Educación reclama ás direccións de colexios e institutos "neutralidade ideolóxica" nas actividades complementarias do curso vindeiro. O conselleiro, Román Rodríguez, reúnese coa Xunta Autonómica de Directores e Directoras para "abordar as instrucións do ano académico 2025-26", que serán públicas en días vindeiros, e o seu departamento avanza entre as "novidades" que "promoven" esa "neutralidade ideolóxica" de accións complementarias como "visitas didácticas ou charlas", referencia que non figuraba nas instrucións do ano anterior. Fano, indican, en cumprimento da lei educativa de 1985, que sinala ese concepto remitíndose ao artigo da Constitución sobre o dereito á educación. O Goberno galego destaca, asemade, que no curso 25-26 "porá o foco no reforzo da autoridade do profesorado como garante da convivencia escolar". [Imaxe: CC BY-SA Mónica Arcay Carro]
