A apelación á neutralidade pedagóxica da Xunta S.A. é un exemplo do que mellor se lle dá ao goberno de Rueda: vender a solución para un problema que ela mesma crea. Desde o momento en que argallan a solución, a creación do problema é ineludíbel. Do contrario, a solución non tería sentido. A Igrexa leva dous mil anos practicándoo
A apelación á neutralidade pedagóxica da Xunta S.A. é un exemplo do que mellor se lle dá ao goberno de Rueda: vender a solución para un problema que ela mesma crea. Desde o momento en que argallan a solución, a creación do problema é ineludíbel. Do contrario, a solución non tería sentido. A Igrexa leva dous mil anos practicándoo.
Desde logo non inventan nada, a neutralidade educativa é a reedición do clásico franquista: “Faga vostede coma min, non se meta en política”. Pero o primeiro é o primeiro, que carallo é a neutralidade educativa? Quen decide o que é neutral? Está claro, non decide quen quere senón quen pode.
Guerras aparte, din os dicionarios que neutral é quen se abstén de tomar partido, ou aquilo que non participa de ningunha das opcións en conflito. Se a Xunta entende que ela é neutral, dedúcese que hai no profesorado unha posición extremista e nacionalista de esquerdas (xa é supoñer) e outra posición extremista de dereitas. O Rueda neutral situaríase entre ambas, sen tomar partido. Un momento! Cal é esa posición extremista á dereita da Consellería? Os sectores sociais de esquerdas protestan airadamente pero pola dereita non protesta ninguén, como se explica iso? Ninguén na dereita se dá por aludido, con razón porque non hai rexistros de expedientes ou reprimendas da inspección educativa polos excesos verbais contra o estado de dereito por parte dese profesorado. Dado que o profesorado de esquerdas si crítica a medida, é evidente que se dan por aludidos e a súa ira xustifica a oportunidade de combater a ideoloxización que practican. Bingo.
Desde logo non inventan nada, a neutralidade educativa é a reedición do clásico franquista: “Faga vostede coma min, non se meta en política”
Bromas a un lado, a Consellería vai máis alá cando afirma que o obxectivo do aviso para navegantes é “fomentar o pluralismo social e o pensamento crítico”. Iso si, “respectando o ideario dos centros concertados”. “Que non haxa uns que poñan a bandeira ucraína e outros a bandeira rusa, que haxa unha neutralidade” Isto é interesante. Poñeranse as dúas bandeiras? Ningunha? Só a ucraína? Ou mellor a suíza? Nas clases de bioloxía explicarase a Teoría da evolución? O creacionismo? As dúas? Que é o neutral? Na educación en valores, como cualificamos as letras do reguetón, extremistas ou neutrais? E os algoritmos das redes sociais? E na política industrial e a defensa da natureza, que é o neutral? Ao explicar a 2ª Guerra Mundial, deberá o profesorado ser neutral? Creba a neutralidade solidarizarse cos nenos e nenas asasinados, mutilados e esfameados en Gaza? Débese omitir toda referencia á orixe dese masacre? Rueda responde a todas estas preguntas apelando ao sentido común: “Neutralidade ideolóxica é neutralidade ideolóxica... creo que todos sabemos a que nos estamos referindo... Ninguén debería estar en contra”.
O conselleiro, querendo ser máis didáctico e campechán expúxoo así: “Se a min me gustan as patacas fritidas e a ti as cocidas, trátase de non impor nin unhas nin outras”. Sen pretendelo, ten razón. A neutralidade sería cocer as patacas despois de fritilas, ou ao revés, e ninguén as querería. O desexábel é que haxa patacas fritidas e cocidas, e que cada aluno ou aluna decida. Noutrora a iso chamábanlle liberdade de cátedra.
A orde da Xunta apunta ás actividades complementarias, visitas e charlas, e transmitíuselle á Xunta de Directores, que grazas ao sistema de acceso se foron convertendo menos en representantes da comunidade educativa ante a consellería que en representantes da consellería fronte á comunidade educativa
A orde da Xunta apunta ás actividades complementarias, visitas e charlas, e transmitíuselle á Xunta de Directores, que grazas ao sistema de acceso se foron convertendo menos en representantes da comunidade educativa ante a consellería que en representantes da consellería fronte á comunidade educativa. O único punto de concreción parece ser que todas as actividades do curso deben figurar na programación anual que se elabora en setembro. Isto é imposíbel porque boa parte das actividades non pode preverse con antelación. Se se inaugura unha exposición sobre Laxeiro, se unha compañía de teatro ofrece unha representación, se o día das Letras Galegas se presenta a posibilidade dunha actuación musical, se nun club de lectura @s participantes piden a visita dun autor ou autora, se un concello ofrece un bus para visitar un parque natural, etc. Hai infinidade de imponderabeis que non se poden coñecer en setembro, cando o profesorado se acaba de incorporar e non coñece o alumnado para adaptar as actividades a cada grupo.
Por que pide entón a consellería esa antelación? En parte porque as actividades facilmente predecibeis son as oficiais ou protocolarias e a participación ou o diálogo coa actualidade quedaría coutado. Quizais tamén porque se o profesorado dobra o xeonllo e accede, despois non será a Xunta a que reprime, senón eles mesmos que se comprometeron na súa programación coma nun contrato cunha serie de cláusulas a cumprir contidos, prazos e condicións. É a súa propia programación a que os vixía e os incumprimentos ou desviacións quedan lexitimados documentalmente: unha sorte de censura burocrática. Ou os claustros e directivas rexeitan o despropósito e piden que se retire da axenda de inmediato ou, elaboradas as programacións á volta do verán, sen tempo para reaccionar, será demasiado tarde.
Se o profesorado dobra o xeonllo e accede, despois non será a Xunta a que reprime, senón eles mesmos que se comprometeron na súa programación coma nun contrato
O innecesario do conflito creado e a desestabilización que provoca lévanos a especular con outros motivos, por exemplo que o PP queira ir abrindo portas para a eventualidade de que nun futuro haxa que negociar medidas de relato e batalla cultural con VOX. Ir dando pasos para encontrarse a medio camiño sen que nos acusen de tragar sapos a cambio do poder. Xa digo, pura especulación.