SOS Sanidade Pública xunta outra volta en Santiago miles de persoas para sinalar o que considera "consecuencias directas da política de desmantelamento" do Sergas
A manifestación desenvolvida este domingo por SOS Sanidade Pública en Santiago non ten un fío que a une unicamente coa anterior das mesmas características, organizada a principios de febreiro de 2024 e marcada inevitablemente pola proximidade das eleccións galegas celebradas apenas dúas semanas despois, aínda que fora convocada ante que os comicios. Está ligada a ela pero tamén -se cadra, sobre todo-, ás múltiplas loitas locais pola sanidade pública que non cesan.
Vigo, A Mariña, Moaña, O Courel, Santiago, Ourense... Son moitas as localidades que mes a mes, case semana a semana, acollen algunha reivindicación ligada ao Sergas. Quer por falta de persoal de medicina de familia ou pediatría en Atención Primaria, quer por excesivas demoras na atención especializada, quer por permanecer por tempo indefinido no limbo das listas de espera cirúrxica que non se reflicte nas estatísticas oficiais.

Estes e outros asuntos volveron confluír este domingo baixo sol primaveral de Compostela. Porque en apenas catro meses de ano, lembrou a organización no seu manifesto final, "miles de persoas manifestáronse nas rúas das nosas cidades e vilas" para denunciar o que consideran "consecuencias directas da política de desmantelamento da sanidade pública".
Persoal dabondo de medicina de familia e pediatría nos centros de saúde ou un "plan de choque con máis recursos públicos" para paliar as listas de espera, entre as principais reivindicacións
Nestas diversas localidades, resaltan, as reivindicacións pasan por "defender a Atención Primaria", "reclamar melloras nos centros de saúde e PAC", que non haxa "miles de nenas e nenos sen pediatra" ou "miles de persoas sen profesional de medicina de familia". "As persoas que defendemos a sanidade pública non aceptamos isto como normal" porque "non é normal", senón "consecuencia directa" de "decisións políticas do Partido Popular", acusan.
Este foi o pano de fondo dunha mobilización na que a palabra "máis" foi protagonista. "Máis Atención Primaria", din, para que haxa "persoal suficiente en todas as categorías" dos centros de saúde e puntos de atención continuada, para atender doenzas pero tamén previlas. "Máis atención hospitalaria" para, por exemplo, que os cadros de persoal teñan "capacidade de utilizar ao 100% os recursos tecnolóxicos públicos". Para iso, coidan, axudaría a "recuperación das áreas sanitarias perdidas" na reforma de 2018 ou a "restitución ao sistema público" de servizos ou áreas con xestión privada.
"Unha proba de como está a nosa atención hospitalaria é a situación das listas de espera". Mesmo dando por feito que sanidade "oculta e manipula" datos, "seguen a ser peores que antes da pandemia" da COVID. A situación, advirten, "non se soluciona derivando actividade á privada" senón cun "verdadeiro plan de choque para facerlles fronte con máis recursos para a sanidade pública".
"Chegamos aquí pola ideoloxía do PP", di Pontón, que ve nas eivas do Sergas o froito dun plan para "deteriorar o público. "Cada recorte que se fai na sanidade pública vai directamente ao peto da privada", sinala Besteiro
"Reforzar as unidades de saúde mental", "potenciar a dedicación exclusiva" do persoal do Sergas á sanidade pública ou un "plan galego de saúde que permita incrementar e adaptar os recursos humanos e orzamentarios ás necesidades de saúde de Galicia" foron outra das principais reivindicacións dunha protesta que, outra volta, contou co apoio das dúas forzas da actual oposición parlamentaria, BNG e PSdeG. Ambas formacións estiveron este domingo en Santiago encabezadas polos seus líderes, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro. Acudiron, asemade, integrantes de forzas sen presenza no Parlamento, como Sumar e Podemos.
"Non chegamos aquí por casualidade, é pola ideoloxía do PP", considera Pontón, para quen as eivas no Sergas non poden ser atribuídas "só" á "incompetencia", senón a un plan para "deteriorar o público e beneficiar á sanidade privada". Afirma a líder do Bloque que "os do si á sanidade pública" que se manifestaron este domingo en Compostela o fan "fronte ao PP do non á saúde dos galegos e das galegas", un "perigo" que "o único que ofrece son mentiras". "Se a sanidade pública está mellor ca nunca, como é posible que haxa espera de ata 15 días para ver a médica de cabeceira?", ilustra.
SOS Sanidade Pública, nas rúas de Santiago este 6 de abril
-
060425 SOS Sanidade Cabeceira da manifestación -
060425 SOS Sanidade a nosa saúde non é un negocio -
060425 SOS Sanidade A Veig -
060425 SOS Sanidade Agresións persoal -
060425 SOS Sanidade Barbanza -
060425 SOS Sanidade Comitiva da CIG -
060425 SOS Sanidade Moaña -
060425 SOS Sanidade Comitiva do PSdeG -
060425 SOS Sanidade Comitiva da UGT -
060425 SOS Sanidade Pediatras -
060425 SOS Sanidade Pediatría Valdeorras -
060425 SOS Sanidade Plataforma A Mariña -
060425 SOS Sanidade Plataforma suicidio -
060425 SOS Sanidade Podemos -
060425 SOS Sanidade Sanxenxo -
060425 SOS Sanidade Seixo -
060425 SOS Sanidade Sumar -
060425 SOS Sanidade Valdeorras -
060425 SOS Sanidade non recortes -
060425 SOS Sanidade Comitiva do BNG
Tamén Besteiro advirte de que a situación da sanidade pública non é "un accidente", senón "unha decisión política do PP"."O recorte sistemático padéceo toda Galicia" e "cada recorte que se fai na sanidade pública vai directamente ao peto da privada", advirte o secretario xeral socialista, quen espera que a protesta sirva como "chamada de atención ao Goberno de Rueda", para que "aposte pola sanidade pública e poña fin ao seu desmantelamento".