SOS Sanidade Pública tenta conseguir os datos "reais" das listas de espera no Sergas

A plataforma SOS Sanidade Pública da área de Vigo rexistrou un escrito para Sanidade este mércores CC-BY-SA SOS Sanidade Pública

A plataforma SOS Sanidade Pública inicia unha campaña para reducir as listas de espera tanto nos centros de saúde como nas consultas hospitalarias. Comezan na área sanitaria de Vigo, a que acolle a máis poboación, co rexistro dun escrito dirixido ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, solicitándolle os datos "reais" do número de persoas que se atopan nas lista de agarda do Sergas.

Galicia é a segunda comunidade autónoma do Estado na que unha maior porcentaxe da poboación sufriu "demora excesiva" ou "inaccesibilidade á asistencia médica" a causa das listas de espera. "SOS Sanidade Pública vén constatando que as listas de espera son un serio problema para a cidadanía, que ocasionan sufrimento, ansiedade e que incrementan o número de consultas, tanto en atención primaria como en urxencias e nos hospitais", asegura Manuel G. Moreira, un dos portavoces da plataforma en Vigo.

Manuel G. Moreira e Xesús Araúxo, voceiros de SOS Sanidade en Vigo, no rexistro CC-BY-SA SOS Sanidade Pública

Na súa comunicación para o titular de Sanidade na Xunta, SOS Sanidade solicita "a información completa das listas de agarda" en base ao Real Decreto 605/2003, do 23 de maio, polo que se establecen medidas para o tratamento homoxéneo da información sobre as listas de agarda no Sistema Nacional de Saúde. 

E matizan que están a reclamar os datos "de todas as listas da agarda, non só das que obriga a publicar o marco legal; porque todo o mundo sabe que hai moitas máis persoas en lista de agarda que as que se publican" por parte da Consellería de Sanidade. 

SOS Sanidade reclama que a Xunta remate con prácticas "como os buzóns ou a espera de citacións" que, nas súas palabras, utilízanse para "maquillar" os datos das listas de espera

"Non pode ser obxecto de discusión cantas persoas hai nas listas de agarda, porque, se non hai transparencia, tampouco sabemos cales son as medidas que temos que aplicar. O primeiro é coñecer cal é a realidade", incide Moreira.

Desde SOS Sanidade tamén reclaman que a Xunta remate con prácticas "como os buzóns ou a espera de citacións" que, nas súas palabras, utilízanse para "maquillar" os datos. "Queremos que se faga un plan para dar resposta ás necesidades reais en base a eses datos, para dotar á sanidade pública dos recursos necesarios para ir acurtando esas listas de agarda e que non teñan unha dimensión intolerable como ocorre neste momento. A patronal da sanidade privada dicía hai un par de semanas que o 45% das intervencións no Estado español xa se fan na sanidade privada. Unha parte moi importante desas intervencións fináncianse con cartos públicos. Nós demandamos que eses cartos públicos se dediquen a reforzar o sistema sanitario público. E con eses cartos, con ese reforzo do persoal e da estrutura, poder dar conta desa lista de agarda desde o ámbito público", asevera Manuel G. Moreira.

Cartaz na porta do PAC de Marín o 15 de agosto de 2022 divulgada pola Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo CC-BY-SA Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo

En concreto, SOS Sanidade reclama coñecer o número de "pacientes en espera estrutural", que segundo o Sistema Nacional de Saúde son aqueles que se atopan en situación de ser intervidos cirurxicamente e cuxa espera é atribuíble á organización e recursos dispoñibles. Os "pacientes en espera tras rexeitamento á proposta de intervención nun centro alternativo", que son as persoas pendentes dunha intervención cirúrxica, cuxa espera é motivada pola libre elección do cidadán. E os "pacientes transitoriamente non programables", que son os que están pendentes dunha intervención cirúrxica, cuxa programación non é posible por motivos clínicos ou por solicitude de aprazamento da intervención.

Reivindican que os hospitais traballen "de mañá e de tarde con recursos propios" 

A maiores, a plataforma de Vigo pide que esta información se lles facilite desagregada por cada un dos grupos de clasificación de pacientes que contempla o marco legal, ademais de por hospitais de referencia, para saber se estas persoas teñen que ser atendidas no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) ou en Povisa.

No caso concreto de Vigo, a plataforma incide en que a "ocultación" das listas de espera "reais" impide poñerlle cifras a unha situación que a propia poboación manifesta que "empeora". Entre as súas reivindicacións está que os hospitais traballen "de mañá e de tarde con recursos propios" e que non haxa "só actividade complementaria" para sacar adiante cirurxías que non poden agardar. "Teñen que optimizar os recursos públicos que hai", salienta Moreira. 

Manifestación de SOS Sanidade Pública, no acto final da Praza do Obradoiro, o pasado 6 de abril CC-BY-NC-SA Ana G. Liste / Praza.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.