Unha multitude volve responder á chamada de SOS Sanidade Pública e esixe reverter a situación "crítica" no Sergas

Remate da manifestación de SOS Sanidade Pública, nunha ateigada Praza do Obradoiro CC-BY-NC-SA Ana G. Liste

Milleiros de persoas volveron responder este domingo á chamada de SOS Sanidade Pública nunha multitudinaria manifestación en Santiago. Autobuses de todo o país chegaron á Alameda de Compostela, ateigada de xente antes das 12, cando partiu a mobilización cara ao Obradoiro encabezada por representantes das entidades que conforman a plataforma. Por tras delas, diversas asociacións de defensa da sanidade pública de ámbito sectorial e local, sindicatos e comitivas das principais forzas políticas da esquerda.

Ducias de colectivos e as principais forzas políticas da esquerda secundan a masiva protesta

Os habituais indicadores do carácter masivo dunha protesta no centro da capital galega cumpríronse outra volta este 4 de febreiro. Non só pola concentración final, senón tamén por mostras obvias como o feito de que, máis de media hora despois do inicio da marcha, cando a cabeceira transitou da Praza de Galicia cara á zona histórica a través da Porta da Mámoa, diversas comitivas con cadansúas pancartas aínda non lograran comezar a avanzar dende a Alameda.

Momentos da manifestación de SOS Sanidade Pública, este 4 de febreiro en Santiago CC BY-SA Praza.gal

O mesmo sucedeu no momento de chegaren á praza do Obradoiro, cando ecoou un clásico das manifestacións existosas: "Aínda segue xente saído da Alameda! En concreto, a plataforma Pediatras e matroas xa!. Sodes un exemplo de loita e dignidade", berrou a actriz Isabel Risco desde o escenario mentres as pancartas seguían a entrar nunha xa ateigada praza.

A plataforma convocante asegura que a radiografía da sanidade pública galega amosa "a última fase do seu desmantelamento"

"A sanidade pública non se pide, esíxese", escoitouse no acto final dunha mobilización na que conviviron consignas habituais como "Xunta, escoita, Galicia está en loita" con outras máis adaptadas ao momento preelectoral que vive o país -a mobilización foi convocada antes que as eleccións do 18F, pero cadra no terceiro día da campaña electoral-, tales como "que se poña Rueda na lista de espera". Nesas reivindicacións confluíron plataformas locais de comarcas como A Mariña e A Costa da Morte, sindicatos como a CIG-Saúde, CC.OO. ou UGT, colectivos que representan os diversos estratos do persoal sanitario o Sergas e tamén os partidos da esquerda.

Diagnóstico e propostas

A radiografía que fai SOS sinala que a da sanidade pública galega está “na última fase do seu desmantelamento”: centros de saúde e PACs “inaccesibles e masificados”, sen pediatras nin persoal suficiente, con esperas de semanas para conseguir unha consulta; servizos de urxencias hospitalarios colapsados; listas de espera hospitalarias ma­nipuladas que “ocultan” mais da metade dos pa­cientes; servizos de Saúde Pública sen recursos para afrontar as epidemias; persoas maiores “abandonados nas residencias e na dependencia”; e profesionais sanitarios que soportan “unhas condicións laborais precarias e indignas”.

SOS Sanidade Pública representa a 55 organizacións que abranguen plataformas cidadás, organizacións políticas e sindicais e co­lectivos profesionais. Nesta manifestación, baixo o lema ‘pola sanidade que queremos e merecemos’, defendeu 13 medidas urxentes para afrontar unha situación que cualifican de “crítica e desoladora”.

SOS Sanidade propón 13 "medidas urxentes" que van dende o incremento do persoal ata un  "plan urxente para racionalizar as listas de agarda hospitalarias"

Esas medidas foron lidas no acto final da manifestación. Entre elas destacan o incremento "urxente do persoal de medicina fa­miliar, pediatría e enferma­ría", así como a incorporación aos centros de saúde de "novas categorías profesionais necesa­rias", como psicoloxía clínica ou fisioterapia, entre outras. A "apertura dos centros de saúde pechados", máis ambulancias nas diversas comarcas, un "plan urxente para racionalizar as listas de agarda hospitalarias" ou "garantir que a atención médica e o control da saúde das persoas incluí­das na Dependencia se fai dende a sanidade pública", así como o rescate da concesión do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, son outras das principais demandas.

Estas propostas recollen o espírito das presentadas na iniciativa lexislativa popular centrada na Atención Primaria e apoiada por máis de 50.000 sinaturas que foi tombada polo PP no Parlamento. Ademais, a plataforma SOS demandou con esta manifestación unitaria incrementar o orzamento sanitario, especialmente na Atención Primaria, ata o 25% do total que indica a Organización Mundial da Saúde (OMS), garantindo que na contabilidade deste incremento non se compute o gasto farmacéutico nin o custe do sector

+INFO Propostas converxentes da esquerda para a sanidade pública cun simbólico encontro de Pontón e Besteiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.