O tempo medio de espera por unha cirurxía estaba a 31 de decembro en 67 días, 8 menos que un ano antes pero un máis que no semestre anterior
O pasado 14 de febreiro, só catro días antes das eleccións galegas, a Consellería de Sanidade anunciou que unha semana máis tarde, tras os comicios, activaría unha web que sería "un exercicio de absoluta e total transparencia" sobre todo tipo de datos sanitarios, incluídas as listas de espera. Esa web activouse varias semanas despois, pero sen engadir novidades a respecto dos datos de listas de espera que xa se coñecían. Ata o punto de que este luns tivo que ser o Ministerio de Sanidade o que fixese públicos os últimos datos das esperas en Galicia, a 31 de decembro pasado, dentro do seu balance estatal periódico.
Son datos que lle comunican as comunidades autónomas pero que desde hai varios semestres o Sergas vén evitando divulgar antes para poder comparalos co resto de comunidades e salientar que Galicia está nunha mellor situación que a maioría.
Estes novos datos agora coñecidos grazas ao ministerio revelan que a espera media por unha consulta especializada disparouse a finais do pasado ano ata os 73 días, sete días máis que no peor da pandemia da COVID-19, no primeiro semestre de 2020, cando se aprazaron milleiros de consultas non urxentes. Os 73 días de espera tamén son dez días máis que os 63 que se agardaba de media só medio ano antes, a comezos de 2023.
Canto ao volume total de persoas que esperaban por unha consulta, a 31 de decembro eran 212.281, unhas dúas mil máis que medio ano antes. A cifra supón que case 82 de cada mil galegos esperaba por unha consulta especializada, o que sitúa Galicia na media estatal.
No que respecta á espera por unha cirurxía, a 31 de decembro pasado a media estaba en 67 días, un día máis que medio ano antes pero 8 menos que a finais de 2022. Unha cifra que amosa unha estabilización ou mesmo unha melloría xa que os segundos semestres de cada ano, nos que se enmarcan os meses de verán e polo tanto o groso das vacacións, adoitan ter maiores esperas tanto cirúrxicas como para consultas. Porén, a espera é aínda 13 días superior ao mellor dato acadado desde que hai cifras, xusto antes da chegada da pandemia.
O Sergas vén evitando dar os seus datos antes que o balance estatal do ministerio para salientar que Galicia ten menos tempo de espera que a maioría das comunidades, aínda que o volume de persoas en espera está na media
No caso das cirurxías, a 31 de decembro había 45.027 persoas agardando por unha, dúas mil menos que medio ano antes. A cifra supón 17 de cada mil galegos, tamén moi próxima á media estatal. Isto é, o volume de persoas en función da poboación que agarda por unha cirurxía ou unha consulta é en Galicia similar á media estatal, mentres que o tempo de espera é a metade.
Mentres non os comunique o Sergas, os datos do ministerio non permiten coñecer os datos de esperas por áreas sanitarias ou hospitais.