A educación en interdito

© Uvigo

Así, durante semanas e semanas, os prisioneiros da peste debatéronse como puideron. E algúns deles, coma Rambert, chegaron incluso a imaxinar que seguían sendo homes libres, que podían escoller. A. Camus. 

Dende o 12 de marzo, cando se pecharon as aulas nos centros de ensino, a comunidade educativa na súa totalidade viuse na obriga de adaptarse a un contexto comunicativo descoñecido para o seu uso masivo. As novas tecnoloxías convertéronse na canle única a través da cal discorren en ambas direccións mensaxes de diversa índole: explicacións, aclaracións, materiais de reforzo, exercicios, dúbidas, tarefas rematadas, correccións,cualificacións de exercicios e comentarios. Nos dous meses que levamos de teledocencia seguramente nos sentiremos máis capacitadas para facerlle fronte á situación. Un pensamento que leva en si mesmo unha contradición, como veremos.

A educación en diferido non pode ser en ningún caso unha educación igualitaria nin democrática. Podemos aceptar a súa utilidade relativa como resposta temporal ante unha emerxencia dificilmente predicible. Non obstante, cando agora se empeza a perfilar un futuro educativo mediado pola intelixencia artificial, é imprescindible facer un exercicio de crítica.

 

ACCESIBILIDADE

Seño, te hablo desde la loma donde hay señal” Extraído do testemuño dunha profesora arxentina. La Arena

Se entendemos a educación como un proceso de comunicación multidireccional, o medio no cal ten lugar é fundamental para avaliar a súa validez. Nunha aula, unha alumna “A” escoita unha explicación da profesora, observa a súa xesticulación e a expresión facial, escoita as variacións na intensidade e entoación da voz. A profesora modifica a súa explicación en función das reaccións que percibe (interese, atención, comprensión, ...). Todo é directo, sen interferencias. “A” escoita tamén que o seu compañeiro fai unha pregunta, dúas mesas máis aló outra compañeira pon un exemplo que aclara a dúbida. A profesora propón unha situación problema que deben resolver en parellas. Pasados uns minutos, os grupos propoñen solucións distintas e coméntanse en voz alta con participación de toda a aula.

Na situación descrita conéctanse varios niveis de comunicación, distintos códigos que se reforzan mutuamente, rexistros distintos que enriquecen a mensaxe. A isto nos referimos co multidireccional. Non unidireccional (vídeo titorial, presentación didáctica, apuntamentos) nin bidireccional (vídeo conferencia, conversa por correo electrónico, chamada telefónica). O colmo alcánzase naquelas situacións “educativas” nas que o alumnado se “comunica” cun aparello programado para ofrecer actividades interactivas 3 en 1: amosan a información, propoñen a actividade que debe realizar o alumno-a e corrixe/avalía.

Dende o primeiro momento en que se suspenderon as aulas presenciais, sóubose que ía existir unha brecha tecnolóxica que impediría a unha parte do alumnado seguir ao mesmo ritmo e coa mesma calidade de conexión as actividades virtuais. Creouse un fondo de empréstito de ordenadores para que todo o alumnado puidese dispoñer dun no seu domicilio. Supoñendo que este obxectivo se tivese logrado, este non sería nin de lonxe o único impedimento: dende alumnado que non se pode permitir unha conectividade ao nivel que esixe a docencia virtual –algúns miran os contidos e actividades a través do teléfono, mentres lles duran os datos móbiles- pasando por aquelas zonas nas que directamente non hai cobertura, rematando con aquelas familias que deben un único aparello e compatibilizar tele-traballo e educación virtual.

