É tempo de enquisas, malia á escaseza de casas demoscópicas radicadas en Galicia. A proximidade das eleccións galegas fai que proliferen os inquéritos a respecto da composición que terá o Parlamento de Galicia a partir do 18 de febreiro e, por extensión, a cor política da Xunta.
A plataforma Chantada Quere Sanidade pon cifras mediante un inquérito ás principais reivindicacións de mellora da asistencia do Sergas nesta contorna do sur da provincia de Lugo
Nos días en que o actual Goberno do PP concretaba a súa decisión de adiantar os comicios ao 18F, veciñanza do sur da provincia de Lugo, de Chantada -8.000 habitantes- e a súa contorna, decidiu lanzar outra caste de enquisa. Quixeron poñer números ás reivindicacións da plataforma Chantada Quere Sanidade, que como outras agrupacións e colectivos, vén organizándose para reivindicar máis medios e persoal para a sanidade pública na zona, especialmente para a Atención Primaria. Así o volveron reclamar cunha concorrida manifestación o pasado 13 de xaneiro.
Cando aínda non comezaran as actuais tensións asistenciais polo incremento de infección respiratorias como a gripe A ou a COVID, ata 257 persoas responderon a estes inquéritos. Trátase de veciñanza chantadina e tamén de Carballedo, case a metade maiores de 50 anos que coas súas respostas, ofrecidas a pé do centro de saúde e tamén a través dun formulario web -no que foi preciso identificación persoal para evitar distorsións- permiten traducir a cifras algunhas das protestas máis recorrentes, como as crecentes demoras para dar obtido unha cita presencial coa médica ou médico de Atención Primaria.
Máis do 70% das persoas consultadas recibiron nos seis meses previos atención facultativa en Primaria por persoal médico que non é o que ten asignado
Segundo os resultados desa enquisa, algo máis de oito de cada dez pacientes participantes no estudo tiveron que agardar máis dunha semana dende que pediron cita no centro de saúde ata que puideron chegar á consulta. O 38,1% tiveron unha agarda de entre 7 e 10 días e o 43,6%, máis de dez días. Na banda contraria, apenas o 5% conseguiron cita para un período de entre 1 e 3 días.
O estudo relaciona estas demoras con outras problemáticas, como a frecuente rotación de persoal que provoca que un relevante número de pacientes non reciba atención habitual da mesma médica ou médico de cabeceira. Máis do 70% das persoas consultadas recibiron nos seis meses previos atención facultativa en Atención Primaria por persoal médico que non é o que ten asignado. A máis do 40% sucedeulles unha ou dúas veces nese período.
Neste contexto, máis da metade de pacientes -algo máis do 60%- que responderon á enquisa declaran que "tiveron que acudir a urxencias" do Punto de Atención Continuada (PAC) nese mesmo período de seis meses "por non seren atendidos polo médico de cabeceira". Dentro dese grupo que si tivo que acudir ao PAC, case o 40% atopouno sen persoal médico "por estar atendendo nun domicilio" cando menos nunha ocasión.
Ata o 51% da poboación consultada "acudiu a algunha consulta privada por mor dos altos tempos de espera" nas consultas especializadas da sanidade pública
O inquérito promovido por este colectivo de defensa da sanidade pública tamén cuestionou a veciñanza de Chantada sobre outros aspectos da súa relación co Sergas. É o caso do tempo de demora para probas diagnósticas "pedidas por un especialista", de máis de tres meses no 80% ou as derivacións á privada para realizar estas probas -case un terzo-
Neste eido, destaca o dato segundo o cal ata o 51% da poboación consultada "acudiu a algunha consulta privada por mor dos altos tempos de espera" nas consultas especializadas da sanidade pública. Datos coma estes, conclúen, "non reflicten a situación dun colapso sanitario" puntual, dado que a enquisa é anterior ao pico da gripe, "senón a situación habitual da sanidade no noso distrito".