Propostas converxentes da esquerda para a sanidade pública cun simbólico encontro de Pontón e Besteiro

Saúdo entre Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro, no comezo da manifestación de SOS Sanidade Pública, este 4 de febreiro en Santiago CC-BY-NC-SA Praza.gal

A manifestación de SOS Sanidade Pública foi convocada para este 4 de febreiro dúas semanas antes de que Alfonso Rueda anunciase que o PP decidira adiantar as eleccións galegas para o día 18 deste mes. A plataforma anunciou a data da mobilización o 5 de decembro e Rueda confirmou o anticipo electoral o día 21, o que propiciou que a marcha reivindicativa se celebrase no primeiro domingo da campaña electoral.

O saúdo entre Pontón e Besteiro, inédito en público ata agora, adquire notable impacto político ás portas do 18F

As xa relevantes presenzas das principais forzas políticas da esquerda en mobilizacións coma esta adquiriron este domingo unha especial relevancia cara ao 18F. Polas propostas en boa medida converxentes que lanzaron para o futuro do Servizo Galego de Saúde no caso de sumaren escanos dabondo para gobernar, pero tamén por unha imaxe de notable impacto político: o saúdo entre Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro na manifestación, imaxe que diversos medios de comunicación viñan buscando hai semanas e que ata agora non se producira.

Representantes do BNG, con Ana Pontón á fronte, na manifestación de SOS Sanidade CC-BY-NC-SA Praza.gal

Foi antes de que a marcha comezase a camiñar cando a portavoz nacional e candidata do Bloque á presidencia se achegou ata a comitiva do PSdeG para saudar o seu cabeza de cartel, José Ramón Gómez Besteiro. Daquela, ambos intercambiaron unhas palabras e un saúdo distendido estreitando ambas mans que virou nunha escena de obvio contido político cara ao 18F. Non en van, ambas forzas políticas manexan escenarios nos que, ante unha eventual perda da maioría absoluta por parte do PP, estarían en disposición de acordaren un novo Goberno.

A candidata do BNG resalta a promesa dun "plan de rescate da Atención Primaria dotado con 200 millóns" se é presidenta para "incrementar persoal"

No eido das propostas tamén houbo este domingo, como vén habendo dende o inicio da carreira electoral, certa converxencia nas liñas xerais lanzadas por ambos. Así, por exemplo, Pontón explica que, se é presidenta, a intención do BNG é comezar por aprobar "un plan de rescate a Atención Primaria dotado con 200 millóns para incrementar persoal", así como procurar que "o conxunto da poboación infantil teña dereito á pediatría". "Somos conscientes de que non se pode solucionar todo dun día para outro, pero imos traballar para levantar a sanidade que o PP leva 15 anos demolendo".

Comitiva do PSdeG na manifestación de SOS Sanidade Pública, este 4 de febreiro CC-BY-NC-SA Praza.gal

O candidato do PSdeG resalta a inicaitiva de garantir cita en Atención Primaria "en menos de 48 horas"

Besteiro, pola súa banda, sinalou dende a pancarta do PSdeG que "o compromiso socialista é claro" neste eido. Se retornan á Xunta tras o 18F, explica, comezará por artellar o necesario para que poida volver conseguirse "cita médica en Atención Primaria en menos de 48 horas", así como priorizar a consecución de "máis pediatras para nenas e nenos" ou máis especialistas de saúde mental. "Quen mellor que os socialistas para xestionar a sanidade pública, se fomos quen a creamos", resalta.

Tamén a candidata de Sumar, Marta Lois -a quen igualmente se achegou Pontón no comezo da manifestación- mantén que, se a súa formación é determinante para a conformación do vindeiro Goberno galego, a sanidade pública será unha prioridade. Nese sentido, reafírmase en propostas como procurar "un máximo de 48 horas" para a atención pediátrica e, en xeral, na Atención Primaria galega. "Seremos os primeiros en cumprir", mantén.

Podemos acudiu, asemade, con comitiva de seu á manifestación de SOS Sanidade Pública. A súa candidata o 18F, Isabel Faraldo, indica que unha das súas principais propostas na materia é "investir 2.000 millóns" en Atención Primaria porque, acusa, son os que "recortou" o PP.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.