Ademais é importante ter en conta que o concepto “estar conectado-a” non é homoxéneo. Se para ver un vídeo de 5 minutos o alumno-a debe permanecer 20 diante da pantalla porque a conexión é mala, por unha parte baixa a calidade do visuado e o alumno-a perde interese e atención, e por outra a actividade vólvese irritante e esgotadora. Se para descargar ou entregar un pdf ten que esperar varios minutos, comprobar se hai conexión, desconectar e conectar o módem varias veces, etc, outro tanto do mesmo. Se ten que facer un cuestionario cunha limitación de tempo o alumno-a queda a expensas de que o internet vaia ben nese momento, engadindo un elemento máis de estrés. Isto é algo que se está a ignorar por parte das administracións. Non todo o alumnado pode acceder a internet e sobre todo non todo o alumnado pode acceder a un internet coa mesma calidade.

Polo tanto, é un contexto educativo que prexudica ao alumnado de zona rural e de nivel económico baixo. De inmediato cómpre reflexionar que, coa crise económica que se nos vén enriba, o número de familias con ingresos baixos ou moi baixos vaise ver incrementado de forma dramática.

Na Resolución publicada recentemente pola Consellería de Educación para o reinicio da actividade lectiva neste curso 2019-20, lémbrasenos que a educación é un dereito constitucional. En efecto, o cal significa que é preciso non só garantir que exista unha educación pública senón tamén unha igualdade no acceso á mesma.

Para unha porcentaxe do alumnado, non moi alta, pero existente, o medio dixital é unha barreira. Non tecnolóxica, doutro tipo. Supoñendo que tivesen acceso de calidade a internet, hai alumnos e alumnas para as que a falta de contacto directo co-coa docente é un impedimento para desenvolver a súa aprendizaxe. Pode o sistema educativo continuar sen eles, sen elas? É suficiente falar de plans de apoio para “alumnado con dificultades de aprendizaxe ou emocionais”?

Non podemos deixar de preguntarnos que vai pasar co currículo de todas aquelas materias nas que o elemento práctico e relacional é ingrediente estrutural. Van quedar mutiladas ata converterse en que?

Que paradoxo que, na era da comunicación, o dixital inverta a evolución da educación: pérdese o obxectivo de camiñar cara unha escola democrática e universal. Pola contra, créase o contexto idóneo para “unha pedagoxía de fronteiras, de límites que segregan e exclúen, onde o diferencialismo serve, non para desenvolver a pluralidade dunha vida en sociedade, senón para perpetrar unha segregación educativa en toda regra, co apoio ás veces inxenuo de docentes”1.


 

EDUCACIÓN SEN INTERACCIÓN SOCIAL

Non existen individuos dados que se socializan, senón que é a socialización a que dá lugar ao individuo.. J. Habermas

Os suxeitos de coñecemento non poden ser individuais, senón grupos e colectivos  en constante construción e transformación. N. Hartsock

Se o problema dunha educación dixital fose exclusivamente técnica trataríase unicamente de esixir os medios necesarios, a famosa conectividade total –a cambio da privacidade, pero ese é outro tema. Ogallá fose así de simple. A dixitalización da docencia é unha distopía pedagóxica. Seguindo co exemplo que se expuxo máis arriba, a situación de aprendizaxe é un acto comunicativo e social. Só se pode entender así.

A forma en que pensamos a escola ten sempre un significado político. Unha sociedade democrática e participativa buscará modelos educativos que procuren o desenvolvemento do pensamento crítico, das ferramentas necesarias para a participación na vida social e política. Procurará que o alumnado non sexa simple receptor de contidos senón suxeito da súa aprendizaxe. Polo tanto, é necesariamente unha educación que se produce en compañía de, co profesor-a, co grupo de iguais. Ese é o territorio, o lugar: con outros-as. Porque é a confrontación con outras ideas e coñecementos o que permite a aparición da curiosidade, da capacidade de análise, do diálogo.

No outro lado da balanza, aceptar o distanciamento social como norma dunha nova educación, implica crer na educación como disciplinamento e como mera adquisición de habilidades . Unhas habilidades que responderán non aos intereses e necesidades do alumnado senón ás do mercado. Estámosllelo poñendo en bandexa de prata regalándolles todos os nosos datos persoais, acceso ás nosas imaxes, á nosa ubicación, aos nosos hábitos de ocio e de consumo e, como dicía Naomi Klein2 nun artigo recente dispoñible en varios medios dixitais, os datos académicos do alumnado. A cambio de... estar online.

