40% das casas) ou as tablets (180.257 fogares, o 59,61%).
Ademais destes problemas estruturais, en moitos lugares de Galicia a conexión a Internet é de baixa calidade, facendo moi difícil acceder a conexión de banda larga. Os informes do Goberno central detallan que dúas de cada tres entidades de poboación galegas carecen de acceso a Internet de calidade. Nestas 21.966 entidades singulares de poboación vive algo máis de medio millón de persoas (519.358), o 19,2% da poboación total do país.
Aínda que os sindicatos educativos reiteraron en numerosas ocasións a súa aposta polo ensino presencial, esixíronlle á Consellaría de Educación regulacións e garantías para facer posible a teledocencia nas mellores condicións, de ser necesario recorrer a ela
Aínda que os sindicatos educativos reiteraron en numerosas ocasións a súa aposta polo ensino presencial, esixíronlle á Consellaría de Educación regulacións e garantías para facer posible a teledocencia nas mellores condicións, de ser necesario recorrer a ela. Tamén as familias protestaron pola falta de información e directrices, que as levou a un inicio de curso marcado pola incerteza.
Aínda que nestes momentos a primeira preocupación é a organización dos centros educativos para poder levar a cabo as clases evitando os contaxios de coronavirus, na pasada primavera alertouse sobre a existencia de cantidades importantes de alumnado 'desconectado' por diversas circunstancias, estritamente tecnolóxicas ou por razóns máis amplas de tipo social. Con estes alumnos e alumnas existía o risco de que a teledocencia provocase unha fenda educativa con respecto aos seus compañeiros e compañeiras.