O conselleiro pide "tolerancia" co xefe da inspección educativa denunciado pola CIG polos seus artigos "ultras"

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, tras expor a directores e directoras de centros o pasado 4 de xuño as novidades normativas para o vindeiro curso CC-BY-SA Xunta

A "neutralidade" que a Consellería de Educación esixirá nas aulas o vindeiro curso posibilita, a xuízo do conselleiro, Román Rodríguez, "que haxa pluralismo" e que o seu subdirector xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo, Enrique Prado Cueva, escriba artigos nos que eloxia a Vox e fala do "nacionalismo fascista excluínte do BNG e o nacionalsocialismo do PSdeG", segundo vén de desvelar CIG-Ensino. En todo caso, o conselleiro pedirá explicacións ao seu subordinado logo de que o sindicato veña de pedir o seu cese polo que cualifica como artigos "ultras".

Fragmentos de artigos publicados por Enrique Prado Cueva divulgados por CIG-Ensino CC-BY-SA Imaxes: Xunta de Galicia e El Catoblepas (nodulo.org) | Montaxe: Praza Pública

Román Rodríguez apela a "respectar a quen pensa diferente" pero pedirá explicacións a Enrique Prado, subdirector xeral a quen o sindicato atribúe a orde de "neutralidade" nas aulas e crítico co "nacionalismo fascista do BNG e o nacionalsocialismo do PSdeG"

Tras desvelar a CIG os artigos escritos por Prado, máximo responsable da inspección educativa en Galicia e a quen fan responsable da polémica orde sobre a "neutralidade ideolóxica" nas aulas, o conselleiro foi preguntado pola súa opinión a respecto das opinións de Prado. "Eu creo que a tolerancia e respectar a quen pensa diferente é básico e fundamental, se non respectamos a quen pensa diferente estariamos nunha especie de totalitarismo", comezou o conselleiro a súa defensa do seu subordinado. "Imos avaliar e imos falar con esta persoa pero sempre partindo da base de que todos temos dereito a ter liberdade de pensamento sempre e cando o teu traballo o fagas con total neutralidade que precisamente é algo que sempre demandamos", engadiu.

O conselleiro foi cuestionado polo feito de que pida neutralidade un cargo que evidencia as súas críticas á esquerda, ao que contestou: "e se pensara ao revés?". "Estamos a falar dun cadro técnico, dun subdirector, hai que avaliar, eu falarei con el pero o que non podemos é caer na intolerancia de ou pensas coma min ou es malo, e dá a sensación de que detrás de todo isto está esa visión, unha especie de pensamento único", di Rodríguez. 

"Aquí precisamente a neutralidade o que posibilita é que haxa o pluralismo, e o pluralismo baséase no respecto, do que pensa coma min e do que pensa diferente", concluíu o conselleiro, falando en todo momento de liberdade de pensamento dun particular pero sen valorar que a denuncia da CIG refírese a publicacións do cargo público sobre a súa propia área laboral.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras un Consello da Xunta en maio de 2025 CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

O BNG pide o "cese inmediato" do xefe da inspección "por ir contra os valores democráticos no ensino"

Pola súa banda, desde o BNG pediuse xa o "cese inmediato" do xefe da inspección "por ir contra os valores democráticos no ensino". A portavoz de Educación no Parlamento, Cristina Fernández, considera "intolerable" que "unha persoa con estas responsabilidades actúe en contra dun sistema educativo baseado nos valores democráticos e no pluralismo intentando impoñer a súa ideoloxía ultra nas aulas galegas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.