Sabemos como se comportan as grandes corporacións en situacións catastróficas, por exemplo ante desastres naturais: chegan ofrecendo unha axuda que no momento se fai imprescindible pero cando a emerxencia pasa están instaladas e permanecen, modificando a economía, os costumes sociais, etc. Polo tanto, aceptar este período de teledocencia como un mal inevitable sen facer crítica activa deste modelo de educación leva implícito o risco de que se instale definitivamente. Deixará entón de percibirse como unha anomalía e entenderase como a nova normalidade educativa.


 

OS MATERIAIS EDUCATIVOS

Hai que acabar cos caciques de antes. E cos de agora, se non lle parece mal. D. Castelao

O deseño dos materiais didácticos non é inocente, está inoculado da ideoloxía de quen os crea. Os aspectos externos -tales como a selección das imaxes, o formato, etc -, os contidos que se seleccionan ou destacan, o tipo de actividades que se ofrecen - principalmente cal é o rol que se destina ao alumnado-, son elementos que determinan en gran modo como se desenvolverá a actividade docente. Por suposto que o profesorado é libre de elixir canta utilidade lle dá a eses materiais, se os complementa con outros, etc. Non obstante, a teledocencia está a supor para o profesorado un aumento considerable da carga de traballo de tipo administrativo –non hai máis que ver que para o curso próximo os departamentos terán que facer dobre programación, unha para docencia presencial e outra para virtual e que para rematar o presente curso deberá presentarse informe individualizado de cada alumno e alumna. Por outra banda, boa parte dos-as profesionais do ensino está vendo ampliada a súa xornada laboral para poder continuar co seguimento personalizado do alumnado, moito máis complexo nestas circunstancias. Dependerá das conviccións de cada docente, pero coa saturación de traballo xa existente é bastante probable que se impoñan as ferramentas deseñadas por empresas do mundo do software, co cal o obxectivo pedagóxico quedará bastante en interdito.

Son materiais creados para o “eterno universal neno” que propón a socióloga Lourdes Gaitán Muñoz. É dicir, para un determinado estereotipo de alumnado que pasa a ser pensado como un grupo homoxéneo e segundo ideas preconcibidas que non se sustentan no coñecemento dese colectivo, senón no que o mundo adulto espera del. Non terán en conta, pois, todas as variables contextuais e individuais ás que a docencia debe poder responder. Non considerará tampouco as variantes sociais e ambientais, dirixíndonos así cara unha estandarización que pon en risco a pluralidade cultural.

Como expón S. de Castro Sánchez nun artigo publicado en El Salto3 “Os tempos e os valores do capital colonizaron o noso horizonte ético e pedagóxico (...) e as decisións sobre como continuar co noso labor pedagóxico acabaron por tomarse en base a criterios que nos empurran a perpetuar aqueles valores e lóxicas que nos levaron á situación actual: rendabilidade, produtividade, inmediatez,...”

Así pois, debúxase nun horizonte non remoto unha educación mediada cada vez máis por intelixencia artificial, na que o profesorado perderá independencia e valor, na que o alumnado desenvolverá a súa actividade a través de recursos deseñados por e para o capital. Un sistema educativo no que, salvo que se tomen as medidas necesarias, os datos do alumnado estarán á disposición das propietarias do software. É a anti-educación.

 

Notas

1 X. RON FERNÁNDEZ. La desaceleración como práctica educativa. I Jornada Internacional. Educrítica. León, 2019.

2 N. KLEIN. Distopía de alta tecnología: la receta que se gesta en Nueva York para el post-coronavirus. The Intercept, 2020.

3 S. DE CASTRO SÁNCHEZ. Google, doctrina del shock y liquidación de la escuela pública. El Salto Diario, 19 de maio de 2020.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.