A demora cirúrxica media do Sergas diminúe levemente e rematou 2024 en 61,7 días mentres o total de pacientes en agarda aumentou un 7,3%, ata 48.335
Na fin da primeira semana deste mes de marzo a Servizo Galego de Saúde vén de revelar as súas cifras de listas de espera correspondentes ao peche do pasado 2024. A Consellería de Sanidade pon o foco en que o Sergas realizou 10.865 operacións máis nese ano ata superar as 200.000, un crecemento do 5,6% que se produciu, ademais, mentres a media de espera experimentaba unha lixeira redución, de 67 días e medio a finais de 2023 a 67,1 no remate de 2024, incluíndo en ambos casos no cómputo os datos do hospital privado-concertado Povisa.
Este balance global inclúe, non obstante, outros matices rechamantes. Entre eles, unha suba global da poboación que espera por unha operación cirúrxica na sanidade pública galega ata as 48.335 persoas, unha suba do 7,3% a respecto de doce meses antes. O incremento global galego chega practicamente a triplicarse na área sanitaria de Ourense, cun crecemento de pacientes a esperar por unha operación superior ao 21%, e rolda ese nivel na área de Santiago, cun aumento de máis do 20%.
Na banda contraria están dúas áreas de menor poboación, as de Lugo e Pontevedra, onde 2024 rematou con menos persoas esperando a ser operadas que en 2023. No caso lucense a redución foi do 8,7% (387 persoas menos, quedando o total en 4.065) e no pontevedrés, do 3,2% (-142 para un total de 4.235).
A área compostelá é a única na que aumenta o tempo de espera medio a respecto de hai un ano e a coruñesa, a que rexistra unha demora máis prolongada
Ao ollarmos os tempos medios de demora cirúrxica só unha área sanitaria finalizou 2024 con peor resultado que o exercicio anterior, a de Santiago e O Barbanza. Cun resultado peor que a media galega, 73,5 días, o dato é 4,4 días superior ao de 2023. A maior demora global segue estando, non obstante, na área sanitaria da Coruña, onde a media se sitúa en 78,5 días.
As áreas coruñesa e compostelá son, canda a ourensá, as que superan a media galega en espera media para acceder a unha operación cirúrxica. Por baixo están os datos de Vigo, Pontevedra, Ferrol e Lugo. As áreas ferrolá e lucense son as únicas que, atendendo aos datos do propio Sergas, estarían por baixo do límite fixado pola lei segundo o cal a sanidade pública debe atender a necesidade dunha operación cirúrxica en menos de 60 días.
No que atinxe á evolución do dato galego, a leve mellora a respecto do primeiro semestre do ano e do remate de 2024 non impide, así e todo, que o dato global siga por riba do acadado antes da pandemia da COVID. Daquela o dato oficial do Sergas lograra ficar por baixo do devandito límite legal e roldar os 55 días de media.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, insta a encadrar estes datos nun contexto no que o Sergas "está a dar resposta ás necesidades derivadas do aumento da esperanza de vida". Así, por exemplo, durante o pasado ano foron realizadas 4.200 intervencións a maiores de 90 anos, unha suba interanual do 12,7%..
Dous meses de media de demora en consultas especializadas
A demora media en consultas cae 12 días e o total de pacientes en espera, un 7,5%
No balance exposto este venres Caamaño puxo o foco tamén nos resultados das listas de espera para consultas especializadas, dato global que finalizou 2024 en 60,8, o que supón unha redución de 12 días e medio sobre a media do remate de 2024. Neste dato, non obstante, tamén existe unha ampla disparidade territorial. Así, mentres que na área sanitaria da Coruña o acceso a unha consulta especializada require, de media, esperar 43,0 días, na área de Ourense a demora media increméntase ata os 86,2.
Sanidade sinala tamén como relevante que en 2024 as consultas externas aumentaron un 2,7%, o que supón chegar aos 4,9 millóns. Ao remate do ano o número de persoas agardando por unha primeira consulta co especialista situouse en 196.267, un 7,5%.