As primeiras metades de cada ano viñan ofrecendo mellores rexistros de demora sanitaria que as segundas, nas que coinciden as vacacións do verán e o Nadal, pero iso non ocorreu este ano, no que Sanidade segue lonxe dos rexistros previos á pandemia
72 días para unha operación e 71 días para unha consulta especializada. Esa é a espera media dos pacientes no Sergas a 30 de xuño deste ano, catro anos despois da chegada da COVID-19 que disparou as demoras sanitarias.
Catro anos nos que a sanidade galega non só non foi quen de volver ás cifras previas á pandemia senón que no último ano mesmo empeorou os seus rexistros, tanto nas consultas como nas cirurxías. Uns datos que se coñecen agora grazas ao Ministerio de Sanidade, que fai públicos os que lle facilitan as comunidades autónomas, xa que a Consellería de Sanidade hai varios anos que decidiu non publicalos directamente.
Se algo empeorou especialmente tras a pandemia foi a demora nas consultas especializadas. Antes da COVID-19 a media de espera situábase arredor dos 40 días, no peor da pandemia disparouse a 66 días e no último semestre do que hai datos, o primeiro deste ano, acadou os 72 días. É un día menos que no anterior semestre, a finais de 2023, pero 9 días máis que os 63 do mesmo período do pasado ano. Ademais, o 41% das citas superan os dous meses de espera.
Hai que ter en conta que tanto nas consultas como nas cirurxías os primeiros semestres de cada ano adoitaban presentar mellores rexistros que os segundos, nos que coinciden as vacacións de verán e o Nadal. Pero desta volta o Sergas non logra aproveitar esa circunstancia nin nas consultas, onde a cifra se mantén estable, nin nas cirurxías, onde aumenta.
No caso das cirurxías, a espera na primeira metade deste ano situouse en 71 días, 4 días máis que medio ano antes e 5 días máis que un ano antes. Neste caso rómpese así a tendencia que si lograra o Sergas tras a pandemia de que os primeiros semestres de cada ano rexistrasen unha caída a respecto dos segundos semestres.
A 30 de xuño había 50.200 persoas agardando por unha operación en Galicia, 5.000 máis que medio ano antes
Canto ao volume de pacientes en espera, a 30 de xuño había 50.264 persoas agardando por unha operación en Galicia, 5.000 persoas máis que medio ano antes. A cifra supón que algo máis de 19 de cada mil galegos agardaba por unha cirurxía, taxa lixeiramente superior á estatal, que non chega a 18 de cada mil. Pola contra, o tempo de espera cirúrxica si é mellor en Galicia que no conxunto do Estado, onde se rexistra unha demora media de 121 días, 50 máis.
Mentres non os comunique o Sergas, os datos agora divulgados polo ministerio non permiten coñecer as esperas por áreas sanitarias ou hospitais.