Sanidade publicita a 4 días do 18F que dará "absoluta transparencia" ás súas listas de espera "a próxima semana"

O conselleiro de Sanidade na presentación este mércores do Observatorio de Saúde Pública, que non estará dispoñible ata despois das eleccións CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Xunta vén ocultado de xeito sistemático todo tipo de datos sanitarios e mesmo obstaculizando a súa difusión en formatos abertos e reutilizables

A só catro días das eleccións galegas do 18F a Consellería de Sanidade anunciou este mércores que "a partir da próxima semana" estará activa a páxina web do novo Observatorio Galego de Saúde Pública, un espazo no que ofrecerá á cidadanía "datos abertos" sanitarios de todo tipo, incluídas as listas de espera. Será, dixo a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, "un exercicio de absoluta e total transparencia". Unha afirmación que chega tras anos de progresiva ocultación de todo tipo de datos sanitarios. 

O conselleiro de Sanidade na presentación do Observatorio de Saúde Pública o 14 de febreiro de 2024 CC-BY-SA Xunta de Galicia

Desde 2009 a Xunta foi aplicando sucesivas restricións informativas aos datos sobre a espera sanitaria. En 2014 deixou de informar trimestralmente e pasou a facelo só dúas veces ao ano, eliminando os dous trimestres que habitualmente presentaban peores cifras. E se antes ofrecía os datos entre dúas e tres semanas despois de rematado o semestre en cuestión, desde hai un par de anos pasou a demoralos mesmo meses, para publicalos só despois de que o ministerio divulgue as cifras comparadas de todas as comunidades autónomas. 

Ademais, o Sergas vén fixándose a si mesmo obxectivos de redución de listas de espera e de todo tipo de actos médicos que dá por cumpridos pero sen revelar o xeito en que o calcula. E vén negándose expresamente a facilitar todo tipo de datos que se lle reclaman en aplicación da lei de transparencia ata que a Valedora do Pobo intervén e establece que deben ser públicos. Durante a pandemia mesmo puxo obstáculos para divulgar os seus datos en formatos abertos e reutilizables, como esixe a lexislación galega e como agora di que fará a nova web. De xeito sistemático, todos os datos que vén divulgando ata o momento tras peticións oficiais de transparencia e tras así esixirllo a Valedora do Pobo veñen sendo facilitados en documentos PDF, non en formatos abertos.

Este mércores, ao anunciar a nova web, Sanidade salientou que este paso que se dará a semana próxima, tras o 18F, farase "tendo como principios o fomento da transparencia, da colaboración e da innovación no ámbito da saúde" para facilitar "acceso a datos actualizados, para traballar xuntos no seu emprego dunha maneira ética e responsable, sempre co obxectivo común de mellorar a saúde e o benestar de aqueles a quen servimos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.