Un manifesto defende a "liberdade de ensino" ante a instrución sobre "neutralidade ideolóxica"

Alumnado dun centro de ensino en Galicia CC-BY-SA Xunta

O texto critica o "filtro ideolóxico" que a Xunta introduciría á hora de deseñar estas actividades dos centros e que, destacan, podería afectar a contidos relacionados coa "defensa dos dereitos humanos, a diversidade e o ecoloxismo"

Colectivos sociais e persoas a título individual están a impulsar un manifesto "en defensa da liberdade, a diversidade e os dereitos humanos nos centros educativos" que rexeita a intención da Consellaría de Educación de pedir ás direccións de colexios e institutos "neutralidade ideolóxica" nas actividades complementarias do curso vindeiro, como "visitas didácticas ou charlas", unha instrución nova que xa recibiu fortes críticas por parte de Anpas Galegas ou de CIG-Ensino, entre outras entidades.

O texto, promovido inicialmente polo Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino da Galiza (STEG), critica o "filtro ideolóxico" que a Xunta introduciría á hora de deseñar estas actividades dos centros e que, destacan, podería afectar a contidos relacionados coa "defensa dos dereitos humanos, a diversidade e o ecoloxismo", valores que "deben formar parte do proxecto educativo de calquera centro, tal e como se prevé na 
normativa educativa básica, a actual LOMLOE".

Manifesto "en defensa da liberdade, a diversidade e os dereitos humanos nos centros educativos da Galiza"

"Opoñerémonos firmemente a calquera instrución que restrinxa a liberdade de expresión da comunidade educativa", di o manifesto, que acusa a Consellaría de que querer privar o profesorado "do dereito constitucional á liberdade de cátedra"

"Na práctica, as medidas anunciadas polo conselleiro de educación supoñen impedir a organización de actividades que fomenten o pensamento crítico do alumnado", denúnciase, ao tempo que se critica o "control ideolóxico" que a medida pode levar implícita. "Calquera tentativa de limitar a liberdade de cátedra do persoal docente debe considerarse unha vulneración dos dereitos constitucionais, tanto do profesorado como do alumnado", destácase.

"Opoñerémonos firmemente a calquera instrución que restrinxa a liberdade de expresión da comunidade educativa", di o manifesto, que acusa a Consellaría de que querer privar o profesorado "do dereito constitucional á liberdade de cátedra".

O texto remata solicitando a dimisión do Conselleiros de Educación, Román Rodríguez, subliñando que "quen pretende silenciar e amordazar a comunidade educativa non pode seguir por máis tempo á fronte da Consellaría".

STEG, Nova Escola Galega, O Facho, Ecoloxistas en Acción, a Rede educativa de apoio LGBTIQ de Galicia ou a ARMH, entre os asinantes

Entre os colectivos asinantes do manifesto atópanse entidades de renovación pedagóxica como Nova Escola Galega, culturais como O Facho, ambientalistas como Ecoloxistas en Acción, de apoio a Palestina, de defensa dos dereitos das infancias trans ou da Rede educativa de apoio LGBTIQ de Galicia, así como de memoria democrática como a ARMH. 

Nos últimos días foron varios os centros de ensino onde se colocaron en lugares ben visibles bandeiras de Palestina e do colectivo LBGTiQ+ ou faixas contrarias a ALTRI. A recollida de adhesións, tanto individuais coma de colectivos, mantense aberta a novas incorporacións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.