Este martes coñeceuse que a Consellaría de Educación vai reclamar ás direccións de colexios e institutos "neutralidade ideolóxica" nas actividades complementarias do curso vindeiro, como "visitas didácticas ou charlas"
Este martes coñeceuse que a Consellaría de Educación vai reclamar ás direccións de colexios e institutos "neutralidade ideolóxica" nas actividades complementarias do curso vindeiro, como "visitas didácticas ou charlas", referencia que non figuraba nas instrucións do ano anterior. Faino, indica, en cumprimento da lei educativa de 1985, que sinala ese concepto remitíndose ao artigo da Constitución sobre o dereito á educación.
A nova foi recibida con críticas por parte da Confederación Anpas Galegas, que nun comunicado esixiu "explicacións" ao Conselleiro de Educación, ao que lembrou que entre os principios da LOMLOE está o fomento de valores "que favorezan a liberdade persoal, a responsabilidade, a cidadanía democrática, a solidariedade, a tolerancia, a igualdade, o respecto e a xustiza, a educación para a convivencia, o fomento do espírito crítico e da cidadanía activa ou a sustentabilidade ambiental".
"En que quedamos? Educamos para fomentar todos estes valores ou educamos para todo o contrario?, pregúntase Anpas Galegas, que lembra que a LOMLOE busca o fomento de valores
"En que quedamos? Educamos para fomentar todos estes valores ou educamos para todo o contrario?, para que os cambios sociais non se traten nos centros de ensino, nin as inxustizas sociais?", pregúntase a entidade, que sinala que "igual é que esta consellería non ten clara a diferenza entre desenvolvemento de espírito crítico que só é posible vivindo coa realidade e adoutrinamento que só é posible anulando o espírito crítico, a liberdade de calquera manifestación do alumnado e do profesorado".
Ademais, apunta que a apelación á "neutralidade ideolóxica" si que debería deixar fóra a relixión de calquera actividade relacionada co ensino.
"Igual é que esta consellería non ten clara a diferenza entre desenvolvemento de espírito crítico e adoutrinamento, que só é posible anulando o espírito crítico"
Anpas Galegas lembra que a instrución da Consellería "refírese principalmente ás actividades complementarias", pero sinala que estas "irremediablemente están vencelladas á actividade lectiva", engadindo que "o non se poida tratar nesas actividades complementarias é que tampouco se trata na actividade lectiva".
"Queremos que as nosas fillas e fillos formen unha cidadanía responsable, respectuosa e consciente da súa sociedade e por suposto, crítica porque é a crítica a que promove os cambios e a que fai evolucionar unha sociedade", conclúe a entidade, que engade: "se non somos quen de transmitirlles eses valores estaremos fracasando na nosa labor educadora como nais e pais e tamén como sociedade".
Preocupación na CIG-Ensino cunha Xunta "cada vez máis reaccionaria"
O principal sindicato do persoal docente nas aulas públicas, a CIG-Ensino, amosou este mércores a súa preocupación ante a posibilidade de que as instrucións do curso vindeiro viren en "inxerencia" nas aulas "dunha Xunta cada vez máis reaccionaria". "O profesorado galego é plenamente consciente das súas obrigas e dos seus dereitos, entre os que está a liberdade de cátedra", resalta a central sindical, que non vai "permitir ningunha inxerencia política no labor docente".
"O que pretenden é establecer unha coartada para poder denegar calquera actividade que non sexa do seu agrado"
CIG-Ensino pon asemade o foco en que, xunto con esa apelación á "neutralidade ideolóxica", Educación reclame coñecer a comezos de curso todas as "actividades complementarias" do ano. "O que pretenden é establecer unha coartada para poder denegar calquera actividade que non sexa do seu agrado", máis aínda "tendo en conta determinadas actuacións recentes da Inspección educativa, por orde dos cargos políticos da Consellaría, como é a orde de retirar bandeiras palestinas en centros educativos ou exixir a retirada de cartaces reivindicativos contra Altri".
Accións coma estas "só se poden cualificar como censura brutal por parte dunha administración enferma por controlar todo o que pasa (e non só na CRTVG) non teñen cabida nun sistema minimamente democrático e se a intención é recortar a liberdade do profesorado á hora de formar unha cidadanía crítica, terán todo o apoio da CIG-Ensino para facer fronte a esa deriva reaccionaria", sinalan. Fano ademais nun contexto, lamentan, no que o departamento de Román Rodríguez avanza as instrucións do curso 25-26 sen antes trasladalas á representación sindical do persoal docente, "como se comprometeu a facelo a directora xeral".